A Xunta confirma o que Abanca xa comunicara ao seu persoal hai máis dun mes, horas despois de que Feijóo remitise ao banco para explicar por que o anunciara
A Xunta confirma que Abanca foi a entidade gañadora da subvención do Executivo galego para a instalación de caixeiros en concellos onde xa non hai sucursais bancarias. Dous días despois de coñecerse, tal e como adiantou Praza.gal, que o banco xa comunicara ao seu persoal que ía ser a elixida pola Administración autonómica, e só unhas horas despois de que Feijóo remitise á entidade financeira para explicar por que dá por feito que recibiría a axuda pública.
Foi David Cabañó, director xeral de Política Financeira, quen o confirmou a preguntas da oposición na Comisión de Facenda do Parlamento. "Non hai ningún inconveniente en comunicar que Abanca tivo a maior puntuación no proceso con ampla diferenza sobre a outra entidade participante", afirmou, corroborando tamén que houbo cando menos outro competidor, malia que Feijóo supuxo que non este pasado xoves.
"Pregúntelle á entidade financeira", recomendou o presidente á xornalista que o cuestionou sobre a comunicación que a principios de agosto fixo Abanca ao seu persoal para anunciar que se fixera coa subvención da Xunta. Defendeu que "se só hai, nun concello, unha entidade financeira que quere instalar un caixeiro, supoño que igual conclúe que ese caixeiro o vai instalar o único solicitante" e "se só hai un solicitante, non debería estrañar a ninguén". "Se hai máis, pregunte á entidade", insistiu, tras aludir a unha presunta subvención individual por municipio que non é tal.
En realidade, as condicións da subvención da Xunta estipulan que haberá unha única empresa beneficiaria para a instalación de todos os caixeiros nos concellos en que sexa requirido, non unha por cada municipio. Ademais, fontes coñecedoras da notificación de Abanca ao seu persoal xa afirmaran que a propia Abanca detallou que outras dúas firmas optaran ás axudas. En calquera caso, non é posible coñecer este extremo con exactitude e as causas de exclusión doutras eventuais candidatas -se as houber- ata que a concesión da subvención sexa oficial.
"Aqueles que solicitaron o incentivo teñen comunicación desa proposta de resolución provisional, e unha vez examinadas as alegacións, notifícase para que poidan alegar e formúlase a proposta de resolución definitiva, que se formulou no día de onte. Polo tanto, e como o seu nome indica, xa é definitiva", aclarou este venres Cabañó, á espera de que a oficialidade da subvención a Abanca se reflicta no Diario Oficial de Galicia.
Abanca accede a unha subvención de ata 2,8 millóns, 16.000 euros por caixeiro que instale, mesmo naqueles municipios onde peche sucursais
Así, Abanca é a gañadora da subvención da Xunta para instalar caixeiros en concellos onde xa non hai sucursais bancarias, incluíndo municipios onde o banco herdeiro das desaparecidas Caixa Galicia e Caixanova pechase ou vaia pechar oficinas. As axudas, convocadas formalmente en xuño, están dotadas con ata 2,8 millóns de euros, 16.000 euros por máquina instalada.
A confirmación da adxudicación desta "axuda de Estado", como a definiu a Xunta, chega xusto cando Abanca está a levar a cabo a clausura das súas sucursais en localidades como Zas, Baíñas (Vimianzo), A Baña, Campelo (Poio), San Valentín (Fene), Padrenda, Quintela de Leirado ou San Xoán de Río, nunha nova vaga de peches que se une aos levados a cabo nos últimos meses e que ergueron as protestas de veciñanza e concellos por toda Galicia. A última, un velorio e un réquiem multitudinario en Campo Lameiro ao que seguirá unha concentración en Portas este venres.
"Mexan por nós e páganlles para que mexen máis", recrimina Noa Presas (BNG) á Xunta, á que acusa de "connivencia" con Abanca
Na Comisión de Facenda deste venres, a deputada do BNG Noa Presas foi moi crítica coa subvención impulsada pola Xunta. "Mexan por nós e páganlles para que mexen máis", advertiu sobre un "problema", a exclusión financeira en moitos municipios galegos, que "xa non é exclusivamente rural". A parlamentaria alertou, ademais, dun "síntoma máis do escándalo e da connivencia [da Xunta] con esta entidade", en referencia a Abanca.
"A única negociación política é poñerlle unha alfombra vermella ao señor Escotet, que sabe máis dos fondos europeos e vai ter máis capacidade de decisión que este Parlamento", reprochou Noa Presas a Cabañó nunha comisión parlamentaria na que o deputado socialista, Juan Carlos Francisco, Rivera preguntou ao director xeral de Facenda "se lle parece coherente que se financien caixeiros a unha entidade que gañou 3.000 millóns de euros".
Segundo as bases da orde que regula a concesión desta subvención, no mes de xuño de cada ano a Xunta comunicará á entidade que resulte beneficiaria das subvencións --Abanca neste caso-- que concellos se sumaron á medida asinando o respectivo convenio coa Administración. Actualmente, segundo avanzou Cabañó, son 38, ademais "dalgún outro que amosou interese", dun total de máis de medio cento que carecen de oficinas bancarias no seu termo municipal. "Estamos satisfeitos da resposta e da acollida", engadiu. A partir dese momento, a entidade terá un máximo de 90 días para instalar un caixeiro nos locais que lle faciliten as administracións locais.
A orde introduce outras novidades como a esixencia de Facenda á entidade que resulte gañadora da “colocación do logotipo da imaxe institucional da Xunta de Galicia na parte frontal do caixeiro e na pantalla de acceso ao menú principal”.
15 oficinas bancarias pechadas cada mes
Desde 2008, Galicia perdeu máis da metade das súas sucursais bancarias, pasando das 2.534 ás 1.234 a finais de 2020, segundo os datos do Banco de España, que certificaban daquela que había xa 45 concellos sen oficina.
A situación non mellora. No estudo A Economía Galega. Informe 2020-2021, elaborado polo Idega da USC xunto ao Centro de Investigacións Abanca de Ieside, advírtese de que a finais de marzo de 2021 eran 1.190 as oficinas bancarias en Galicia, 44 menos que ao remate do pasado ano. A un ritmo de 15 peches ao mes.
Os últimos anuncios de peches de Abanca supoñen que, polo menos en Monfero, Campo Lameiro, Quintela de Leirado, Cerdido, Muras ou San Xoán de Río queden sen sede de entidade financeira ningunha. Xa que logo, pasan do medio cento os municipios que en Galicia non teñen oficina bancaria, á espera dos datos que ofreza ao Banco de España ao peche de 2021.