O pasado venres, apenas dous días despois de que o debate da moción de censura ao Goberno de Mariano Rajoy no Congreso trouxese consigo un repaso aos anos de crise e recortes, tamén no que atinxe ao rescate financeiro, o Banco de España deu en publicar unha caste de autopsia do acontecido. Informe sobre la crisis financiera y bancaria en España, 2008-2014é un documento de máis de 250 páxinas que se remonta aos anos da expansión e a burbulla e fai unha detalladísima descrición da situación do sector financeiro, do marco lexislativo e mais das propias actuacións do propio Banco de España ao respecto. O groso desta ampla análise dedícase ao proceso de reestruturación e rescate do sector financeiro e, polo tanto, tamén de Caixanova e Caixa Galicia, cuxa fusión e desaparición o regulador despacha en apenas dúas páxinas sen sinalar responsabilidade ningunha no acontecido.
Os principares titulares que xerou este informe abondan nunha cifra que, en boa medida, xa fora avanzada dende a propia institución supervisora ou polo Tribunal de Cuentas. Os fondos públicos non recuperados no rescate bancario chegan aos 60.613 millóns de euros, cantidade que o Goberno de España agarda amortecer coa venda de Bankia pero que, en calquera caso ten pouco que ver co panorama debuxado polo Goberno de Mariano Rajoy tras aceptar o rescate en 2012, retrato segundo o cal estas operacións non ían custar "un euro ao contribuínte". Entre os fondos perdidos están 8.000 dos 9.000 millóns de euros inxectados en Novacaixagalicia e a súa herdeira Novagalicia Banco.
O Banco de España relata a súa versión do acontecido na entidade galega no apartado do informe dedicado ás "actuacións realizadas" sobre as primeiras entidades saneadas con cargo ao rescate. Así, neste documento oficial a historia comeza "en xuño de 2010", cando Caixa Galicia e Caixanova inician "un proceso de fusión do que xurdiu Novacaixagalicia". "O plan de integración -constata- recollía axudas do FROB" por importe de 1.162 millóns de euros, aos que en 2011 se engadiron 2.465 millóns máis para cumprir os requisitos da nova normativa estatal dese ano. Esas novas esixencias non eran outras que a bancarización, "co traspaso da práctica totalidade dos activos e pasivos, coa excepción dos vinculados á obra social, a unha entidade bancaria de nova creación", NCG Banco, isto é, Novagalicia.
Para o documento oficial a historia comeza en xuño de 2010, cando Caixa Galicia e Caixanova inician "un proceso de fusión"
O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), continúa o relato, deu luz verde ao plan para inxectar eses máis de 2.400 millóns e o organismo creado polo Goberno de Zapatero para pilotar as fusións pasou a ser o máximo accionista. Os restos das grandes caixas galegas, nacionalizados ao 93,16%, lembra o informe. En 2012, "con motivo da avalación independente do sector financeiro, estimouse que NCG Banco tiña necesidades de capital adicionais" de 7.176 millóns de euros no "escenario adverso" formulado.
8.000 dos máis de 60.000 millóns de axudas non recuperadas corresponden á fusión galega
Foi así como a finais dese ano FROB, Banco de España e Comisión Europea aprobaron "o plan de resolución", isto é, sanear e vender o que quedaba de Novacaixagalicia. O plan implicaba "diversas medidas" como desfacerse do Banco Gallego e de EVO -marca que adoptara fóra de Galicia-, traspasar o ladrillo tóxico á Sareb -o banco malo-, abandonar diversas empresas nas que participaba, abordar o conflito da estafa das preferentes e mais "unha forte redución do tamaño, número de empregados e oficinas". A factura desa última vaga de axudas públicas foi a maior: 5.425 millóns de euros.
O despedimento do consello de administración do banco en xaneiro de 2014 e a súa substitución provisional por directivos do propio FROB e sinalado polo Banco de España como penúltimo capítulo antes da sinatura venda ao grupo venezolano Banesco, que gañara a poxa o 18 de decembro de 2013 "cunha oferta de 1.003 millóns de euros", dos cales o grupo que despois renomearía a entidades como Abanca "abonou un 40% ao contado e o 60% restante en sucesivos prazos", un pagamento que xa rematou en febreiro deste ano.
As lagoas da historia
Este relato, case cirúrxico, obvia calquera mención a eventuais erros do Banco de España, así como ao labor dos directivos das caixas e dos gobernos galego e español. Pasa por riba das revelacións do proceso xudicial -que retratou Caixa Galicia como "insolvente" e Caixanova, como inviable xa antes da fusión-, pero tamén ignora todo o acontecido antes de xuño de 2010, do inicio formal da fusión, que os máximos responsables aceptaron formalmente en marzo dese ano rubricando un documento no que a Xunta inseriu a sinatura da daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, xesto político co que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo pretendeu escenificar a súa influencia na unión.
O documento obvia o papel da Xunta e o informe que esgrimiu para avalar a fusión, as indemnizacións dos ex-directivos ou as razóns polas que o propio Banco de España viu inviable a unión aos poucos meses
A blindaxe dos directivos, ou as reformas da lei de caixas tamén son ignoradas nun relato no que, por exemplo, tampouco se menciona se o Banco de España valorou ou non a postura da Xunta ou o informe que, encargado polo propio Goberno galego á consultora KPMG por 1 millón de euros, foi esgrimido dende San Caetano como unha "auditoría" que avalaba a fusión, aínda que nin se trataba formalmente dunha auditoría nin daba o seu visto e prace á operación. Non especifica, tampouco, por que o Banco de España non transmitiu nin ao bipartito nin ao goberno do PP ningunha preocupación pola solvencia das caixas nin a respecto dalgunhas actuacións máis polémicas, como a colocación masiva de preferentes.
Tampouco explica o Banco de España por que, segundo declarou o seu ex-gobernador, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, autorizou a fusión das grandes caixas galegas a xeito de "mal menor" sen valorar "opcións alternativas" que, segundo MAFO, existían. Do mesmo xeito, tampouco xustifica as razóns polas que non controlou as indemnizacións que levaron os ex-directivos á cadea ou como é posible que, atendendo ao revelado pola patronal galega, o mesmo Banco de España vise inviable a fusión catro meses despois de aprobala.