Que está a pasar coas patronais en Galicia?

Piquete informativo da folga do sector da alimentación en Catabois (Ferrol) © CCOO

Quen participamos na negociación colectiva en Galicia asistimos a unha contradición cada vez máis difícil de entender. Atopámonos nun dos momentos económicos máis favorables das últimas décadas, con niveis de emprego récord e coa inmensa maioría dos sectores rexistrando resultados empresariais en máximos históricos. Mais todo isto non se traduce en melloras laborais nas mesas de negociación colectiva

Quen participamos na negociación colectiva en Galicia asistimos a unha contradición cada vez máis difícil de entender. Atopámonos nun dos momentos económicos máis favorables das últimas décadas, con niveis de emprego récord e coa inmensa maioría dos sectores rexistrando resultados empresariais en máximos históricos. Mais todo isto non se traduce en melloras laborais nas mesas de negociación colectiva.

Comprobámolo en diferentes ámbitos: a negociación do convenio de hostalaría da Coruña leva practicamente un ano bloqueada; o convenio de alimentación da provincia da Coruña acumula meses de negociación sen avances suficientes; os convenios do comercio do metal de Pontevedra e Lugo tampouco dan progresado e do convenio do comercio da alimentación de Lugo nin se sabe nin se agarda.

A pregunta é inevitable: por que cando a economía progresa parece máis difícil negociar melloras para as persoas traballadoras?

Durante anos apelouse á crise económica, á pandemia, á inflación ou á incerteza internacional para xustificar a contención salarial e a moderación nas reivindicacións laborais. As persoas traballadoras asumiron sacrificios en momentos difíciles, co obxectivo de preservar o emprego e garantir a viabilidade das empresas. Porén, cando os resultados son favorables, os argumentos parecen seguir sendo os mesmos.

As melloras salariais considéranse excesivas, as reducións de xornada inviables e as medidas de conciliación difíciles de asumir. Dá a impresión de que sempre existe unha razón para aprazar a repartición dos beneficios que, con todo, si se están a xerar.

As melloras salariais considéranse excesivas, as reducións de xornada inviables e as medidas de conciliación difíciles de asumir. Dá a impresión de que sempre existe unha razón para aprazar a repartición dos beneficios que, con todo, si se están a xerar

Resulta especialmente rechamante porque poucas veces se escoitou as empresas referirse tanto á importancia do factor humano. Fálase de talento, de compromiso, de responsabilidade social e de benestar laboral; porén, todo este discurso desaparece das mesas de negociación colectiva, onde as empresas falan de absentismo, pero non da súa orixe; falan da falta de persoas para traballar, pero non das condicións laborais que ofertan.

Hai que lembrarlles ás patronais que os supermercados non erguen as súas persianas sós; os hoteis, cafeterías e restaurantes non funcionan unicamente grazas a investimentos ou estratexias empresariais. Detrás de cada resultado económico hai miles de persoas que sosteñen a actividade cada día e que son as que xeran a riqueza que logo reflicten as contas de resultados. E custa entender que, precisamente nun contexto económico favorable, algunhas patronais manteñan posicións máis conservadoras ca as que sostiveron en etapas moito máis complicadas.

E esta actitude ten consecuencias. A principal é o aumento da conflitividade laboral que estamos a ver en Galicia. Con frecuencia téntase presentar as mobilizacións e as folgas como a orixe do problema, pero a realidade é outra. As folgas non son a causa do conflito, son a consecuencia de negociacións bloqueadas durante meses, de propostas insuficientes e da falta de vontade para alcanzar acordos equilibrados.

Iso é precisamente o que está a ocorrer no sector da alimentación da provincia da Coruña. Logo de meses de negociación sen avances significativos en materias fundamentais como os salarios, a xornada ou as condicións laborais, as organizacións sindicais convocaron folga entre os días 21 e 24 de xuño

Iso é precisamente o que está a ocorrer no sector da alimentación da provincia da Coruña. Logo de meses de negociación sen avances significativos en materias fundamentais como os salarios, a xornada ou as condicións laborais, as organizacións sindicais convocaron folga entre os días 21 e 24 de xuño.

Desde CCOO Servizos sempre defendemos o binomio negociación-conflito; cremos que a negociación colectiva debe ser o instrumento principal para mellorar as condicións laborais e lograr acordos que beneficien tanto as persoas traballadoras coma as empresas. A mobilización é unha vía lexítima, pero debe servir para desbloquear a negociación, non para substituíla. Porén, cando as patronais converten o inmobilismo en estratexia, terminan debilitando precisamente o espazo do acordo. Cando as mesas de negociación deixan de ofrecer resultados, moitas persoas traballadoras conclúen que unicamente mediante a presión e o conflito é posible avanzar.

E aí aparece un paradoxo que as patronais deberían analizar con atención: as súas propias posicións favorecen a quen defende o conflito como primeira opción sindical. Canto máis se bloquea a negociación, máis difícil resulta explicarlles aos cadros de persoal que o acordo segue a ser o mellor camiño. Quen di defender o diálogo social debería ser o primeiro interesado en que as mesas funcionen e produzan resultados.

Se as empresas agardan que os cadros de persoal compartan os esforzos nos momentos difíciles, tamén deben estar dispostas a compartir os beneficios cando chegan os bos tempos. Se a conflitividade laboral está a aumentar, quizais algunhas patronais deberían empezar a buscar as causas dese malestar nas súas propias posicións negociadoras

E iso debería preocuparnos a todos. Galicia ten por diante importantes desafíos: atraer talento, afrontar o envellecemento demográfico, mellorar a produtividade e adaptarse ás transformacións tecnolóxicas. Ningún deses retos poderá afrontarse con éxito se as relacións laborais se constrúen sobre o bloqueo permanente.

As persoas traballadoras non reclaman privilexios: reclaman participar de xeito xusto na riqueza que contribúen a xerar, reclaman que os bos resultados económicos se traduzan tamén en mellores salarios, mellores condicións de traballo e unha maior calidade de vida.

Por iso a pregunta segue sendo pertinente: que está a pasar coas patronais en Galicia?

Porque se as empresas agardan que os cadros de persoal compartan os esforzos nos momentos difíciles, tamén deben estar dispostas a compartir os beneficios cando chegan os bos tempos. Se a conflitividade laboral está a aumentar, quizais algunhas patronais deberían empezar a buscar as causas dese malestar nas súas propias posicións negociadoras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.