A principios de agosto, Abanca comunicou ao seu persoal que vai ser a gañadora da subvención da Xunta para instalar caixeiros en concellos onde xa non hai sucursais bancarias, incluíndo municipios onde o banco herdeiro das desaparecidas Caixa Galicia e Caixanova pechase ou vaia pechar oficinas. As axudas, convocadas formalmente en xuño, están dotadas con ata 2,8 millóns de euros en catro anos e a súa resolución aínda non é oficial, como evidenciou a Consellería de Facenda ao ser preguntada ao respecto por Praza.gal.
"Se só hai unha entidade financeira que quere instalar un caixeiro nun concello, igual conclúe que o vai instalar o único solicitante, non debería estrañar a ninguén", conclúe o presidente. En realidade, a subvención da Xunta terá un único beneficiario para toda Galicia e non un por cada municipio onde se vaia ofrecer o servizo
A entidade gañadora da subvención "farase pública" en canto haxa "resolución definitiva" mediante a correspondente publicación no DOG, evidencia Facenda. Con este pano de fondo, este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi cuestionado pola prensa a respecto do anuncio de Abanca. Na súa resposta limitouse a remitirse ao propio banco.
"Pregúntelle á entidade financeira", recomendou o presidente á xornalista que o cuestionou. Defende Feijóo que "se só hai, nun concello, unha entidade financeira que quere instalar un caixeiro, supoño que igual conclúe que ese caixeiro o vai instalar o único solicitante" e "se só hai un solicitante, non debería estrañar a ninguén". "Se hai máis -continuou-pregunte á entidade".
En realidade, as condicións da subvención da Xunta estipulan que haberá unha única empresa beneficiaria para a instalación de todos os caixeiros nos concellos en que sexa requirido, non unha por cada municipio. Ademais, fontes coñecedoras de primeira man da notificación de Abanca ao seu persoal afirman que a propia entidade detallou que outras dúas empresas optaran ás axudas. En calquera caso, non é posible coñecer este extremo con exactitude e as causas de exclusión doutras eventuais candidatas -se as houber- ata que a concesión da subvención sexa oficial.
Petición de solucións ao Goberno de España
Alén da remisión a Abanca para posibles explicacións sobre a subvención da Xunta, Feijóo olla tamén alén do seu Goberno ao ser cuestionado polas protestas que concellos de todas as cores políticas están a desenvolver contra os peches de sucursais da propia Abanca. Concretamente, ante as preguntas polas mobilizacións en Campo Lameiro, encabezadas polo alcalde do PP e que inclúen unha declaración como persona non grata para o presidente do banco, Juan Carlos Escotet.
"Estamos de acordo en que non é admisible que, da noite á mañá, un concello quede sen oficina bancaria nin caixeiro", afirma Feijóo, que prefire "non entrar" a valorar a declaración de persona non grata que o goberno do PP en Campo Lameiro impulsa para o presidente de Abanca
"Estamos de acordo en que non é admisible que, da noite á mañá, un concello quede sen oficina bancaria nin caixeiro", reflexiona Feijóo sobre as mobilizacións en Campo Lameiro, se ben a respecto de "manifestacións concretas sobre persoas concretas", trátase de "cuestións nas que non entramos". "Parécenos que non ten un contido político, senón un contido persoal onde non imos facer valoracións", resolve. En calquera caso, advirte, é o Goberno do Estado o que "ten que garantir" que non se produzan situacións de "exclusión financeira" e por iso, resalta, esta mesma semana o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, se dirixiu por carta ao Executivo de Pedro Sánchez reclamando solucións e o que denomina "un modelo nacional" ao respecto.