En xaneiro de 2018, fai agora un ano, perdemos unha vida que non volveremos recuperar xamais. A paciente, Encarna Riveiro Sampedro, de 32 anos, estaba ingresada na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Gil Casares - pertencente ó Complexo Hospitaliario Universitario de Santiago, CHUS -, e que depende do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Quitouse a vida, xustamente, no lugar onde quedou para que iso non sucedera; precisamente no ámbito sanitario onde se presupón unha protección e vixilancia constante, a través de medidas sobre pacientes con tentativas de suicidio o máis rigorosas, efectivas e protocolarias posibles. E sucedeu. Xa presentara outros intentos autolíticos previamente e a familia confiou que quedaba no lugar “onde a coidarían e ía estar ben”, pero aconteceu todo o contrario, polo que, concluímos que o sistema de prevención fallou claramente e o sistema sanitario no seu conxunto, tamén.
Seguimos, un ano despois, co Plan de Prevención do Suicidio publicado, pero sen aplicar un protocolo que defina e oriente actuacións preventivas para que feitos tan terribles como a morte levada a termo no nadal pasado non se repitan. Neste mesmo Plan é onde se recolle que “os protocolos de atención proporcionan unha maior seguridade, continuidade, eficiencia e calidade na asistencia das/os pacientes que presentan conduta suicida.
Por iso, desenvolveranse procedementos e protocolos (...)”. A Medida 22 do mesmo vai orientada a “Realizar guías de consulta rápida para profesionais” para unificar os criterios de atención e diminuír a variación na práctica clínica. Isto faría que as decisións non quedasen en mans de profesionais que individualmente aplican os seus coñecementos, profesionalidade e, “intuicións”. U-los protocolos?
Non queremos máis mortes por intuición, nin que o persoal se pase as responsabilidades desde o cargo máis alto ata o máis raso, e denunciamos, neste sentido, a vulneración dos dereitos humanos por parte do SERGAS ó non ter resolta esta atención tan deficiente e neglixente no ámbito da saúde mental, o que a apunta directamente como responsable da mesma.
Cantas máis mortes terán que seguir sucedendo para que se faga algo desde a administración sanitaria? Solicitamos a aplicación de medidas de abordaxe fronte ó suicidio, xa! E que as mortes que veñen acontecendo por irresponsabilidade do Sergas non queden impunes.
Este sábado, 05 de xaneiro, celebrouse o seu cabodano. De aquí a un ano, agardamos cambios transcendentais para aliviar un algo esta morte inxusta.