O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obriga ao Sergas a pagar á familia da falecida unha indemnización de 40.400 euros
En outubro do ano 2015 unha muller de 47 anos acudiu ao servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, presentando un “cadro psicótico”, polo que foi derivada para valoración por un psiquiatra do centro, sendo tratada con neurolépticos e antipsicóticos. Permaneceu ingresada doce días na Unidade de Neuroloxía para valorar unha posible encefalite ou vasculite que podería estar na orixe da súa psicose. Recibiu a alta, pero un día despois, mentres se atopaba no domicilio dunha amiga, tivo que ser ingresada de novo cun novo cadro psicótico que obrigou á intervención da Policía. A muller, moi alterada, presentaba un cadro de nerviosismo e dicía estar ameazada de morte.
De novo foi ingresada en Neuroloxía, desta volta de forma obrigada, e despois dunhas horas na habitación do hospital, situada nun dos últimos andares, abriu unha fiestra e lanzouse, morrendo de inmediato. Aínda que o sistema das fiestras só permite abrilas parcialmente, a constitución física da muller, que era moi delgada, permitiulle introducirse por elas e suicidarse.
A reclamación da familia foi desestimado polo Sergas, que alegou que "dado que a paciente nunca manifestou ideas de suicidio, era imposible saber que esa era a súa intención”
Meses máis tarde, a familia da falecida (a súa nai e irmáns) presentaron unha reclamación en materia de responsabilidade patrimonial sanitaria, argumentando que o Hospital non avaliara correctamente o estado mental no que se atopaba a muller, sinalando que debía ter sido ingresada no Hospital de Conxo, que ten Unidade psiquiátrica ou, cando menos, debería terse seguido o protocolo ante pacientes con risco de suicidio ingresados nas Unidades de hospitalización psiquiátrica. E subliñaba que, en calquera caso, o Hospital era responsable do coidado da vida da falecida.
O seu recurso foi desestimado polo Sergas, que alegou que "dado que a paciente nunca manifestou ideas de suicidio, era imposible saber que esa era a súa intención” e concluíu que "esixir aos facultativos do Sergas tal grao de previsión tendente a evitar un suicidio de todo punto imprevisible sería tanto como esixirlles dotes case adiviñatorias".
A sentenza considera un "feito innegable" que a muller estaba "baixo a tutela do Hospital" e que resulta "igualmente acreditado" que presentaba un “cadro psicótico”, sinalando que "esa situación esixía, por parte do Hospital, un deber especial de vixilancia"
Porén, a familia presentou -a través do avogado Javier Aranda- un recurso contencioso-administrativo, que vén de ser estimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que obriga ao Sergas a pagar unha indemnización de 40.400 euros, máis os intereses que se xeraran dende o momento da presentación da reclamación. A sentenza considera un "feito innegable" que a muller estaba "baixo a tutela do Hospital" e que resulta "igualmente acreditado" que presentaba un “cadro psicótico”, sinalando que "esa situación esixía, por parte do Hospital, un deber especial de vixilancia", ben nunha unidade psiquiátrica ou ben noutro espazo, pero con maiores medidas de protección.
O ditame explica que o feito de que fora ingresada dúas veces en poucos días cun cadro psicótico, a segunda a través dunha autorización xudicial, "determinaba claramente a necesidade de adoptar medidas especiais de protección por parte do Hospital". "Non se trata de esixir ao persoal sanitario dotes de adiviñación, como alega a Administración demandada, senón de adoptar as decisións máis correctas atendidas as circunstancias concorrentes en cada caso", expón a sentenza, en resposta aos argumentos do Sergas.
O ditame explica que o feito de que fora ingresada dúas veces en poucos días cun cadro psicótico, a segunda a través dunha autorización xudicial, "determinaba claramente a necesidade de adoptar medidas especiais de protección por parte do Hospital"
O auto lembra o estado mental no que a muller se atopaba poucas horas do suicidio, segundo quedou recollido no informe da médica de garda, que sinalou que a falecida expresaba "ideación delirante (recibir ameazas, teme pola súa vida)" e que "non se atopa en condicións de tomar decisións respecto á súa persoa, poñendo en risco a súa saúde".
Ademais, o Sergas tamén argumentara que a reclamación fora presentada fóra de prazo e que o caso xa prescribira, algo que tamén nega a sentenza do TSXG, que dá a razón á familia, aínda que rebaixa a cantidade solicitada na indemnización, de 183.200 a 40.400 euros. Entre os argumentos empregados polo Sergas para negar a indemnización estaba tamén que "o exponencial crecemento das reclamacións nesta materia remataría redundando nun prexuízo da propia calidade asistencial do Sistema Nacional de Saúde".