Abanca comunicou ao seu persoal que fora "gañadora do concurso da Xunta para instalar caixeiros no rural": 16.000 euros por máquina ata 2,8 millóns en catro anos
"Abanca, gañadora do concurso da Xunta de Galicia para instalar caixeiros no rural". Con esta mensaxe interna de principios do pasado mes de agosto comunicaba a entidade ao seu persoal que fora a elixida polo Executivo galego para recibir a subvención coa que se encargará de instalar caixeiros automáticos nos concellos onde xa non queden oficinas bancarias. Serán 16.000 euros ao ano por cada máquina, ata os 2,8 millóns de euros que a Administración prevé gastar ata 2025, para o banco resultante dos restos das caixas galegas, gañador dun proceso que lle permitirá mesmo recibir axudas pola instalación naqueles municipios onde el mesmo peche sucursais.
Precisamente, este mércores 8 de setembro foi a data elixida por Abanca para levar a cabo a clausura das súas sucursais en localidades como Campo Lameiro, Zas, Baíñas (Vimianzo), A Baña, Campelo (Poio), San Valentín (Fene) ou San Xoán de Río, nunha nova vaga de peches que se une aos levados a cabo nos últimos meses e que ergueron as protestas de veciñanza e concellos por toda Galicia.
Xa un mes antes, Abanca daba conta ao seu persoal do resultado do proceso aberto en réxime de concorrencia competitiva para optar ás subvencións pola instalación de caixeiros, iniciado o pasado 22 de xuño coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). O banco do grupo Banesco foi o elixido segundo a comunicación interna que puido comprobar Praza.gal e a falta da confirmación definitiva mediante a correspondente publicación oficial. Preguntada pola cuestión, a entidade financeira aclara que "non hai resolución definitiva" ata onde eles "saben" e remiten á Xunta.
Abanca clausura este mércores varias oficinas no rural entre as protestas de veciñanza e gobernos locais por toda Galicia
A Consellería de Facenda, consultada por este diario, indica que o resultado "farase público" en canto haxa esa "resolución definitiva" que aínda non foi publicada no DOG. Segundo fontes de Abanca, ao proceso para acceder á subvención presentáranse dúas entidades máis, pero a concesión acabou na entidade con sede en Betanzos --porque alí era a sede do antigo Banco Etchverría-- ao obter maior valoración en aplicación dos criterios sinalados pola Xunta, que tiñan en conta a cantidade e variedade dos servizos ofertados e prestacións adicionais, a accesibilidade para persoas con problemas de mobilidade ou discapacidade, o plan de limpeza, medidas para reducir o impacto ambiental ou a calidade e periodicidade do servizo de formación. E, sobre todo, "a achega privada para a instalación, mantemento e posta en funcionamento dos caixeiros automáticos e para a cal non se solicita subvención".
A orde de Facenda regula o pagamento das subvencións en módulos, de xeito que por instalación e funcionamento de cada caixeiro a Xunta pagará ata 14.200 euros ao ano, mentres que polo servizo de asistencia e formación financeira prestado por persoal da entidade pagará ata 1.820 euros por un máximo de 104 horas anuais por caixeiro (17,5 euros a hora, dúas horas á semana). Hai tamén outro módulo máis, para caixeiros “naqueles concellos en que, como consecuencia do peche dalgunha ou varias oficinas bancarias da entidade beneficiaria con posterioridade á resolución de concesión, non teñan ningunha oficina bancaria no seu territorio”. Nese caso a subvención será do 75% do módulo ordinario, isto é, de ata 10.650 euros.
A Xunta esixe á entidade que consegue a subvención a colocación do seu logotipo na parte frontal do caixeiro e na pantalla de acceso
Segundo as bases, no mes de xuño de cada ano a Xunta comunicará á entidade que resulte beneficiaria das subvencións --Abanca neste caso-- que concellos se sumaron á medida asinando o respectivo convenio coa Administración -actualmente 34 dos máis de medio cento que carecen de oficinas bancarias no seu termo municipal. O banco terá a partir dese momento un máximo de 90 días para instalar un caixeiro nos locais que lle faciliten os concellos.
A orde introduciu outras novidades como a esixencia de Facenda á entidade que resulte gañadora da “colocación do logotipo da imaxe institucional da Xunta de Galicia na parte frontal do caixeiro e na pantalla de acceso ao menú principal”.
A Consellería de Facenda admite que “esta medida constitúe unha axuda de Estado”, pero considera que é “compatible co mercado interior” e enmárcaa nunha decisión da UE que permite a “compensación por servizo público a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral”.
Desde 2008, Galicia perdeu máis da metade das súas sucursais bancarias, pasando das 2.534 ás 1.234 a finais de 2020, segundo os datos do Banco de España, que certificaban daquela que había xa 45 concellos sen oficina.
A situación non mellora. No estudo A Economía Galega. Informe 2020-2021, elaborado polo Idega da USC xunto ao Centro de Investigacións Abanca de Ieside, advírtese de que a finais de marzo de 2021 eran 1.190 as oficinas bancarias en Galicia, 44 menos que ao remate do pasado ano. A un ritmo de 15 peches ao mes.
Cada vez máis concellos sen sucursais
Ademais, son cada vez máis o número de concellos que carecen de sucursal. Os últimos anuncios de peches de Abanca supoñen que, polo menos en Monfero, Campo Lameiro, Quintela de Leirado, Cerdido, Muras ou San Xoán de Río queden sen sede de entidade financeira ningunha. Xa que logo, pasan do medio cento os municipios que en Galicia non teñen oficina bancaria, á espera dos datos que ofreza ao Banco de España ao peche de 2021.
Entre 2008 e 2020, Galicia perdeu máis da metade das súas sucursais; nos primeiros tres meses de 2021 pecharon outras 44
Ante este proceso de exclusión financeira cada vez máis acentuado, a Xunta anunciara, hai xa dous anos, a "próxima licitación" dun contrato para que entidades financeiras instalasen caixeiros nestas localidades sen oficina bancaria.
Como veu informando Praza.gal, o Goberno galego foi cambiando o plan e, neste tempo, o contrato virou en protocolo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ao que deben adherirse os municipios interesados nun servizo que xa non chegará a través dun contrato, senón mediante a subvención, cuxo proceso quedou agora resolto. A Xunta viña reiterando o plan en sucesivas notas de prensa, pero non foi ata o pasado mes de xuño cando revelou o montante de cartos públicos co que financiaría a operación.
Finalmente, o Consello da Xunta deu o seu visto e prace á activación desta orde de subvencións da Consellería de Facenda para o período 2021-2025 por importe de 2,88 millóns de euros. Ao facer pública esta decisión, a Xunta actualizou tamén os concellos xa adheridos ao plan que "xa asinaron os correspondentes convenios". Trátase de 34 concellos entre os que se atopan 16 nos que diferentes entidades bancarias pecharon ata 18 oficinas dende o ano 2003, segundo datos do Banco de España.
Precisamente, neste pasado martes, a Xunta reclamou ao Goberno central “coordinación e planificación a nivel estatal” para garantir a accesibilidade de toda a poboación aos servizos financeiros con independencia do seu lugar de residencia. Fíxoo a través dunha carta do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, á vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, á que lle demanda "un estudo detallado sobre o mercado financeiro actual e un paquete de medidas global para abordar este problema que é de ámbito estatal".