Nova condena á Xunta por un suicidio dunha persoa ingresada con problemas psiquiátricos

Fragmento da sentenza e Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en cuxo servizo de Psiquiatría logrou suicidarse un home que ingresara dicindo que quería morrer CC-BY-SA Praza Pública

A xustiza volve evidenciar eivas na atención psiquiátrica do Sergas, agora por non avaliar o risco nin aplicar o protocolo de prevención a un home con antecedentes que ingresou no Álvaro Cunqueiro de Vigo dicindo que quería morrer e que o logrou

Un xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo vén de emitir unha sentenza que condena o Sergas a pagar unha indemnización a varios familiares dun home de 31 anos con antecedentes psiquiátricos que se suicidou mentres estaba ingresado nese servizo do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Cando foi ingresado o home dixo que quería morrer e que xa tentara suicidarse, pero a sentenza constata que non se avaliou ese risco nin se lle aplicou o protocolo para evitalo.

Esta sentenza súmase a outras que foron emitindo nos últimos anos distintos órganos xudiciais galegos condenando a Xunta por sucesivos suicidios en hospitais de persoas ingresadas con problemas psiquiátricos ás que non se prestou toda a atención necesaria. Fronte a eses feitos constatados pola xustiza, o Goberno galego vén publicitando desde hai anos un plan de prevención do suicidio.

A sentenza agora feita pública polo poder xudicial sinala que cando foi ingresado no hospital vigués o home, con antecedentes psiquiátricos, relatou que "quere morrer", que "non vai parar ata suicidarse" e que un mes antes "viaxou ao inferno e tratou de aforcarse", engadindo que cría que a próxima vez "non fallaría". Porén, a xuíza constata que "non foi avaliado do risco autolítico nin no Servizo de Urxencias, nin na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica".

A sentenza sinala que "corresponde ao hospital vixiar adecuadamente aos pacientes que se atopen no centro e especialmente aos que estean ingresados en unidade de psiquiatría como era este caso". Porén, engade, "non se utilizaron todos os medios que tiña á súa disposición a unidade de psiquiatría para previr e evitar o sucidio, pos confluían unha serie de factores que incrementaban o risco". Malia eses factores, con antecedentes e declaracións do propio paciente, "non se considerou en momento algún a existencia dun risco de suicidio", conclúe a sentenza.

Tras o suicidio, a familia reclamou unha indemnización económica ao Sergas, pero este denegouna malia contar cunha resolución do Consello Consultivo de Galicia que a avalaba. A familia recorreu á xustiza ordinaria e agora vén de obter esta sentenza que condena a Sanidade a pagar. 

Fragmentos de diversas sentenzas que veñen condenando o Sergas por suicidios nos seus hospitais de persoas con problemas psiquiátricos e imaxe do HULA, no que se rexistrou un dos casos CC-BY-SA Praza Pública

Nos últimos anos o Sergas vén recibindo condenas similares por non facer todo o que debera para evitar suicidios nos seus hospitais de persoas con antecedentes psiquiátricos. Hai un ano, en febreiro de 2023, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou igualmente a indemnización dunha familia polo suicidio dunha muller de 74 anos no Hospital Lucus Augusti de Lugo. A sentenza relatou como había "suficientes signos de alarma que xustificaban que a administración sanitaria adoptase algunha medida extra de vixilancia" da muller aínda que estivese ingresada noutro servizo médico e non no de Psiquiatría. 

Nun dos casos condenados pola xustiza nos últimos anos o propio Sergas admitiu "unha importante quebra no curso da asistencia prestada"

A muller xa tentara suicidarse un mes antes, estaba a tratamento psiquiátrico e "o día anterior á consumación do feito puxera de manifesto que o ía facer". A sentenza recolle que aínda que neste caso a muller non estivese ingresada en Psiquiatría e non se lle aplicasen todas as medidas que o plan de prevención de suicidios prevé para dita unidade, "a situación descrita si entendemos require unha actuación da Administración sanitaria máis adecuada ás circunstancias".

Outro ano antes, en maio de 2022, o TSXG confirmaba outra condena ao Sergas a indemnizar igualmente a outros familiares polo suicidio dunha muller de 37 anos neste caso si ingresada nunha unidade de Psiquiatría por "risco autolítico". Dous días despois do ingreso logra suicidarse, nun caso no que o propio Sergas admitiu "unha importante quebra no curso da asistencia prestada".

E outro ano antes, en abril de 2021, o mesmo Tribunal Superior condenaba igualmente ao Sergas a indemnizar a outra familia polo suicidio dunha muller de 47 anos no complexo hospitalario de Santiago (CHUS). Fora ingresada por orde xudicial cun cadro psicótico e estaba a ser tratada no servizo de Neuroloxía, pero a sentenza conclúe que "o adecuado sería ou ben remitila a unha unidade psiquiátrica, onde hai maiores medidas de vixilancia, ou ben establecer, por parte dos sanitarios do hospital, unhas medidas de maior protección".

O teléfono 024 de atención á conduta suicida é un servizo gratuíto, confidencial e dispoñible as 24 horas do día

O teléfono 024 de atención á conduta suicida do Ministerio de Sanidade é un servizo gratuíto, confidencial e dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. Trátase dunha liña telefónica de axuda ás persoas con pensamentos, ideacións ou risco de conduta suicida, e aos seus familiares e achegados. En caso de emerxencia vital inminente débese chamar directamente ao 061 ou 112.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.