Dúas grandes causas de morte predominan por riba de todas as demais: as enfermidades do sistema circulatorio, que acabaron coa vida de 9.581 persoas, e os tumores, que suman 8.464
O Instituto Nacional de Estatística publicou este luns os datos definitivos correspondentes ás causas de defunción para o ano 2021. O pasado ano morreron 32.853 persoas en Galicia por circunstancias moi diversas, pero dúas grandes causas de morte predominan por riba de todas as demaias: as enfermidades do sistema circulatorio, que acabaron coa vida de 9.581 persoas, e os tumores, que levaron á morte a 8.464.
Por debaixo destes dous grandes grupos de patoloxías aparecen outras doenzas e problemas de saúde, entre os que por segundo ano consecutivo aparece a COVID-19, con 1.558 defuncións ligadas a esta enfermidade, un dato moi semellante ao do ano 2020 (1.603) e consistente co indicador que día a día segue a ofrecer o Sergas, que apunta datos lixeiramente inferiores (1.414 mortes por COVID en 2020 e 1.364 en 2021).
A diferenza do dato ofrecido pola Consellaría de Sanidade, que só recolle as mortes de persoas ás que se lles fixo unha proba de detección do coronavirus con resultado positivo, a información do INE pescuda nas circunstancias do pasamento, permitindo atopar sinais de complicacións motivadas por esta enfermidade, independentemente de que o doente fose positivo no momento do seu falecemento.
Por debaixo dos 80 anos a principal causa de morte son os tumores, que supoñen o 35% das mortes entre os 40 e 49 anos, o 45% entre os 50 e 59 anos, o 51% entre os 60 e 69 anos e o 40% entre os 70 e os 79
Aínda que as enfermidades do sistema circulatorio son as que causan un maior número de mortes, en realidade só supoñen a causa principal de falecemento por riba dos 80 anos, chegando a representar o 37% dos pasamentos por riba dos 90 anos. Por debaixo dos 80 anos, en cambio, a principal causa de morte son os tumores, que supoñen o 35% das mortes entre os 40 e 49 anos, o 45% entre os 50 e 59 anos, o 51% entre os 60 e 69 anos e o 40% entre os 70 e os 79. Destacan os tumores de pulmón e bronquios (1.589 mortes en 2021), o de colon (822), o de páncreas (521), o de próstata (496) ou o de mama (433).
Entre os 15 e os 29 anos a principal causa de morte son os suicidios e entre a mocidade tamén destaca a importancia das mortes en accidente de tráfico
O cancro tamén é a principal causa de morte nos menores de 15 anos. Só hai unha excepción: entre os 15 e os 29 anos a principal causa de morte son os suicidios. No ano 2021 producíronse un total de 23 suicidios neste grupo de idade, pero dado que o número total de mortes foi moi reducido (104), isto representa o 22% do total. Os suicidios supoñen tamén o 19% das mortes entre 30 e 39 anos, preto do 23% do cancro.
Entre a mocidade tamén destaca a importancia das mortes en accidente de tráfico, o 19% do total no grupo de 15 a 29 anos (20, en concreto), que tamén acadan porcentaxes importantes entre os menos de 14 anos e no grupo de 30 a 39 anos.
No 2021 triplicáronse as mortes por afogamento accidental
As mortes por causas externas levaban anos manténdose estables, cun leve ascenso dende as 1.077 de 2011 ata as 1.299 de 2020. En 2021, a cifra total disparouse ata as 1.440, regresando a valores semellantes aos que se rexistraban hai 20 anos, cando as defuncións en accidente de tráfico eran moito máis comúns. No 2021 triplicáronse as mortes por afogamento accidental e mantivéronse estables o resto de causas, cunha diminución das caídas accidentais.
En canto aos suicidios, o INE achega unha cifra total no ano 2021 de 337 mortes, semellante ao dato ofrecido recentemente polo Imelga (331). Dende hai anos o número mantense estable por riba dos 300, con valores moito máis elevados para os homes e máis habituais entre os 40 e os 70 anos. Porén, en termos relativos, é na mocidade onde estas situacións provocan un maior número de mortes.
No 2021 morreron por COVID menos persoas maiores de 80 anos que no 2020. Pero por debaixo desa idade o número de falecementos pola enfermidade foi maior
En canto á COVID, as cifras de 2021 seguen a amosar un ritmo constante de defuncións, algo máis elevadas entre os homes que entre as mulleres (844 fronte a 714). Os datos provisionais de defuncións correspondente ao primeiro semestre de 2022 achegados polo INE sitúan o número de mortes por COVID nas 1.177, de novo algo por riba do dato fornecido polo Sergas (837).
Nestes datos o que si chama a atención é a diminución dos falecementos por COVID entre os maiores de 80 anos (150 defuncións menos), fronte a un incremento das mortes por COVID entre os menores de 80 anos (unhas 100 máis).