En 2023 o número de suicidios en menores de trinta anos foi de 31, case o dobre que o ano pasado
Nos últimos anos vén medrando a preocupación pola saúde mental da mocidade e son moitos os profesionais que alertan do incremento das crises de ansiedade, das adiccións, das autolesións, ou de casos de depresión entre mozos e mozas. As causas son diversas, o mesmo que as consecuencias, dende as máis leves ata as máis graves, coma os intentos de suicidio.
Este martes o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) publicou a súa memoria anual, correspondente ao ano 2023, que dá conta da estatística relacionada cos suicidios no país. A cifra total (326) descende en relación aos datos do pasado ano (340), que marcara un máximo dende os niveis do ano 2016. Porén, entre os indicadores chama a atención o importante incremento entre os menores de 30 anos.
Cada ano prodúcense ao redor de 300 mortes por suicidio no noso país. Galicia é un dos territorios do Estado, despois de Asturias, cunhas taxas de suicidio máis elevadas
Galicia é un dos territorios do Estado, despois de Asturias, cunhas taxas de suicidio máis elevadas, moi por riba da media española. Dende os anos 80 do pasado século, cada ano prodúcense ao redor de 300 mortes por suicidio no noso país, con oscilacións á alza e á baixa. Nas estatísticas do INE o ano 1993 (372) e 2014 (371) marcaron os máximos anuais. Dende o 2006 o IMELGA ofrece tamén o seu rexistro anual, con variacións moi leves en relación á estatística do INE, aínda que case sempre algo por riba. Neste caso, o máximo correspondeu ao 2014 (394 casos).
Nos últimos anos vén medrando a preocupación pola saúde mental da mocidade e son moitos os profesionais que alertan do incremento das crises de ansiedade, das adiccións, das autolesións, ou de casos de depresión entre mozos e mozas.
Durante o pasado ano 31 mozos e mozas menores de trinta anos suicidáronse en Galicia (4 menores de vinte anos e 27 entre 21 e 30 anos), case un de cada dez suicidios cometidos no noso país. Son case o dobre que no ano 2022 (16) e a cifra é a maior dende o ano 2006, hai case dúas décadas.
Mesturamos neste caso as series de datos do IMELGA (dende o 2019) coas do INE (ata o 2018) para ter unha maior perspectiva histórica deste indicador, pois o IMELGA non ofrece datos segmentados anteriores a 2019.
O suicidio é dende hai anos unha das principais causas de morte en Galicia nas persoas entre 15 e 29 anos
Antes de 2006 o número de suicidios de menores chegou a ser moi superior (por exemplo, 42 no ano 2003), aínda que hai que ter en conta que nese momento a poboación nova en Galicia era moi superior á actual. En 2003, por exemplo, había 900 mil persoas menores de 30 anos en Galicia e hoxe a cifra non chega ás 650 mil.
O número de suicidios entre mozos e mozas pode non semellar excesivamente alto, pero ano tras ano o suicidio convértese nunha das principais causas de morte entre as novas xeracións en Galicia. No ano 2022, por exemplo, segundo as cifras do INE, o suicidio foi a segunda causa de morte entre as persoas entre 15 e 29 anos, só por detrás dos accidentes de tráfico. En 2021 o suicidio chegou a ser a principal causa de morte nesta faixa de idade.
No ano 2023 o maior número de suicidios produciuse entre os 51 e os 60 anos (58), pero con cifras moi semellantes ás rexistradas entre as persoas de 41 a 50 anos (51), de 61 a 70 (56) e de 71 a 80 (57)
A pesar do incremento dos suicidios entre os mozos e mozas, a maior cantidade de casos seguen a producirse entre persoas de maior idade, entre os 40 e os 80 anos. No ano 2023 o maior número de suicidios produciuse entre os 51 e os 60 anos (58), pero con cifras moi semellantes ás rexistradas entre as persoas de 41 a 50 anos (51), de 61 a 70 (56) e de 71 a 80 (57).
Segue a haber moitos máis suicidios entre os homes (250) que entre as mulleres (76).
A área sanitaria de Vigo foi onde se produciron máis casos (69), por diante da da Coruña (67) e a de Lugo (54). Lugo é a provincia que rexistra unha taxa de suicidios máis elevada en Galicia dende hai tempo
As estatísticas do IMELGA refliten tamén que a área sanitaria de Vigo foi onde se produciron máis casos (69), por diante da da Coruña (67) e a de Lugo (54). Lugo é a provincia que rexistra unha taxa de suicidios máis elevada en Galicia dende hai tempo, por riba dos 16 casos por cada 100.000 habitantes.
Case a metade dos suicidios que se produciron en Galicia empregaron o aforcamento (164), por diante da precipitación dende un lugar elevado (46). A seguir, atopamos o envelenamento (40), o afogamento (21) e o disparo de armas de fogo (21), especialmente na provincia de Ourense.