De que morremos en Galicia? Máis tumores e accidentes nos homes, máis senilidade e problemas circulatorios nas mulleres

Cemiterio de Santa Baia, na Estrada CC-BY-SA Rafael Ojea

No pasado ano 2022 morreron en Galicia 35.146 persoas. As causas foron moi diversas, pero as enfermidades do sistema circulatorio (9.356, o 26,6%) e os tumores (8.409, o 24%) representaron ao redor da metade de falcementos. En calquera caso, hai grandes diferenzas entre homes e mulleres e tamén por idades, como reflicten os datos publicados na estatística de defuncións publicada este martes polo INE.

As afeccións do sistema circulatorio (insuficiencias cardiacas, infartos, enfermidades hipertensivas, cerebrovasculares...) supoñen máis de unha de cada catro (26,6%) e o cancro representa unha cifra semellantes (o 24% do total)

As afeccións do sistema circulatorio (insuficiencias cardiacas, infartos, enfermidades hipertensivas, cerebrovasculares...) supoñen máis de unha de cada catro (26,6%) e o cancro representa unha cifra semellantes (o 24% do total). A continuación aparecen as enfermidades do sistema respiratorio e os transtornos mentais ligados á senilidade, que suman unhas 3.500 e 2.500 mortes en cada caso. 

Xusto por detrás están xa as enfermidades do sistena nervioso, entre as que aparece o Alzheimer. E, despois, as enfermidades infecciosas, entre as que segue a destacar a COVID-19. No ano 2022 morreron en Galicia 1.848 persoas despois de se ter contaxiado coa COVID-19, unha cifra superior á dos anos 2020 (1.499) e 2021 (1.541).

A incidencia da COVID fai que as doenzas infecciosas incrementasen o seu peso relativo entre as causas de morte, pois pasaron de representar pouco máis do 1% en 2018 e 2019 a supoñer o 6,6% no 2022

A incidencia da COVID fai que estas doenzas infecciosas incrementasen o seu peso relativo entre as causas de morte, pois pasaron de representar pouco máis do 1% nos anos 2018 e 2019 a supoñer o 6,6% no ano 2022.

Mentres, reduciuse a incidencia dos tumores, que antes supoñían ao redor do 26% dos falecementos e o pasado ano foron o 24%. O mesmo pasou coas enfermidades do sistema respiratorio, que pasaron de ser o 11,5% a supoñer o 10%, e as afeccións circulatorias (pasaron do 29% ao 26%).

Nos últimos anos multiplicáronse os afogamentos accidentais, que se converten na principal causa externa de morte en Galicia

As causas externas de morte continúan a ser só unha pequena parte das defuncións anuais, aínda que o seu peso increméntase entre as xeracións máis novas. No ano 2022 supuxeron o 4,4% dos falecementos, 1.558 en total. Descenderon lixeiramente os suicidios (de 339 a 304), as caídas accidentais (de 349 a 311) e os accidentes de tráfico (de 124 a 112). Pero, en cambio, multiplicáronse os afogamentos accidentais, de 358 a 443, que se converten na principal causa externa de morte en Galicia.

De que morren homes e mulleres? 

O cancro mata a moitos máis homes (representa o 28,7% das defuncións masculinas) que mulleres (o 19,4%). A diferenza é especialmente clara no caso do cancro de pulmón e traquea

De que morren homes e mulleres? En grandes liñas as causas de morte principais son as mesmas nun e noutro sexo, pero o cancro mata a moitos máis homes (representa o 28,7% das defuncións masculinas) que mulleres (o 19,4%). A diferenza é clara no caso do cancro de pulmón e traquea, que o pasado ano acabou coa vida de 1.145 homes e de 414 mulleres; e, igualmente, morren máis homes por cancro de estómago, de esófago ou de fígado. 

O segundo cancro que máis mortes provoca, o de colon, presenta cifras semellantes en homes e mulleres (447 e 353, respectivamente), aínda que ten unha maior incidencia nos homes. E, evidentemente, o cancro de próstata provoca a morte en homes (462) e o de ovario e útero en mulleres (312), o mesmo que o de mama (417).

As mulleres falecen máis por afeccións do sistema circulatorio e por transtornos mentais ligados á idade

Tamén morren máis homes por enfermidades do sistema respiratorio e por causas externas (922 en homes fronte a 633 en mulleres). Neste caso, a gran diferenza está nos accidentes de tráfico (93 homes falecidos fronte a 23 mulleres) e tamén nos suicidios (224 homes e 84 mulleres).

As mulleres, en cambio, falecen máis por afeccións do sistema circulatorio, (28,6% do total fronte a 24,5% nos homes) e, sobre todo, por transtornos mentais ligados á idade, que representan máis do 9% das mortes femininas e ao redor do 4,8% nos homes. Cómpre ter en conta a maior esperanza de vida feminina e a gran desproporción entre o número de mulleres e de homes por riba dos 80 e dos 90 anos.

Por idades

Os tumores son a principal causa de morte entre os 30 e os 80 anos

Os tumores son a principal causa de morte entre os 30 e os 80 anos. Por riba desa idade as afeccións do sistema circulatorio (cerebrovasculares ou a insuficiencia cardiaca) son as causas de morte máis frecuentes, e tamén gañan peso as enfermidades respirartorias. O peso do cancro é especialmente relevantes entre os 50 e 70 anos, unha franxa de idade na que representan case a metade dos falecementos.

Entre os 30 e os 39 anos destaca o peso dos suidicios (23 o pasado ano, o 13% de todos as mortes nesta franxa de idade). Entre os 15 e os 29 anos a principal causa de morte son os accidentes de tráfico

Entre os 30 e os 49 anos o cancro é tamén a principal causa de morte (33% do total), pero rivaliza coas causas externas (27%) que, de feito, son maioritarias entre os 30 e os 39 anos. Nesta franxa de idade destaca o peso dos suidicios (23 o pasado ano, o 13% de todos os decesos para as persoas na trintena). 

Entre a mocidade por debaixo de 30 anos as causas externas son as máis importantes (provocan case 6 de cada dez mortes). Neste caso, son os accidentes de tráfico os maiores responsables de defuncións entre as persoas entre 15 e 29 anos, un 21% do total, por riba dos suicidios, o 14%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.