“Primeiro tapemos esta carencia e despois miremos outras derivadas”, defende no Parlamento o conselleiro de Facenda, que salienta que entre os concellos interesados hainos de todas as cores políticas
“Arranxar os problemas dos cidadáns” que non teñen servizos bancarios nos seus concellos é a prioridade da Xunta ao subvencionar á banca para que poña caixeiros onde xa non hai oficinas bancarias e mesmo onde as peche nos próximos anos. “Primeiro tapemos esta carencia e despois miremos outras derivadas”, defendeu este mércores no Parlamento de Galicia o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que dixo que os 2,8 millóns de euros cos que a Xunta vai subvencionar a unha entidade financeira durante os próximos catro anos “son cartos moi ben investidos”.
Foi o deputado do PSdeG Juan Carlos Francisco quen preguntou ao conselleiro polas medidas da Xunta para loitar contra a exclusión financeira e o peche de servizos bancarios no rural. A resposta de Valeriano Martínez comezou asegurando que “desde a Xunta estamos a facer o que ao noso entender non se está facendo desde o Goberno central”, salientando a continuación que os “incentivos” da Xunta para que unha entidade financeira poña caixeiros en concellos onde xa non hai oficinas bancarias “son cartos moi ben investidos”.
Segundo os documentos oficiais dos que foi informando Praza.gal, a Xunta pagará a instalación e mantemento dos caixeiros e un servizo de axuda e formación para operar neles dúas horas á semana, e os concellos deberán facilitar os espazos para colocalos e pagar o consumo eléctrico, de telefonía e a limpeza. O conselleiro salientou durante toda a súa intervención que a medida foi acordada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e que dos 45 concellos que carecen de servizos bancarios 34 xa asinaron a súa adhesión ao acordo e "catro ou cinco" máis farano proximamente. “Resulta que hai de todos, PP, PSOE, do Bloque e concellos incluso mediopensionistas ou independentes”, dixo o conselleiro.
“Se seguen pechando oficinas, digo eu que a solución non será que a Xunta siga poñendo diñeiro montándolles os caixeiros”, criticou o deputado socialista Juan Carlos Francisco
Na súa segunda intervención o deputado socialista dixo que non critica que a Xunta acorde cos concellos medidas para facilitar a instalación de servizos financeiros, “o que cuestionamos é que o diñeiro público maximice o beneficio das entidades”, salientou, poñendo o foco no xeito en que a Xunta contempla que a entidade que resulte beneficiaria reciba axudas tamén para colocar caixeiros en lugares nos que peche oficinas nos próximos anos, non só ata agora. “Se seguen pechando oficinas, digo eu que a solución non será que a Xunta siga poñendo diñeiro montándolles os caixeiros”.
Máis alá de que os concellos e a Xunta faciliten os espazos ou os trámites para a instalación, os custos dos caixeiros, dixo Francisco, “teñen que asumilos as entidades financeiras e non pode asumilos a administración pública”. O socialista salientou que a medida da Xunta pretende “solucionar un tema puntual” cunha medida errónea cando “a solución ten que ser política”.
Na súa intervención final o conselleiro salientou que tamén outras comunidades autónomas ou deputacións teñen en marcha sistemas similares de loita contra a exclusión financeira pero “non tan ambiciosos” como o da Xunta. E incidiu en que entre os concellos que xa aceptaron participar na medida hainos “de todas as cores”. Nada dixo en ningunha das súas dúas intervencións do efecto que pode ter a previsión de que a entidade que finalmente resulte elixida reciba axudas tamén para colocar caixeiros onde peche oficinas nos próximos anos.