Malia ser convocada ás présas e a última hora, a folga deste mércores impulsada pola CIG e UGT no gran comercio téxtil da provincia da Coruña sacou á rúa centos de dependentas (nun sector amplamente feminizado) no centro da Coruña.
A folga no comercio téxtil na provincia da Coruña tivo un seguimento do 90% segundo CIG e UGT, sindicatos convocantes
Segundo os sindicatos convocantes, ata o 90% do persoal do sector, que suma unhas 2.500 traballadoras, secundaron a folga contra o convenio que, din, "pretende impor" a patronal ARTE, integrada polas grandes compañías como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Bimba&Lola, Uniqlo, Punt Roma, Mayoral, e que empeoraría as condicións do convenio provincial en vigor que remata a súa vixencia no final deste ano.
A pesar de atopármonos en plena campaña de Nadal, os sindicatos destacan que "as principais tendas das empresas afectadas permaneceron pechadas (tanto as situadas nas áreas comerciais como as dos centros das cidades e vilas) ou funcionando a mínimos".
A xornada de folga desenvólvese coincidindo coa reunión da comisión negociadora do convenio ARTE fixada para a tarde deste martes en Madrid. O éxito do paro, segundo CIG e UGT, "evidencia o unánime rexeitamento que xera entre as traballadoras a negociación promovida pola patronal constituída hai dous anos co obxectivo de impoñer un convenio estatal que supón un ataque directo aos dereitos laborais e salariais conquistados".
CIG e UGT protestan contra o convenio que "pretende impor" a patronal ARTE e que empeoraría as condicións do provincial en vigor e que expira a final deste ano
As centrais cifran en 1.500 as dependentas que se sumaron á mobilización na Coruña "en defensa do dereito a negociar aquí" as súas condicións de traballo “e que non sexan as cúpulas sindicais en Madrid quen decidan pór nós”.
Segundo a representante da CIG, Lucía Domínguez, a proposta que ARTE puxo enriba da mesa “contempla condicións moi inferiores" ás que teñen actualmente no convenio provincial. "Por iso, o obxectivo da folga, impulsada polas propias compañeiras, é intentar impedir que hoxe se asine ese convenio empobrecedor e que recorta os nosos dereitos”, explica.
Os sindicatos mobilizados advirten de que o novo convenio estatal suporía perder entre 2.000 e 3.000 euros ao ano, elimina a antigüidade, reduce as licenzas e suprime a voluntariedade nos festivos
A CIG e UGT acusan a patronal de intentar "precarizar" o sector do comercio e explican que o convenio que se está a negociar "contempla salarios máis baixos (entre 2.000 e 3.000 euros anuais menos), elimina calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, reduce as licenzas, suprime a voluntariedade do traballo nos domingos e festivos, introduce maior flexibilización nos calendarios e horarios, e recorta mesmo o complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal, que no convenio provincial da Coruña está recoñecido no 100% da cobertura".
Segundo fontes sindicais, as condicións que agora se negocian empeorarían tamén os convenios que no sector están en vigor ou en negociación no resto das provincias galegas.
"Este convenio ARTE constitúe un retroceso de vinte anos nas condicións que temos recoñecidas o persoal da provincia da Coruña”, explicou Domínguez, que lembra que "non existe ningún compromiso por parte destas empresas para non aplicar o convenio ARTE naqueles territorios onde os convenios provinciais recollen condicións superiores, nin garantías de que non suporá un retroceso sobre os dereitos actuais".
"Queren que outros decidan por nós"
"A gran patronal busca afastar a negociación colectiva dos centros de traballo e destruír a capacidade de decisión do persoal sobre as súas condicións laborais; pretenden que outros decidan por nós e non respectar a representación sindical elixida polas traballadoras da provincia da Coruña”, conclúe.
CCOO, pola súa banda, e en comunicacións internas co persoal, acusa a CIG e UGT dunha "campaña interesada" e de "facer crer" que xa hai un acordo coa patronal ou que a sinatura "é inminente". "É falso", din, advertindo que a negociación vai para tempo e que non se asinará convenio ningún que "non beneficie o persoal, non supoña avances reais ou non cumpra coa responsabilidade e o rigor".
Comisións, xunto a Fetico, suma maioría na mesa de negociación, polo que podería asinar o acordo malia a posición contraria de centrais como a CIG ou UGT.