"Non é un simple peche dunha sucursal de Abanca, é outra agresión, outra forma de despoboar o rural"

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o alcalde da Baña, José Antonio Pereira © Concello de Zas

Os gobernos municipais da Baña, Vimianzo e Zas convocaron para este xoves unha manifestación ante a sede de Abanca na Coruña en protesta polo anunciado peche de oficinas nas súas localidades, unha vaga de clausuras de sucursais bancarias que se estende por moitas outras localidades cuxos Concellos tamén anunciarona súa presenza na protesta. 

Manuel Muíño, alcalde de Zas polo BNG, foi un dos rexedores que impulsou o rexeitamento ás intencións de Abanca, previstas para este mes de setembro en varios municipios e consumadas xa nas últimas semanas noutros. Gobernos locais de todos os partidos están a expresar o seu malestar ante o que consideran unha "agresión" máis ao rural, golpeado pola falta de servizos e agora tamén pola exclusión financeira. O rexedor zaseiro explica aquí os motivos desta rebelión en tantas localidades. 

Faixa colocada na fachada da Casa do Concello de Zas © Concello de Zas

"É a gota que reborda o vaso da continua perda de servizos, de agresións tras agresións ao rural; os bancos estannos tomando o pelo"

Que supón o peche da oficina de Abanca en Zas e en tantas localidades, especialmente do rural?

Isto é a gota que reborda o vaso da continua perda de servizos, de agresións tras agresións ao rural. É como se che estivesen tomando o pelo. Desde o ámbito empresarial e institucional fálase sempre do apoio ao rural, pero o que se está á facer é todo o contrario. Elimínanse servizos, non se melloran infraestruturas, hai problemas coas comunicacións e mesmo con internet... Todo conduce á perda de servizos, o que contribúe á despoboación que tanto lamentamos logo. Se non hai servizos, a xente marcha a onde os hai e iso malia que, con esta pandemia, a xente estaba a regresar ao rural porque se decatou de que aquí hai maior calidade de vida que nas cidades. Pero nin así...

Que é o que máis molesta desta vaga de peches de sucursais bancarias en Galicia?

Molesta a prepotencia por parte das entidades financeiras, que fan como se tivesen competencia. Non a teñen porque todas van polo mesmo rego. Se un banco só deixa retirar cartos ata ás 11 da mañá, van o resto detrás; se empezan a cobrar comisións, póñense de acordo para facelo todos. Iso non é competencia, é outra cousa. 

Logo dos peches das oficinas doutras entidades, agardaba esta decisión de Abanca?

Neste caso, chove sobre mollado. Estamos falando de entidades, como Abanca, rescatadas con milleiros de millóns de cartos públicos. Quedas con cara de parvo. É normal que a cidadanía e as administracións respondan porque é o resultado dunha sensación de fastío, xa non só no rural, senón en todos lados. O que fan os bancos é unha tomadura de pelo. 

"Abanca non falou co Concello, enterámonos do peche como calquera outro cliente"

Pero, que lles di Abanca?

Nós non falamos con Abanca porque Abanca non falou con nós. Tomou a decisión e enterámonos como se entera calquera cliente, a través do director da sucursal. Só nos transmitiu que ían pechar, pero en ningún momento o banco nos ofreceu falar para buscar unha alternativa ou explicarnos os seus plans. Só queren aumentar os seus beneficios, nada máis. Ninguén que teña capacidade de decisión nesa entidade financeira falou co Concello de Zas.

Que opinión lle merece a actitude da Xunta?

A Xunta mira para outro lado cando esta vaga de peches é algo que está a afectar moitos concellos galegos desde hai tempo. O Goberno galego está para algo e ten capacidade de presionar as entidades financeiras. Foi un Executivo do PP, o de Rajoy, o que reprivatizou a banca, inxectando 9.000 millóns de euros públicos en Abanca para logo vendela por 1.000. Cando vendes e non estableces ningún tipo de condicións, pasa o que pasa. Púidoselle esixir o mantemento de emprego ou de sucursais durante algúns anos, pero nin iso. A Xunta ten unha obriga moral, aínda que só sexa porque o partido que a sustenta permitiu isto. E Feijóo debe apoiarnos. Iso é o que lle queremos pedir nunha reunión, porque el debe reivindicarse como o primeiro afectado do que está a facer este banco e outros. 

Concentración de protesta en Zas contra o peche dunha sucursal bancaria de Abanca © Concello de Zas

Nalgúns Concellos meditan retirar as contas municipais de Abanca, por exemplo...

Os bancos son como as eléctricas, fan o que queren. Non teñen competencia. Entendo esas medidas de protesta, pero Abanca ten unha folla de ruta perfectamente marcada, sabe o que vai aforrar, os clientes que vai perder e os que vai recuperar... A solución non é esa, a solución é que os poderes públicos interveñan, que é o que deben facer. Para empezar, poderían pedir a devolución de todos os cartos públicos cos que se rescatou a banca. Prometeuse, pero nada se fixo. E aínda ninguén me deu unha explicación convincente de por que as entidades non devolven o que todos lles prestamos. 

"A Xunta mira para outro lado cando esta vaga de peches é algo que afecta moitos concellos galegos. Ten capacidade de presionar as entidades financeiras"

A Xunta decidiu pagar a bancos para que poñan caixeiros onde xa non hai oficinas e axuden a operar neles dúas horas á semana. Que lle parece a iniciativa?

Esa brillante idea indigna aínda máis. Normal que Abanca peche oficinas cando sabe que aínda lle van subvencionar por poñer un caixeiro do que vai sacar beneficios. É brillante.  

Para unha vila como Zas, o peche da sucursal de Abanca é moito máis que a perda dun servizo...

Claro. Para unha localidade como Zas isto non é un simple peche dunha oficina bancaria, é o peche dun lugar a onde os clientes acoden case por obrigación, o 80% dela maior, que non traballa con internet nin con tarxetas de crédito e que segue indo retirar cartos coa libreta, como toda a vida. Se agora se teñen que desprazar a 10 ou 15 quilómetros, ademais dos problemas que iso lles vai supoñer tamén perde o comercio local, a hostalaría... Porque toda esa xente acabará consumindo onde estea a sucursal. É unha forma máis de despoboar núcleos rurais. 

"Non é un simple peche dunha oficina bancaria, é unha forma máis de despoboar núcleos rurais"

Xunto con A Baña e Vimianzo impulsaron a manifestación á que xa se uniron outros Concellos e de diferentes partidos...

Xa se uniron outros Concellos como Cerdido, Campo Lameiro, Fene... Isto vai máis aló das siglas porque todos os gobernos locais estamos a pé de rúa e sabemos o que supón isto para as nosas localidades e para a nosa xente. 

Vostede insiste na necesidade dunha banca pública como solución a problemas coma este.

Claro. Desde o BNG levamos tempo advertindo da necesidade dunha banca pública, unha banca que, ante situacións coma esta, sexa unha competencia real e poida estar en lugares onde se cadra non se gaña tanto pero onde se precisa o servizo. Para que o capitalismo salvaxe non faga o que lle peta. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.