O comercio loita contra a precariedade e o traballo en festivos con dobre folga en Galicia

Manifestación durante unha folga do comercio de alimentación na Coruña CC-BY-SA Chente Rocha

A precariedade e a reivindicación de melloras salariais e nas condicións de traballo traen dúas folgas ao comercio en Galicia, tanto de alimentación como xeral, nesta fin de semana. 

O persoal dos supermercados da Coruña está chamado á folga os días 15, 16 e 17 pola mellora das condicións e o do comercio en toda Galicia o sábado, tamén contra a apertura en festivos

O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña volve á folga este sábado —festivo de apertura autorizada pola Xunta—, o domingo 16 e mais o luns 17 nunha protesta encadrada na mobilización que desde hai meses desenvolve o sector na demanda de melloras no convenio. 

CIG, CCOO, UGT e USO —sindicatos na mesa de negociación— convocan estes paros ante o que consideran "inmobilismo" da patronal, logo de que na última xuntanza, con mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, non houbese un achegamento de posturas. 

Manifestación durante unha folga do comercio de alimentación na Coruña CC-BY-SA Chente Rocha

Sindicatos como a CIG xustifican estas novas xornadas de folga no "bloqueo no que a patronal do sector ten a negociación do convenio colectivo". Pola súa banda, a parte empresarial, liderada por Gadis e Froiz, responsabilizan os sindicatos desa falta de acordo.

Os sindicatos denuncian o "bloqueo" da patronal á negociación do convenio colectivo na provincia

As xornadas de folga afectan a supermercados —que especialmente na cidade da Coruña están a verse claramente afectados polos paros anteriores— e aos centros loxísticos e chegan lo de que as reunións negociadoras dos pasados venres e luns non lograsen avances.

Ademais, o luns 17 unha manifestación percorrerá as rúas da Coruña a partir das 12 do mediodía. Sairá do Mercado de San Agustín e rematará na Praza de Lugo.

Por outra banda, CIG, CCOO e UGT convocan tamén folga no comercio en toda Galicia para reclamar o dereito ao descanso do persoal e "denunciar o impacto das aperturas en domingos e festivos sobre a conciliación da vida laboral, familiar e persoal".

O persoal do comercio está chamado á folga o sábado para "denunciar o impacto das aperturas en domingos e festivos sobre a conciliación"

A Xunta decidiu o pasado ano que o comercio en Galicia podería abrir os días 26 de xullo, domingo, e o 15 de agosto, sábado festivo. Entre críticas por decidilo "sen consultar" e por apostar por dúas datas especialmente sinaladas e con case nula actividade, os sindicatos responderon convocando folga para esas dúas datas e concentracións desde hai meses reclamando "máis tempo para vivir". Todo nun contexto de reivindicación, paros e protestas nun sector que pide "condicións "dignas".

Concentración de CCOO en Vigo contra a apertura do comercio en festivos CC-BY-SA CCOO Galicia

"Modelo do Madrid liberalizado"

Os tres sindicatos levan tempo denunciando que a Xunta aposta polo "modelo do Madrid liberalizado", comunidade autónoma onde o comercio pode abrir calquera día do ano sen límite. En Galicia son dez os domingos e festivos nos que está permitida a apertura, unha medida xa polémica, que acabou por indignar os sindicatos coa elección da xornada posterior ao Día Nacional de Galicia e do Apóstolo e deste vindeiro 15 de agosto, data na que se concentran máis festas, verbenas, celebracións e xuntanzas familiares.

Ante esa situación, CIG, CCOO e UGT mantiveron a folga no comercio, que se une á que se levará a cabo nos supermercados da provincia da Coruña o sábado, pero tamén domingo e luns. Mentres, o presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, criticou hai só uns días o incremento da conflitividade en Galicia nunhas declaracións ás que respondeu a secretaria xeral de Comisións, Amelia Pérez.

Afeoulle a actitude de bloqueo das empresas, "que se negan a repartir os beneficios que sempre reclamamos desde CCOO". Ao respecto, sinalou que "se imperase o sentido común na clase empresarial deste país, non teriamos que chegar ata estes extremos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.