Este domingo 10 de setembro celébrase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, unha grave problemática de saúde pública que cada ano é responsable da morte de máis de 300 persoas en Galicia, 340 o pasado ano
Este domingo 10 de setembro celébrase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, unha grave problemática de saúde pública que cada ano é responsable da morte de máis de 300 persoas en Galicia. En concreto, o pasado ano 2022 foron 340 as persoas que quitaron a vida no país, segundo os datos publicados recentemente polo Imelga na súa memoria anual.
A cifra mantén a tendencia ascendente iniciada no 2018 cando se rexistrara o número máis reducido de suicidios dende os anos 80 do pasado século. Porén, dende entón durante catro exercicios volveu superarse o nivel dos 300, case un por día. En xeral, o confinamento reducira o número de suicidios no ano 2020, pero a volta á normalidade no 2021 e 2022 tivo un efecto rebote cun incremento do número de suicidios. O número rexistrado o pasado ano supón o máximo dende o 2016.
Galicia é un dos territorios do Estado, xunto con Asturias, cunhas taxas de suicidio máis elevadas, moi por riba da media española
Galicia é un dos territorios do Estado, xunto con Asturias, cunhas taxas de suicidio máis elevadas, moi por riba da media española. Galicia presenta en 2020 unha taxa de 12,5 suicidios por cada 100.000 habitantes (excluídos os menores de 5 anos), case o dobre da media estatal. En termos relativos, a taxa de incidencia amosa que o suicidio tamén é máis relevante en Lugo (por riba de 16 suicidios por cada 100.000 habitantes), seguida de A Coruña, Ourense e Pontevedra.
Son moitos máis os homes que se suicidan, con 235 casos o pasado ano, por 105 das mulleres. Porén, cómpre salientar que mentres a cifra de suicidios masculinos se vén mantendo estable nos últimos anos e mesmo rexistra un descenso en relación aos máximos acadados nos anos 2013 e 2014, a feminina amosa unha tendencia de ascenso. De feito, dende 1980 tan só en catro ocasión se rexistraron máis de 100 suicidios de mulleres: 1990, 2016, 2021 e 2022, a segunda cifra máis elevada da serie histórica.
As idades das persoas que quitan a vida son variadas, pero os suicidios son máis habituais a partir dos 40 anos. No ano 2022, 134 dos suicidios corresponderon a persoas entre 41 e 60 anos, 96 a persoas entre 61 e 80 anos, e 61 a persoas por riba dos 80 anos. Entre os menores de 40 anos houbo 49 suicidios, unha cifra máis cativa. Porén, debido ao menor número de mortes totais entre as xeracións máis novas, este número supón que os suicidios son -xunto cos accidentes de tráfico- unha das principais causas de mortalidade entre os menores de 40 anos.
Cada ano as entidades profesionais e sociais ligadas ao coidado da saúde mental fan fincapé en que os suicidios son "evitables" e reclaman a posta en marcha de accións preventivas para atender que as persoas que deciden quitar a vida
Cada ano as entidades profesionais e sociais ligadas ao coidado da saúde mental fan fincapé en que os suicidios son "evitables" e reclaman a posta en marcha de accións preventivas para atender que as persoas que deciden quitar a vida. Segundo a Organización Mundial da Saúde, por cada suicidio consumado estímase que se producen 20 tentativas, o que implicaría que a ideación autolítica estaría presente nunhas 6.000 persoas en Galicia, o que nos dá unha aproximación da magnitude desta problemática.
Neste ano Saúde Mental FEAFES Galicia quere reivindicar "unha abordaxe transversal do suicidio" para mitigar os seus efectos, destacando que é preciso "traballar na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na visibilización desta realidade que está tan oculta na sociedade".
Co gallo do Día para a Prevención do Suicidio, Saúde Mental FEAFES Galicia lanzou un vídeo que busca "romper o tabú que existe arredor desta realidade"
Co gallo do Día para a Prevención do Suicidio, Saúde Mental FEAFES Galicia lanzou un vídeo que busca "romper o tabú que existe arredor desta realidade". Nel, tres persoas establecen unha interlocución con alguén que ten unha ideación suicida, trasladándolle mensaxes de apoio, comprensión e validación, animando así a falar do suicidio dun xeito responsable e a pedir axuda cando sexa preciso.
Por outra banda, a web conectacoavida.org é un espazo que aporta información sobre o suicidio e facilita consellos para a súa abordaxe: datos, mitos e falsas crenzas, o papel dos medios de comunicación, factores de risco e de protección, sinais de alerta, lugares aos que acudir, recursos de utilidade, etc. Con esta ferramenta preténdese sensibilizar acerca do suicidio e favorecer así a súa prevención.
1.500 persoas atendidas nas Unidades de Prevención do Suicidio
As novas Unidades de Prevención do Suicidio postas en marcha pola Xunta atenderon máis de 1.500 persoas
Este venres o Goberno galego salientou que as novas Unidades de Prevención do Suicidio postas en marcha pola Xunta atenderon máis de 1.500 persoas. Estas unidades establecen un tempo de atención non superior a sete días dende a derivación. Este tempo redúcese a 72 horas no caso de apreciarse un alto risco.
A Consellería de Sanidade puxo en marcha nos últimos meses, en colaboración coa Consellería de Educación, o Protocolo de prevención, detección e intervención do risco suicida no ámbito educativo, “un dos principais fitos que permitiu acadar foi a posta en marcha do Código Agarimo e dunha vía rápida de atención a menores en risco medio/alto de suicidio”, destacou este venres o conselleiro Julio García Comesaña.
Andaina Pro Saúde Mental
A entidade Andaina Pro Saúde Mental destaca pola súa banda que "os programas preventivos deben implementarse dende a cooperación entre as diversas disciplinas das ciencias da saúde e das ciencias sociais"
A entidade Andaina Pro Saúde Mental destaca pola súa banda que "os programas preventivos deben implementarse dende a cooperación entre as diversas disciplinas das ciencias da saúde e das ciencias sociais" e sinala que unha das medidas máis efectivas na prevención do suicidio son os programas de concienciación e sensibilización en diferentes Eidos co fin de chegar á sociedade no seu conxunto.
Seguindo estas recomendacións, o programa FALAMOS? estrutúrase en tres liñas de acción: Formación a profesionais do ámbito sociosanitario, acompañamento a persoas e grupos vulnerables e información e sensibilización social sobre a prevención da conduta suicida.
Andaina PSM conta cun programa específico para a detección e intervención en risco de suicidio que se iniciou na comarca de Ordes no ano 2020, ampliando territorio no 2021 para chegar tamén á comarca de Ulla-Sar. No presente ano, a entidade, traballa para extender o ámbito de actuación a concellos limítrofes con estas comarcas. A entidade invita ao seguimento da súa actividade en redes sociais (Andaina Pro Saúde Mental en Facebook e @andaina_prosaudemental en Instagram) para poder coñecer as datas e localizacións das diferentes actuacións que se levarán a cabo.