Centos de persoas participaron no velorio e réquiem pola sucursal de Abanca pechada en Campo Lameiro, unha protesta que virou en defensa do rural
Velorio e réquiem pola sucursal de Abanca, pechada este pasado mércores en Campo Lameiro, outro dos municipios afectados pola última vaga de peches de sucursais de Abanca. Centos de persoas asistiron á noitiña --convocados polo Concello e todas as forzas da corporación-- a esta simbólica manifestación que encheu as rúas da vila de loito, laios e protestas contra a entidade financeira.
O cortexo fúnebre virou tamén nunha reivindicación en defensa do rural galego, ao que a veciñanza ve ameazada por unha nova perda de servizos, desta vez financeiros, nunha localidade que queda sen sucursal ningunha. Houbo cirios, banda de música, coroas de flores e presenza de alcaldes doutras localidades afectadas e de representantes de todos os partidos, mesmo dun deputado do Congreso, o popular Diego Gago.
"É unha folla máis na defensa da dignidade do rural galego; esta historia aínda non tocou á súa fin", di o alcalde de Campo Lameiro
Implicáronse empresas e entidades locais e gran parte da veciñanza deste concello gobernado polo PP --obtivo a metade dos votos nas últimas eleccións municipais-- pero onde a protesta é compartida por todos os partidos. "Volverei reunirme cos responsables de Abanca en Pontevedra para seguir esixindo unha saída satisfactoria a un problema que eles sós crearon e que afecta directamente a nosa xente maior, que non se defende cos caixeiros intelixentes e moito menos coa banca electrónica", asegurou Carlos Costa nun alegato que foi máis aló da demanda dunha sucursal bancaria, senón que foi "unha folla máis no camiño en defensa da dignidade do rural galego".
"Esta historia aínda non tocou á súa fin", engadiu o rexedor, que mantén a idea de que o Concello declare axiña a Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, persoa non grata no municipio, algo que tamén se debaterá no pleno de Cerdedo-Cotobade, afectado tamén polos recortes bancarios.
Pero Campo Lameiro non é o único concello rebelado contra a última vaga de peches de sucursais anunciadas por Abanca, que ergueu as protestas de veciñanza e gobernos locais por toda Galicia. Á marxe das mobilizacións en cada un dos municipios afectados, unha marcha na Coruña xuntou a pasada semana medio milleiro de persoas ante a sede da entidade financeira, convocadas polos Concellos de Vimianzo, A Baña e Zas e apoiadas por alcaldes doutros municipios afectados.
Nestes municipios, ao igual que en Portas ou Campelo (Poio), Abanca consumou este mércores o peche. Na Costa da Morte, os rexedores insisten na petición dunha entrevista co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para evitar os peches. Antes, o martes, entregaron na sede do banco na Coruña as 5.500 sinaturas recollidas entre a veciñanza para "esixir" o mantemento das sucursais.
Campo Lameiro pretende declarar 'persoa non grata' a Juan Carlos Escotet, que é acusado nunha carta de "desleal" por toda a corporación de Portas
En Poio, e logo da clausura da oficina, a indignación medrou ao quedar fóra de servizo o caixeiro que quedou habilitado. En Portas, as protestas foron máis aló. O ex-alcalde popular e logo independente, Roberto Vázquez, encadeouse por sorpresa ás portas da sucursal bancaria pechada por Abanca en protesta pola decisión da entidade. É só o aperitivo dunhas protestas que continuarán neste concello cunha concentración da veciñanza ante a oficina o vindeiro venres.
Será logo de que o alcalde, Ricardo Martínez (PP), e os voceiros dos grupos municipais dos populares, VUP, BNG e PSdeG pendurasen xa a pasada semana pancartas de protesta diante do Consistorio e noutras zonas en protesta polo peche da única oficina bancaria do municipio. Ademais, a corporación acordou o envío das demandas á Xunta, Goberno central, Banco de España e Abanca, ademais dunha carta a Escotet, na que lle recriminan a “deslealdade” coa Galicia rural en xeral e con Portas en particular.
Todo, logo de que Abanca dese por feito, como adiantou Praza.gal, que gañou a subvención da Xunta para instalar caixeiros en concellos onde xa non hai sucursais. O pasado mes de agosto, a entidade comunicaba ao seu persoal que fora a elixida polo Executivo galego para recibir a subvención coa que se encargará de instalar caixeiros automáticos nos concellos onde xa non queden oficinas bancarias. Serán 16.000 euros ao ano por cada máquina, ata os 2,8 millóns de euros que a Administración prevé gastar ata 2025, para o banco resultante dos restos das caixas galegas, gañador dun proceso que lle permitirá mesmo recibir axudas pola instalación naqueles municipios onde el mesmo peche sucursais.