Marcos Lorenzo, antropólogo e xestor cultural, publicou este outono o ensaio Dous escritos sobre a felicidade (Edicións Embora), unha obra que afonda na concepción contemporánea da felicidade, de carácter individual ("cada quen é responsable do seu destino") e case obrigatoria ("os infelices seríano por desentenderse da súa responsabilidade"), o que deriva nunha crecente industria de profesionais e disciplinas especializadas na mellora momentánea do estado de ánimo e, polo outro, nunha tiranía que acaba for facer máis infelices as persoas que non acadan o nivel esperado de felicidade.
"Hai un proceso terrible de individuación nas últimas décadas, estimulado dende determinadas instancias. Canto menos colchón social e menos rede social hai, máis expostos estamos ante o mercado e máis se intensifica o noso consumo"
No libro, ademais, destácase que Galicia figura en case todos os indicadores (taxa de suicidios, consumo de psicofármacos, nivel de satisfacción coa vida, calidade de vida...) como o territorio do Estado español máis infeliz, unha realidade sobre cuxas causas reflexiona. A obra inclúe na súa segunda parte o resultado dun cuestionario sobre a felicidade que Lorenzo distribuíu entre 31 persoas, procedentes principalmente do ámbito cultural galego.
O libro foi xa presentado en Compostela, Lugo ou Boiro e a pasada semana fíxoo na Coruña, coa participación da líder do BNG, Ana Pontón, e do Psicólogo do Sergas Carlos Losada. Este xoves vén de facelo en Ferrol. Nestas presentacións está a ser habitual a presenza de profesionais da saúde mental ou do mundo da psicoloxía, un ámbito no que o libro incide de forma destacada.
Chama a atención a variedade de perfís que te están a acompañar nas presentacións. Supoño que o concepto de felicidade é moi amplo e pode se abordado dende moitos lugares, non si?
O concepto é tan polisémico que permite varias aproximacións, dende distintos ámbitos e disciplinas. Por exemplo, na presentación de Santiago estivo o prologuista [Enrique Carretero], que é filósofo e antropólogo e polo tanto fixo unha achega moi distinta á que poden facer os profesionais da saúde mental. Pero é certo que en case todas as presentacións houbo alguén relacionado coa Psicoloxía, porque a realidade é que esta disciplina é a que traballou de forma máis insistente con este concepto nos últimos anos. Ademais, algúns dos datos que aparecen no libro son moi significativos en termos de psicoloxía social.
A felicidade lígase hoxe, sobre todo, a procesos internos persoais, pero non sempre foi así, como repasas no libro. Por que se abandonaron os obxectivos colectivos como base para a felicidade?
"A felicidade, como concepto abstracto, parece que remite a unha plenitude vital absoluta e permanente que é moi improbable conseguir"
Hai un proceso terrible de individuación nas últimas décadas, estimulado dende determinadas instancias, ligado ao auxe da sociedade de consumo. Canto menos colchón social hai, canta menos rede social hai, máis expostos estamos ante o mercado e máis se intensifica o noso consumo. Iso vese a todos os niveis: cada vez a xente vive máis soa.
Produciuse unha vitoria do liberalismo naquilo que se chaman as batallas culturais á hora de impoñer un concepto da vida como competición entre individuos. E impúxose esta concepción ligada ao consumo de que debemos espremer a vida ao máximo en todo momento, optimizar o noso goce. Para min, resulta moi importante o factor da soidade e da debilidade das redes sociais. Deberíamos pasar deste mundo dos libros de autoaxuda ás entreaxudas, ás estruturas de comunidade. Aínda que creo que cómpre dicir que moitas veces, sobre todo no ámbito da esquerda, se amosa un excesivo idealismo sobre esa idea de comunidade, ligada a unha visión un chisco utópica do que era a Galicia rural.
A felicidade semella, así mesmo, case que obrigatoria, de xeito que quen non é feliz debe ademais cargar co peso de non estar respondendo a unhas determinadas expectativas sociais. Que consecuencias ten isto?
"O actual modelo económico aséntase sobre a sociedade de consumo, que continuamente está estimulando os nosos sentidos, poñendo cenorias continuamente ante os nosos ollos para aspirar a un novo pracer ou a unha mellora nalgunha cuestión material ou espiritual"
A felicidade, como concepto abstracto, parece que remite a unha plenitude vital absoluta e permanente que é moi improbable conseguir. Esixirnos iso, en lugar de esixirnos unha vida razoablemente plena con bos e malos momentos, é tan desmesurado, está tan fóra de escala, que se converte nunha fonte de frustración e de neurose. Polo tanto, a procura desa suposta felicidade, que aparece como horizonte e como norma, lévanos a ser máis infelices, porque por máis empeño que poñas, o máis probable é que non consigas todos os teus soños. Hai unha serie de expresións completamente falsas, como “podes lograr todo o que te propoñas”, “se queres podes”, “a felicidade está dentro de ti”, que prescinden de toda realidade, cun punto infantiloide.
Ademais, hai todo un ambito profesional e un mercado de produtos pensados expresamente para axudarnos a lidiar con esta insatisfacción...
Si, isto foi o caldo de cultivo para a creación da chamada Industria da Felicidade, que é un novo subsector da economía de servizos cunha facturación incrible, un negocio formidable composto por libros de autoaxuda, coaching, mindfulness, certas lecturas occidentais do Budismo, o consumo de psicofármacos..., ata chegar a aplicacións dixitais para monitorizar as emocións. Unha gran cantidade de ferramentas que se venden para mellorar o noso estado de ánimo a curto prazo, inhibir emocións negativas e estimular emocións positivas.
As persoas infelices consumen máis? Vense na obriga de adquirir produtos de consumo para encher os ocos que atopan nas súas vidas?
Creo que a felicidade como obriga é filla da sociedade de consumo. O actual modelo económico aséntase sobre a sociedade de consumo, que continuamente está estimulando os nosos sentidos, poñendo cenorias continuamente ante os nosos ollos para aspirar a un novo pracer ou a unha mellora nalgunha cuestión material ou espiritual. E despois, pola contra, ten a vareada nas canelas que sería a ameza do paro ou a soidade, e polo tanto a necesidade de vender a túa forza de traballo e de seres máis produtivo se non queres quedar fóra da roda do sistema. Cenoria e pau.
Dáme a impresión de que en Europa fálase pouco da felicidade, ou cando menos non se fala dela en termos políticos ou colectivos, cando por exemplo en América Latina o concepto forma parte do debate político e mesmo entrou a formar parte dalgún novo texto constitucional, como un dereito da cidadanía (a ser feliz) que debe ser garantido polo Estado. Por que?
"En Galicia hai unha serie de problemas que hai que atender. De saúde mental, por suposto, pero non só. Hai que dicir a verdade e non estar mentíndonos sistematicamente con que aquí todo vai moi ben"
Esa aspiración á felicidade como obxectivo colectivo está mesmo na Constitución dos Estados Unidos e nas últimas décadas varios movementos indixenistas en América introduciron o debate sobre a reformulación das constitucións dos seus países para introducir o concepto da 'vida boa' e da felicidade, contrapoñéndoo ao concepto do estado do benestar, máis propio de Occidente, no que entenden que hai unha compoñente capitalista e de consumo que eles rexeitan, pois parten dunha concepción dunha vida con menos necesidades materiais, unha relación máis harmónica coa natureza e máis apoio mutuo.
Os galegos somos máis infelices? No libro recolles un gran número de indicadores que apuntan nesta dirección? Por que cres que se produce isto?
"Influirá o clima en que en Galicia teñamos unha peor percepción da vida? Non debe ser así, porque en España, a maior satisfacción da vida está en Navarra, a menor taxa de suicidio está en Cantabria. As explicacións semellan estar noutro lugar"
Eu fun o primeiro sorprendido por eses indicadores, que deixan a Galicia en último lugar en satisfacción coa vida e nos primeiros lugares en consumo de psicofármacos, problemas de saúde mental ou taxa de suicidios. E hai aspectos curiosos, porque hai comunidades autónomas que tamén están nos primeiros lugares en suicidios e psicofármacos, pero que nas enquisas os seus habitantes aparecen como satisfeitos coas súas vidas, a diferenza de Galicia. Aquí a existencia percíbese como de 'peor calidade', menos feliz que no resto de comunidades.
A partir disto eu tento informarme e ler a autores que saben máis destes temas, e aparecen como posibles hipóteses para explicar isto varios factores: o envellecemento, a mala saúde, a carencia de recursos, a soidade e unha baixa satisfacción coas relacións persoais. Todo isto indícanos que en Galicia hai unha serie de problemas que hai que atender. De saúde mental, por suposto, pero non só. Hai que dicir a verdade e non estar mentíndonos sistematicamente con que aquí todo vai moi ben.
Non ten que ver co clima, entón...
"Cando unha persoa non é feliz, é que lle pasa algo estraño e debe ocultalo do resto, coma se fose contaxioso ou transmitise malas vibracións"
Aínda que só servise este libro para desterrar a idea de que o clima é un factor influínte no estado de ánimo, eu xa ficaría satisfeitos. Influirá o clima en que en Galicia teñamos unha peor percepción da vida? Non debe ser así, porque en España, a maior satisfacción da vida está en Navarra, a menor taxa de suicidio está en Cantabria, tamén no norte chuvioso. As explicacións semellan estar noutro lugar, máis ligadas a causas económicas, demográficas, habitacionais, históricas...
Hai que falar máis de saúde mental a todos os niveis?
En xeral son cuestións das que non se fala. De saúde mental fálase moi pouco publicamente ou nos medios, só un pouco cando hai uns meses Íñigo Errejón levou o tema ao Congreso e púxoo na axenda. Cando unha persoa non é feliz, é que lle pasa algo estraño e debe ocultalo do resto, coma se fose contaxioso ou transmitise malas vibracións. E semella que destas persoas 'negativas' hai que afastarse. Son mensaxes de estigmatización de persoas con doenzas mentais ou que están pasando por un mal momento
Na segunda parte do libro recolles as respostas que che deron ao cuestionario no que preguntabas a 31 persoas sobre a felicidade e os aspectos que valoran para ser felices. Sorprendéronche as respostas?
"As respostas sorprendéronme moito porque vin que había unha diversidade extrema. A visión da vida e da felicidade, a cosmovisión de cada unha desas 31 persoas é totalmente distinta a pesar de que a mostra era moi homoxénea"
As respostas sorprendéronme moito porque vin que había unha diversidade extrema e unha singularidade radical nas respostas. A visión da vida e da felicidade, a cosmovisión de cada unha desas 31 persoas é totalmente diversa a pesar de que a mostra era moi homoxénea: persoas do ámbito da cultura, próximas en idade e a maior parte de Compostela. Parecía mesmo unha impugnación ás ciencias sociais, que presupoñen que as persoas que forman parte do mesmo grupo, a nivel cultural, de renda, de idade, de hábitat, tenden a ter características moi semellantes.
A felicidade é un concepto moi democrático: todos temos, máis ou menos, unha idea do que a felicidade é para nós, podemos dar a nosa visión sobre ela e polo tanto temos un desexo, unha aspiración. É un concepto que permite superar os circuítos pechados dos expertos ou dos académicos.