A veciñanza de Zas, Vimianzo e A Baña, chamada a manifestarse na Coruña contra o peche de sucursais bancarias nos seus concellos

Concentración de protesta na Baña contra o peche dunha sucursal bancaria de Abanca © Concello da Baña

Nas últimas semanas coñeceuse o peche inminente de tres sucursais de Abanca nos concellos da Baña (na parroquia de San Vicenzo), Vimianzo (parroquia de Baíñas) e Zas (na capital municipal), deixando á poboación destas zonas sen acceso aos servizos bancarios presenciais. Está previsto que as tres oficinas pechen o vindeiro 8 de setembro.

A marcha conta co apoio dos tres gobernos municipais. Están a prepararse autobuses gratuítos para que a veciñanza poida acudir á cidade herculina

Dende que se tivo noticia destas clausuras, os gobernos municipais destes concellos, o mesmo que asociacións veciñais, empresariais e outras entidades sociais locais comezaron a mobilizarse para protestar contra os peches, buscando que Abanca reconsiderase a súa decisión. Leváronse a cabo varias concentracións e manifestacións nas propias localidades afectadas e o vindeiro xoves 2 de setembro está convocada unha manifestación na Coruña, unha marcha que conta co apoio dos tres gobernos municipais e para a que se están a preparar autobuses gratuítos para que a veciñanza poida acudir á cidade herculina. 

“Imos esgotar todas as posibilidades que temos na nosa man para lograr que Abanca reconsidere esta decisión”, di o alcalde de Zas

A manifestación comezará ás 11.30 horas ante a sede de Abanca na Coruña e a ela está previsto que se sumen veciños e veciñas doutros concellos nos que está previsto de forma inmediata o peche de sucursais de Abanca. O alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, destaca que “imos esgotar todas as posibilidades que temos na nosa man para lograr que Abanca reconsidere esta decisión”. 

Os peches únense a moitos outros que se están a producir na última década en Galicia. Dende o ano 2008 o país perdeu máis da metade das súas oficinas bancarias, clausurándose máis de 1.300 oficinas nestes 13 anos. Nos últimos meses comezou unha nova vaga de peche de oficinas, o que está a provocar fenómenos de exclusión financeira de moitas persoas, especialmente das de maior idade, á que non lle resulta doado empregar as ferramentas dixitais da banca online. A situación foi mesmo sinalada polo Banco de España, mentres que a Xunta de Galicia optou por subvencionar ás entidades bancarias para que poña caixeiros onde peche oficinas.

En concentracións como a que tivo lugar na Baña hai uns días (no vídeo) puideron atoparse berros como “Abanca acaba co rural” ou “Queremos unha oficina, non un caixeiro”. De igual xeito, houbo ata quen propuxo aos asistentes “retirar xuntos todos os cartos que temos en Abanca se pecha a oficina da Baña”.

A Baña: "Se temos que desprazarnos a concellos limítrofes para facer xestión financeiras, moitos aproveitarán para facer alí as súas compras”

“Todos sabemos o que supón o peche da única oficina de Abanca no noso municipio, e que terá unha grande repercusión social e económica para o noso comercio"

A Baña acolleu hai uns días unha concentración de protesta. O alcalde, José Antonio Pereira (PSdeG-PSOE), destacou que “todos sabemos o que supón o peche da única oficina de Abanca no noso municipio, e que terá unha grande repercusión social e económica para o noso comercio e a pouca industria que temos”, engadindo que “se temos que depender e desprazarnos a concellos limítrofes para facer xestión financeiras, moitas persoas aproveitarán para facer alí as súas compras”. “É un atentado contra o rural”, concluíu, lembrando que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio.

O pleno da Baña aprobou por unanimidade o pasado 12 de agosto un manifesto institucional rexeitando o peche anunciado por Abanca. En coordinación cos concellos de Vimianzo e Zas (onde a entidade financeira tamén pechará oficinas) os tres alcaldes solicitáronlle unha reunión ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, posto que os tres rexedores cren que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financeira.

Faixa colocada na fachada da Casa do Concello de Zas © Concello de Zas

Zas: "Este peche é un ataque máis ao rural galego"

“No noso concello temos unha poboación envellecida que, en moitos casos, ten dificultades para desprazarse a outras zonas para facer as diversas xestións bancarias"

O alcalde de Zas, Manuel Muíño (BNG), destacou que “no noso concello temos unha poboación envellecida que, en moitos casos, ten dificultades para desprazarse a outras zonas como Baio ou Santa Comba para facer as diversas xestións bancarias" e engadiu que "este peche é un ataque máis ao rural galego ademais de supoñer un novo abuso para a clientela xa que a maior parte non ten os coñecementos necesarios para xestionar a súa banca online obrigándoos así a que terceiras persoas xestionen as súas contas”. 

Muíño engade que Abanca "foi rescatada con 9.000 millóns de euros de diñeiro público e malvendida por mil millóns de euros a unha empresa que ano tras anos presenta beneficios a base de centralizar as operacións na banca virtual incrementando abusivamente as comisións e coa conseguinte destrución de emprego e limitación da atención ao cliente". 

Vimianzo: "A xente de avanzada idade toparase coa fenda dixital"

"A situación obrigará aos veciños e veciñas, moitos deles persoas maiores, a desprazarse para poder retirar cartos, realizar calquera tipo de trámite ou mesmo obter información ou asesoramento"

O goberno local de Vimianzo denunciou que o peche da única sucursal na parroquia de Baíñas "dificultará o acceso a un servizo esencial ás arredor de 700 persoas que residen nesta zona do termo municipal". "A situación obrigará aos veciños e veciñas, moitos deles persoas maiores, a desprazarse para poder retirar cartos, realizar calquera tipo de trámite ou mesmo obter información ou asesoramento", sinala o Goberno local. “Ademais, a xente de avanzada idade toparase coa fenda dixital se necesita obter información ou asesoramento e só pode facelo de forma telemática, xa que non se desenvolven coas aplicacións móbiles”, di a alcaldesa Mónica Rodríguez (PSdeG-PSOE).

Concentración de protesta en Zas contra o peche dunha sucursal bancaria de Abanca © Concello de Zas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.