O sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña viviu este martes a súa terceira xornada de folga en demanda dun "convenio digno"
O sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña viviu este martes a súa terceira xornada de folga en demanda dun "convenio digno". CIG, CCOO, UGT e USO convocaron mobilizacións na Coruña, Santiago, Ferrol e Ribeira nunha mañá na que o paro tivo unha incidencia especial, xa que coincidiu coas compras que moitas persoas realizaron para as celebracións da Noite de San Xoán e antes da xornada non laborable deste mércores.
"Convenio digno, salario xusto" foi unha das consignas máis repetidas nas manifestacións, que tiveron como escenario diversos supermercados nos centros das cidades e, na Coruña, a Praza de Lugo, un dos centros comerciais da urbe herculina. Este luns, en cambio, as mobilizacións estiveran máis centradas na loxística, con piquetes informativos que percorreran as naves de distribución.
CIG, CCOO, UGT e USO convocaron mobilizacións na Coruña, Santiago, Ferrol e Ribeira nunha mañá na que o paro tivo unha incidencia especial, xa que coincidiu coas compras que moitas persoas realizaron para as celebracións da Noite de San Xoán e antes da xornada non laborable deste mércores
Os sindicatos celebran o "éxito masivo" da folga e denuncian os "abusos da patronal", criticando non só as condicións laborais ofrecidas ata agora, senón tamén a resposta que algunhas empresas están amosando ante as demandas de persoal e sindicatos. "Se nós paramos, as tendas non venden. Farán ben en escoitar o berro das persoas traballadoras, fartas de soportar condicións miserentas mentres enchen os petos", salientou a este respecto CCOO.
Pola súa banda, para CIG-Servizos "esta resposta maioritaria á convocatoria evidencia o rexeitamento unánime das traballadoras e traballadores ao bloqueo no que Gadis e Froiz manteñen a negociación colectiva e ás propostas de miseria que non garanten o mantemento da capacidade adquisitiva, non melloran as condicións laborais nin permiten avanzar nos dereitos sociais".
"Se nós paramos, as tendas non venden. Farán ben en escoitar o berro das persoas traballadoras, fartas de soportar condicións miserentas mentres enchen os petos", di CCOO
O sindicato denuncia "anos de salarios baixos, sobrecarga de traballo, precariedade e perda constante de poder adquisitivo mentres as empresas continúan acumulando beneficios a costa do esforzo diario da clase traballadora". "Mentres o custo da vida non deixa de subir, a patronal pretende manter condicións que condenan miles de traballadoras e traballadores á incerteza e á precariedade", engade.
A CIG di que "a patronal non ten vontade real de negociar e apenas se moveu da súa proposta inicial a pesar do esforzo da representación social que si fixo rebaixas substanciais na súa plataforma co obxectivo de facilitar un acordo de convenio". Afirma, ademais, que algunhas empresas están a levar a cabo "prácticas de esquirolaxe", que "vulneran o dereito á folga". Entre elas, a central denuncia "chamamentos para realizar horas extraordinarias os días dos paros, trasladar persoal doutras provincias para suplir as compañeiras e compañeiros en folga, mudar as rutas de distribución da mercadoría ou adiantar os pedidos das tendas".
A CIG di que "a patronal non ten vontade real de negociar e apenas se moveu da súa proposta inicial a pesar do esforzo da representación social que si fixo rebaixas substanciais na súa plataforma co obxectivo de facilitar un acordo de convenio
O sindicato nacionalista denuncia que "malia que nos últimos anos as empresas están batendo récords de facturación e obtendo beneficios millonarios, o seu persoal se empobrece e ve como empeoran as condicións laborais nun sector altamente feminizado, con elevadas xornadas parciais e unha sobrecarga de traballo continúa".
Pola súa banda, o secretario xeral de CCOO Servizos de Galicia, Iván Cordeiro, denuncia a través dun artigo publicado en Praza.gal o "inmobilismo" da patronal na negociación do novo convenio. "As melloras salariais considéranse excesivas, as reducións de xornada inviables e as medidas de conciliación difíciles de asumir. Dá a impresión de que sempre existe unha razón para aprazar a repartición dos beneficios que, con todo, si se están a xerar", escribe Cordeiro.
"Cando as mesas de negociación deixan de ofrecer resultados, moitas persoas traballadoras conclúen que unicamente mediante a presión e o conflito é posible avanzar", di o secretario xeral de CCOO Servizos de Galicia, Iván Cordeiro
"Cando as mesas de negociación deixan de ofrecer resultados, moitas persoas traballadoras conclúen que unicamente mediante a presión e o conflito é posible avanzar", advirte, concluíndo que "se as empresas agardan que os cadros de persoal compartan os esforzos nos momentos difíciles, tamén deben estar dispostas a compartir os beneficios cando chegan os bos tempos. Se a conflitividade laboral está a aumentar, quizais algunhas patronais deberían empezar a buscar as causas dese malestar nas súas propias posicións negociadoras".