Cada 10 de setembro, Día Mundial para a Prevención do Suicidio, diversos colectivos profesionais e cidadáns inciden na necesidade de abordar a problemática no espazo público para previr estas condutas. Nos últimos anos, en boa medida polo impulso destas organizacións, os gobernos véñense sumando a estes chamamentos, con anuncios de medidas en materia sanitaria ou de información.
O Servizo de Información Toxicolóxica detectou 5.411 casos de intentos de suicidio por esta vía en 2021 en todo o Estado
Nesta segunda vertente, a da información, vén de afondar o Servizo de Información Toxicolóxica (SIT), dependente do Ministerio de Xustiza, na súa memoria do ano 2021, publicada neste decembro de 2022. O documento realiza unha explicación moito máis detallada que en anteriores edicións sobre as consultas que recibiu por "intoxicacións voluntarias" e, dentro delas, por intentos de suicidio mediante intoxicacións, a maioría con fármacos.
Segundo este documento, nese 2021 o SIC tivo un total de 5.411 consultas por intentos de suicidio dentro dunha suma de 7.453 casos de intoxicacións voluntarias, o que supón o 12,8% do total (máis de 58.000, a maioría por accidentes). O propio organismo advirte de que detecta un "incremento moi significativo a respecto dos casos rexistrados en anos anteriores".
No que atinxe á distribución territorial dos casos, case unha cuarta parte foron detectados nunha única comunidade autónoma, Andalucía (23,6%), seguida da Comunitat Valenciana (15,2%), Madrid (12,7%) e Catalunya (11,5%). Galicia está no sexto lugar en termos porcentuais, co 5% dos intentos de suicidio mediante intoxicación "voluntaria", un peso moi semellante ao da poboación galega sobre o total do Estado e que supón uns 270 casos durante o ano 2021
Alén dos números brutos, Toxicoloxía defende que afondar nestes datos ten "gran relevancia" para "o desenvolvemento de políticas de prevención do suicidio", en boa medida porque "coinciden cos achados doutros proxectos de prevención" como os que manexa o proxecto Survive, cofinanciado polo Instituto de Salud Carlos III. Entre as conclusións do traballo destaca que "as intoxicacións voluntarias por autólise", isto é, estas tentativas de acabar coa propia vida por esta vía, "teñen unha maior incidencia nas mulleres", con case un 70% dos casos detectados nese ano 2021, ao contrario do que acontece coas cifras globais de suicidios.
O estudo, que destaca a maior incidencia destas condutas en idades moi temperás, subliña a "gran relevancia" destes datos para as políticas de prevención do suicidio
Por idades, Toxicoloxía pon o foco en que predominan as "moi temperás". Non en van -sempre segundo a datos do total de consultas, de todo o Estado-, un de cada cinco rexistráronse en nenas e nenos de 11 a 15 anos. No groso dos casos, abonda o informe, "o tipo de produto predominante é o dos medicamentos", con case o 87% do total, cunha incidencia "moito maior" que calquera outro e unha presenza moi maioritaria dos fármacos que atinxen ao sistema nervioso.
Á hora de analizar estas situacións e incidir na súa prevención, Toxicoloxía tamén detalla as horas máis frecuentes das consultas recibidas. "O inicio da noite, unido ás primeiras horas da madrugada, é a franxa horaria de maior incidencia". Así, arredor da cuarta parte dos casos atendidos rexístranse entre as 21h e a medianoite.