"Un traballo máis intenso en atención primaria permitiría desmedicalizar a enfermidade mental"

Cartel do congreso © Colexio Oficial de Psicoloxía

Entre este xoves e o sábado celébrase en Compostela a terceira edición do Congreso de Psicoloxía Profesional de Galicia "Camiños da Psicoloxía", que será "a cita máis relevante do sector nos últimos 25 anos en Galicia", segundo o Colexio Oficial de Psicoloxía, que organiza o encontro, que non se celebraba dende 1991. Nas tres xornadas do evento científico participan máis dun cento de relatores e relatoras procedentes de toda España.

O encontro, deseñado por un comité organizador presidido por Víctor Torrado -especialista da Área de Psicoloxía Clínica do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, desenvólvese en catro salas simultáneas, que acollerán 7 obradoiros, 11 conferencias e 23 simposios, e nas que se presentarán 84 comunicacións libres. O programa, moi amplo, analiza aspectos moi diversos, dende o incremento da taxa de suicidio, a depresión, a protección da infancia e da adolescencia, os efectos do envellecemento da poboación, ata a seguridade viaria, pasando pola corrupción ou o coaching. O Colexio destaca que a psicoloxía pode ser parte da solución de moitas eivas e problemáticas sociais "e, dende logo, un recurso imprescindible para o benestar da cidadanía". Falamos con Víctor Torrado.

"Non se debe confundir o coaching coa psicoterapia. Hai que delimitar áreas de intervención e profesionais que poidan estar acreditados para actuar nelas"

A psicoloxía e a preocupación pola saúde mental está cada día máis presente na sociedade? En ocasións ese interese, e o abuso de determinados formatos coma o coaching mesmo se pode cualificar de excesivo? 

O número de colexiados máis que se duplicou nos últimos vinte anos. Probablemente sexa difícil atopar nestas últimas décadas unha disciplina que experimentase un crecemento semellante e unha ampliación nos seus campos de intervención. En paralelo, percibimos que a sociedade no seu conxunto é máis coñecedora do labor profesional dos psicólogos. O noso traballo é máis coñecido e, ademais, o noso rol profesional é máis demandado e ten unha moi boa aceptación social. É certo que hai algunhas disciplinas que, seguramente por unha cuestión de moda, adquiren unha maior relevancia, como pode ser o coaching. No congreso teremos un simposio dedicado a isto, dedicado a analizar a relación entre o coaching e a psicoloxía. É unha relación complexa: o coaching pode achegar cousas e está aquí para quedar, pero non se debe confundir o coaching coa psicoterapia. Hai que delimitar áreas de intervención e profesionais que poidan estar acreditados para actuar nelas.

Esta maior presenza social da psicoloxía está conseguindo reducir o estigma que en ocasións acompaña a algunhas enfermidades ou trastornos?

Estes cambios relacionados con consideracións sociais, relacionados co estigma que rodea unha enfermidade, experimentan lentos cambios, son cambios que requiren tempo. Pero si que se aprecian melloras neste senso e unha redución do estigma, á hora de que unha persoa poida recibir atención psicolóxica, sobre todo no caso de trastornos relativamente leves, relacionados co estrés, ou a mesma depresión. Con todo, hai outras enfermidades mentais máis graves ou máis crónicas nas que estigma segue sendo moi importante.

"Hai centros que teñen [o acoso escolar] ben protocolizado para a detección precoz e unha intervención axeitada, e outros que fixeron pouco ou nada neste senso"

No congreso falarase bastante da atención psicolóxica aos menores. Os profesionais estades tendo unha actividade suficiente para evitar, por exemplo, situacións de bullying e os efectos deste acoso?

Hai psicólogos traballando no sistema educativo, tamén traballando con menores no sistema de xustiza. No que respecta ao acoso escolar, hai un desenvolvemento desigual: hai centros de ensino que teñen este tema ben protocolizado para a detección precoz e unha intervención axeitada, e outros que fixeron pouco ou nada neste senso. Polo tanto os e as menores non están igual de protexidos ante a posibilidade de sufrir bullying nos seus centros escolares. A situación complícase a través do ciberacoso, a través das redes sociais, que intensifica este fenómeno, xa que non só te acosan no período lectivo, senón en calquera momento. Pero non é a única situación: por exemplo, en situacións de violencia de xénero, é raro que os fillos e fillas da muller agredida non se vexan afectados pola violencia, directa ou indirectamente.  Neste tema os e as profesionais temos que dar unha resposta adecuada, para protexer estes nenos e nenas en risco.

"A infradotación de recursos fai case imposible ter citas de psicoterapia. Cal é a consecuencia? Que temos cifras de consumo de psicofármacos que son das máis altas da UE"

Hai uns días o Movemento Galego da Saúde Mental denunciaba a falta de recursos no sistema sanitario público e reclamaba un Plan Galego de Prevención do Suicidio e recuperar o Plan Estratéxico de Saúde Mental. Faltan recursos? Estanse a empregar as estratexias axeitadas? 

Con respecto ao suicidio, a estratexia está sendo practicamente inexistente. En Galicia temos unhas taxas de suicidio demasiado elevadas, con respecto a outras comunidades autónomas. Produciuse unha paralización na incorporación de recursos e profesionais psicólogos ao sistema sanitario. Iso limita moitísimo o acceso dos e das pacientes á terapia, algo ao que teñen dereito e que está apoiado polas guías de práctica clínica, por exemplo en casos de depresión. As guías de práctica clínica de todo o mundo indican que en casos leves e mesmo moderados a terapia psicolóxica é a elección que se lle debe ofrecer ao paciente como alternativa terapéutica. Pero a realidade aquí é moi diferente: a infradotación de recursos fai practicamente imposible isto, fai case imposible ter citas de psicoterapia mensuais ou bimensuais. Non hai nada peor que afirmar que se dispón dun recurso e despois non dotar o servizo de profesionais suficientes para facer fronte a este traballo. Cal é a consecuencia? Que temos unhas cifras de consumo de psicofármacos, de ansiolíticos e hipnóticos, que son das máis altas da UE. Polo tanto, o meu total apoio ás reivindicacións do Movemento Galego de Saúde Mental.

"Un traballo máis intenso con atención primaria que contribúa a desmedicalizar a enfermidade mental e os trastornos mentais, reducindo ademais o gasto público en psicofármacos, que teñen un custe elevadísimo"

Que necesitariades os profesionais para poder desenvolver mellor o voso traballo?

Hai varios niveis. Un é de tipo organizacional: deben cambiar determinadas estruturas e determinados corporativismos nalgúns sectores do ámbito médico con respecto ao noso labor, posto que dende hai anos temos a consideración de persoal sanitario especialista. Un traballo máis intenso con atención primaria, de xeito que contribúa a desmedicalizar a enfermidade mental e os trastornos mentais, reducindo ademais o gasto público en psicofármacos, que teñen un custe elevadísimo. As técnicas psicolóxicas para intervir nestes casos non só son eficaces, senón que son eficientes: é unha eficacia que resulta rendible. Hai que modificar algunhas estruturas e algúns estereotipos que resultan arcaicos para enfrontarse sobre todo á depresión, que é un problema de saúde pública de primeira magnitude, como está recoñecido pola OMS, e que se vai constituír como unha das principais causas de morbilidade en todo o mundo. Hai que cambiar algunhas estratexias para un problema que non é de futuro, senón que é de presente.

 

Cartel do congreso © Colexio Oficial de Psicoloxía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.