Logo de case tres anos de negociación e en medio dunha enorme conflitividade, o primeiro convenio estatal do comercio téxtil xa está listo. A patronal ARTE —que representa a Inditex e outras grandes multinacionais como Mango, Primak ou H&M— chegou a un acordo a última hora deste mércores cos sindicatos CCOO e Fetico.
A patronal ARTE chega a un acordo con CCOO e Fetico para a sinatura dun convenio estatal que rexeitan UGT, CIG e ELA
Chegará a sinatura malia a oposición frontal de UGT, da CIG e do sindicato vasco ELA, que nada puideron facer ante a maioría que suman os sete delegados de Comisións e máis o de Fetico. O convenio estatal imponse a pesar do rexeitamento masivo que ten en Galicia, onde desde hai xa moitos meses unha importante mobilización de dependentas —especialmente na Coruña— advirte da perda de dereitos, da precarización e do empeoramento das súas condicións laborais con este novo marco.
O persoal mobilizado —a maioría mulleres nun sector moi feminizado— reclama ademais ás patronais un acordo interprofesional galego que blinde os convenios provinciais que, alertan, manteñen condicións moito máis favorables froito de anos de mobilización laboral e sindical que arrincou máis dereitos e vantaxes ás grandes empresas, tamén a Inditex.
O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén de escoitar de primeira man e en persoa as demandas das traballadoras a través de delegadas sindicais que forman parte da acampada reivindicativa que persoal leva a cabo ante a sede da patronal da Coruña, tal e como se pode ver no vídeo que acompaña esta información.
CIG e UGT, advirten da perda de dereitos e de precarización co novo marco estatal e piden un acordo ás patronais galegas para blindar os convenios provinciais
Esta acampada é unha mobilización máis que se suma ás varias xornadas de folga das últimas semanas en toda Galicia —sete na Coruña—, que provocaron o peche de moitas tendas nas principais vías comerciais de moitas cidades.
"O convenio estatal recolle unhas condicións moi inferiores ás dos convenios provinciais das catro provincias; non estamos pedindo nada a maiores, senón manter o que xa temos", explican traballadoras a Rueda sobre "un drama que afecta moitas mulleres do comercio en Galicia". Concretamente, arredor de 35.000 traballadores e traballadoras do téxtil e do calzado no país están afectados por este novo marco laboral con escaso apoio.
No seu intento por una acordo para blindar os convenios provinciais, os sindicatos —tal e como explicaron tamén ao presidente da Xunta— advirten que varias patronais amosaron xa a súa receptividade pero que é a da Coruña a que se opón, unha negativa que vinculan tamén á fortaleza no sector de Inditex, que ten un dos seus respresentantes sentado na mesa de negociación estatal en Madrid.
O texto final do convenio é case idéntico ao preacordo que ergueu as protestas, agás "pequenas e ridículas concesións", segundo di a CIG
O acordo agora asinado baséase no preacordo asinado entre ARTE e CCOO e Fetico xa en marzo e que ergueu importantes protestas en Galicia, onde CIG e UGT buscan que o país quede fóra do convenio estatal, tal e como se fixo en Euskadi. "As patronais en Galicia teñen tempo, ata que o convenio saia no BOE, de asinar un acordo para blindar os convenios provinciais e iso é o que intentaremos", conta agora Lucía Domínguez, delegada da central nacionalista e presidenta do comité de empresa de Stradivarius na Coruña.
Segundo advirten os sindicatos, as diferenzas entre o preacordo e o pacto deste pasado mércores son unhas "pequenas e ridículas concesións que só demostran que a intención da patronal é e sempre foi reducir dereitos".
Mentres, nun comunicado, CCOO, di que o novo marco laboral estatal "asegura o mantemento de garantías clave dos marcos provinciais, unifica condicións e introduce melloras substanciais en materias como a xornada, a conciliación e as retribucións". A patronal, pola súa banda, di que supón "un paso moi relevante para o sector" e que o acordo alcanzado senta "as bases para a sinatura do convenio nos vindeiros días".
"Permitirá dotar por primeira vez ás grandes cadeas do comercio de moda dun marco estatal homoxéneo, moderno e estable, adaptado á realidade actual do sector e aos seus retos de futuro", insiste ARTE.
CCOO di que o convenio "asegura o mantemento de garantías clave dos marcos provinciais, unifica condicións e introduce melloras substanciais"
O acordo supón, segundo explican os sindicatos asinantes, a redución progresiva da xornada anual, pasando das 1.770 para 2026 ás 1.740 para 2028 e, en teoría, respectando esas 1.740 no caso de ser as marcadas nun convenio provincial. A xornada diaria mínima será de catro horas a tempo parcial e de seis a tempo completo, cun máximo de nove horas, mentres que as contratacións parciais terán u n mínimo de 24 horas semanais agás para as específicas de fin de semana.
O convenio, con vixencia de tres anos desde 2026, supón incrementos salariais do 3% anual para 2027 e 2028, cunha cláusula de revisión adicional do 1% segundo o IPC, partindo os soldos dun salario base de 18.000 para quen empeza e rozando os 25.000 para máximos responsables de tenda. Ademais, establécense 31 días de vacacións anuais, dos que 21 pódense gozar no verán, ademais de garantirse oito fins de semana libres que serán dez en 2027 e once en 2028.
Traballadoras de primeira e de segunda clase
Tamén se establecen dous días de descanso semanal para os establecementos de máis de seis persoas e dun día e medio para o resto, con tres días libres seguidos no caso de traballar oito seguidos. CCOO tamén asegura que o acordo regula as compensacións económicas polo traballo en festivos e a voluntariedade e a voluntariedade nestes días e nos festivos, ademais de obrigar as empresas a comunicar os horarios cunha antelación mínima de cinco semanas.
Á espera de coñecer os detalles do convenio estatal, CIG e UGT advirten de que á perda de dereitos únese o conflito que supón que, nunha mesma tenda, haxa dous tipos de traballadoras: aquel que por lei debe manter as condicións e o salario que asinou previamente e rexidas polo convenio provincial e o persoal eventual e de nova incorporación, "que entraría cunhas condicións moi inferiores".
Por exemplo, a CIG advirte como máis grave que o novo convenio supón rebaixas de entre 2.000 e 3.000 euros de salario ao ano, dependendo da categoría laboral, respecto ás condicións dos actuais convenios provinciais, unha perda que chegaría aos 5.000 euros no caso das tendas de Inditex.
CIG e UGT alertan da consecuencia máis grave do novo convenio: rebaixas de entre 2.000 e 3.000 euros anuais no salario, de ata 5.000 en Inditex
Tamén a desaparición de complementos, como os de antigüidade en Lugo e Ourense ou o de permanencia na Coruña, ademais doutros como as excedencias con reserva de posto de traballo, a redución de xornada por coidado de fillos pequenos, días de asuntos propios.
Unha das "concesións" do texto acordado finalmente, explica Domínguez, é o mantemento do 100% do salario cando o persoal está de baixa por enfermidade, aínda que de maneira "transitoria" nos tres anos de vixencia inicial do convenio e só para aquelas provincias que xa gozaban desta condición, xa que a idea inicial da patronal era eliminar esta cobertura para todas as dependentas.
Traballo voluntario en domingos e festivos?
Ademais, o acordo establece que o traballo en domingos é "voluntario" pero que deberá "garantirse a prestación de traballo do persoal imprescindible se non hai suficientes voluntarios". Unha forma, advirten CIG e UGT, de converter en obrigatoriedade o que pode semellar voluntario.
Respecto da redución de xornada anual, a CIG advertira de que, en realidade, as horas aumentarían porque "o tempo de descanso de cada día (de 15 minutos como mínimo) deixaría de computar como tempo efectivo de traballo". Este recorte, previsto no preacordo, foi finalmente retirado do texto final, aínda que tamén de maneira transitoria e só naquelas provincias onde os recesos xa computaban como tempo traballado.
Desde a central nacionalista tamén se alerta de que se reduce a cinco semanas de antelación a planificación de horarios e calendarios, recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses, "disparando a pobreza salarial"; e autorízase a contratación fixa-descontinua a tempo parcial, "afondando aínda máis na precarización dun sector marcado polas elevadas taxas de parcialidade".
Unha nova folga foi convocada xa para o 2 de xuño e CIG e UGT manteñen as protestas para que as patronais galegas blinden os convenios provinciais
"Non hai ningún cambio relevante agás estes intentos de maquillaxe, uns cambios minúsculos e ridículos que evidencia a intención de suprimir dereitos recoñecidos nos convenios provinciais", di Lucía Domínguez, unha das integrantes da acampada de persoal do sector na Coruña. Precisamente, nunha asemblea celebrada nesta mobilización, acordouse a convocatoria de folga para o vindeiro día 2 de xuño, data na que se prevé a sinatura oficial do novo convenio. Ademais, CIG e UGT manterán a protesta co obxectivo de que as patronais galegas asinen un acordo interprofesional que blinde os marcos provinciais. "Dálles tempo, só sería unha cuestión de vontade", remata.