Se a finais do pasado ano o supervisor bancario cifraba en 45 os concellos sen sucursal, agora cuantifica en 38 os que carecen sequera de caixeiro, mentres o Goberno galego está disposto a subvencionalos mesmo onde se pechen oficinas nos próximos anos
Nos últimos anos o Banco de España ou o Instituto Nacional de Estatística (INE) veñen deixando constancia do aumento da exclusión financeira especialmente no rural polo progresivo peche de sucursais bancarias paralelo ás fusións de entidades da última década. En Galicia, cun mercado financeiro condicionado pola fusión e posterior privatización en Abanca das antigas Caixanova e Caixa Galicia, o último dato ao respecto, de finais do pasado ano, era que había 45 concellos sen ningunha sucursal na que poder realizar xestións.
Agora un novo informe do Banco de España vai máis alá e cifra en 38 os concellos “sen punto de acceso ao efectivo”, isto é, que nin sequera teñen un caixeiro automático. Unha situación contra a que a Xunta quere loitar con subvencións á banca de ata 2,8 millóns de euros nos próximos catro anos para que instale caixeiros en locais que cedan os concellos interesados.
En 2009, xusto antes da fusión de Caixanova e Caixa Galicia autorizada polo Banco de España sobre cuxas consecuencias despois se desentendeu, había en Galicia 25 concellos sen oficina bancaria. Unha década despois, en 2019, o INE incrementaba esa cifra ata os 42, e a finais de 2020 xa eran 45, segundo o Banco de España. Agora esa mesma entidade vén de facer público o pasado mércores [aquí o PDF] un informe sobre “Infraestrutura do efectivo e vulnerabilidade no acceso ao efectivo en España”, documento no que vai máis alá das sucursais e analiza tamén os caixeiros automáticos, tanto os que están asociados ás oficinas como os “desprazados”, como os cualifica.
Ourense, con 26 concellos que suman 25.870 habitantes sen sequera un caixeiro no termo municipal, é a provincia máis afectada
O informe sinala que os concellos “sen puntos de acceso ao efectivo” son na provincia da Coruña 8 que suman 14.409 habitantes, en Lugo 3 que suman 2.072 habitantes, en Ourense 26 que suman 25.870 habitantes e en Pontevedra un con 1.073 habitantes. En total, os 38 concellos sen caixeiro automático suman 43.424 galegos e galegas sen ese servizo no seu termo municipal.
O Banco de España sinala a posibilidade de que as oficinas de Correos ou outro tipo de establecementos poidan contribuír a facilitar efectivo á poboación que carece de servizos financeiros, aínda que os concellos máis pequenos tampouco contan en moitos casos con esas outras alternativas.
O proceso de concesión das axudas da Xunta á banca para que instale caixeiros está pendente de resolverse oficialmente despois de que o 27 de xullo rematase o prazo de solicitude
A opción elixida pola Xunta para loitar contra a exclusión financeira é a de subvencionar a instalación de caixeiros en locais que cedan os concellos interesados, que tamén deberán asumir parte dos custos. O 16 de xullo, cando o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, compareceu no Parlamento para defender que a subvención á banca “son cartos moi ben investidos”, cifrou en 34 os concellos que xa se adheriran á iniciativa da Xunta. Un proceso de concesión das axudas que está pendente de resolverse oficialmente despois de que o 27 de xullo rematase o prazo de presentación de solicitudes por parte das entidades financeiras interesadas, ás que a Xunta está disposta a axudar mesmo cos caixeiros que instalen alí onde sigan pechando oficinas nos próximos anos.