Veciñanza e gobernos municipais rebélanse por toda Galicia contra Abanca polo peche de sucursais

Mobilización en Campo Lameiro contra o peche da oficina de Abanca © Concello de Campo Lameiro

Unha manifestación apoiada por varios gobernos municipais protestará o vindeiro xoves ante a sede de Abanca contra o peche de oficinas bancarias

Os gobernos locais de Zas, Vimianzo e A Baña impulsaron a manifestación que o vindeiro xoves 2 de setembro terá lugar ás 11:30 diante da sede de Abanca na Coruña para protestar polo peche de oficinas que a entidade ten previstas nestas localidades. Logo de mobilizacións nos municipios afectados, os tres Concellos lideran unha nova protesta á que se uniron outros como o de Fene ou sindicatos como CIG-Banca. Todos contra unha nova vaga de clausuras de sucursais que indigna a veciñanza, en especial a da Galicia rural e interior, afectada por un novo recorte nos servizos, desta vez financeiros. 

Nos últimos tres meses, como alertan os concellos afectados, Abanca pechou doce oficinas. Na primeira quincena de setembro pretende cerrar outras nove. En parroquias ou núcleos principais de Poio, Marín, Monfero, Cerdido Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Moaña, Muras, Forcarei, Padrenda, Quintela de Leirado, Fene, Vilagarcía, Portas ou Valdoviño. Milleiros de persoas afectadas, especialmente nos municipios do interior e rurais, nos que en moitos casos quedan sen alternativa bancaria e coa obrigatoriedade de desprazarse varios quilómetros para calquera xestión. 

Entre 2008 e 2020, Galicia perdeu máis da metade das súas sucursais; nos primeiros tres meses de 2021 pecharon outras 44

Desta vez, a indignación non é só cidadá. Son maioría os Concellos nos que os gobernos locais --de diferentes cores políticas-- ou plenos ao completo rexeitan o peche das oficinas de Abanca, que veñen afondar nunha vaga de clausuras que antes levaron a cabo outras entidades. Desde 2008, Galicia perdeu máis da metade das súas sucursais bancarias, pasando das 2.534 ás 1.234 a finais de 2020, segundo os datos do Banco de España, que certificaban daquela que había xa 45 concellos sen oficina.

A situación non mellora. No estudo A Economía Galega. Informe 2020-2021, elaborado polo Idega da USC xunto ao Centro de Investigacións Abanca de Ieside, advírtese de que a finais de marzo de 2021 eran 1.190 as oficinas bancarias en Galicia, 44 menos que ao remate do pasado ano. A un ritmo de 15 peches ao mes. 

Ademais, son cada vez máis o número de concellos que carecen de sucursal. Os últimos anuncios de peches de Abanca supoñen que, polo menos en Monfero, Campo Lameiro, Quintela de Leirado, Cerdido, Muras ou San Xoán de Río queden sen sede de entidade financeira ningunha. Xa que logo, pasan do medio cento os municipios que en Galicia non teñen oficina bancaria, á espera dos datos que ofreza ao Banco de España ao peche de 2021. 

Medio cento de concellos galegos quedan sen sucursal bancaria tras os peches en Campo Lameiro, Cerdido ou Muras

Abanca contaba, ata o anuncio dos últimos peches, con arredor de 470 oficinas en Galicia, case o 40% do total de sucursais bancarias. O 33% delas están en municipios de menos de 5.000 habitantes, os máis impactados agora cunha nova vaga de recortes. E en 128 municipios, o banco con sede en Betanzos é o único con presenza física. 

En Campo Lameiro, un dos concellos afectados, todos os grupos do pleno municipal (PP, Porvir e PSdeG) acordaron a unidade de acción ante unha decisión "inxusta e antisocial" de Abanca. A corporación anunciou, ademais, que declarará persoa non grata o presidente da entidade, Juan Carlos Escotet, de levar a cabo o anunciado peche da oficina bancaria. 

Campo Lameiro declarará 'persoa non grata' a Escotet de confirmarse o peche; en Cambados propoñen un boicot e cerrar as contas municipais no banco

En Forcarei, a alcaldesa socialista Verónica Pichel advertiu de que Abanca recibiu "moito diñeiro público", á que acusou de ter como "referencia os números". "Pero isto aquí non só vai de números", asegurou. No Concello de Portas, pola súa banda, o alcalde Ricardo Martínez amosou a súa "indignación" polo peche da sucursal e manifestou a súa "repulsa" ante a decisión do banco do grupo venezolano Banesco. 

Ademais, en Cambados, e tras o rexeitamento amosado polo goberno local, un dos socios deste executivo, Somos Cambados, propuxo o boicot a Abanca e pechar a conta que o Concello ten na entidade, así como promover que asociacións e colectivos municipais fagan o mesmo. Mentres que en Cerdido, PSOE e PP acordaron reclamar ao banco que reconsidere as súas intencións. 

Son estas algunhas das reaccións nos municipios afectados que se unen á da Deputación de Pontevedra ou á da Federacion Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que constatou "o aumento da inquedanza entre alcaldes e alcaldesas" pola "desprotección" que a exclusión financeira está a provocar en moitos concellos, sobre todo "para as persoas sen habilidades tecnolóxicas ou capacidade de transporte e as consecuencias para o propio futuro das localidades". Así, anunciou unha enquisa coa que pretende analizar a situación en concreto na que quedan moitas vilas e parroquias galegas. 

Mesmo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosou a súa preocupación asegurando que desde o Goberno galego intentarán que Abanca "recapacite" e non deixe localidades "sen servizos". 

Antes, e con tantos concellos sen oficina bancaria ningunha, a Xunta anunciara, hai xa dous anos, a "próxima licitación" dun contrato para que entidades financeiras instalasen caixeiros nestas localidades. 

Concentración de protesta en Zas contra o peche dunha sucursal bancaria de Abanca © Concello de Zas

A banca pechou 18 sucursais en concellos onde a Xunta a vai subvencionar con 2,8 millons para poñer caixeiros

Como veu informando Praza.gal, o Goberno galego foi cambiando o plan e, neste tempo, o contrato virou en protocolo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ao que deben adherirse os municipios interesados nun servizo que xa non chegará a través dun contrato, senón mediante unha subvención. O Goberno galego viñera reiterando o plan en sucesivas notas de prensa, pero non foi ata o pasado mes de xuño cando revelou o montante de cartos públicos co que financiará a operación.

O Consello da Xunta deu o seu visto e prace á activación desta orde de subvencións da Consellería de Facenda para o período 2021-2025 por importe de 2,88 millóns de euros. Ao facer pública esta decisión, a Xunta actualizou tamén os concellos xa adheridos ao plan que "xa asinaron os correspondentes convenios". Trátase de 34 concellos entre os que se atopan 16 que nos que diferentes entidades bancarias pecharon ata 18 oficinas dende o ano 2003, segundo datos do Banco de España.

Ademais, o banco ao que a Xunta subvencione caixeiros recibirá axudas tamén para colocalos onde peche oficinas nos próximos anos. A subvención a partir de agora só se reducirá nun 25%, pasando de 14.200 a 10.650 euros por aparello e ano

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.