"O maior plan de saúde mental que se fixo desde a transferencia do Servizo Galego de Saúde", anunciado así por Alberto Núñez Feijóo menos dun mes antes das eleccións galegas de 2020, fracasou nos seus obxectivos. Analizouno o Consello de Contas nun informe emitido este mes no que censura que "non se logrou reducir as listas de agarda" e houbo "un incremento sostido no consumo de ansiolíticos e antidepresivos", á parte de que "non se dotaron os recursos económicos" previstos e necesarios para o "reforzo" de recursos humanos que prometera o daquela presidente da Xunta para o plan da saúde mental que ía –supostamente– mellorar as eivas evidenciadas coa pandemia da COVID.
"Pouco importou que leváramos dez anos sen ningún documento planificador, e que o plan fixara no seu título o período 2020-2024 como o tempo de execución, cando xa estabamos en xuño do seu primeiro ano. A utilización electoral fíxose evidente. E aínda tardaríamos meses en coñecer o documento. E cando o coñecemos descubrimos que non era certo que fora o plan galego de maior envergadura en Galicia dende a transferencia do Sergas senón que, polo contrario, as dotacións de profesionais previstas no plan eran a metade das recomendadas había máis de vinte anos en documentos da propia Consellería de Sanidade (tal era a carencia de recursos na que estabamos e na que aínda seguimos)", revela o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM).
No período no que estivo activo o citado plan de saúde mental da Consellería de Sanidade, as listas de espera para primeira consulta incrementáronse, segundo os escasos datos facilitados polo Goberno galego, pero non se sabe nada das consultas sucesivas, fundamentais nas terapias de saúde mental. O consumo de psicofármacos elevouse de forma significativa e converteuse, como salienta o MGSM, "na resposta de tratamento principal ás necesidades das persoas neste campo".
A situación da atención á saúde mental na sanidade pública galega "é a nidia imaxe da inequidade na administración e reparto dos recursos públicos", critica o MGSM
"O nivel de renda volve a confirmarse como un dos determinantes no acceso a tratamentos sendo así que o farmacolóxico aumenta canto menos medios se posúen, e tamén en mulleres, en persoas de idade avanzada e en infancia-adolescencia (problema especialmente grave en si mesmo se vemos como se proxecta cara o futuro na sociedade)", argumenta o colectivo, que lembra que as cifras de suicidio en Galicia mantéñense en "niveis intolerables".
O MGSM censura que o Consello de Contas "fai unha avaliación que era de obrigada realización pola Consellería" que, sen tela feito, leva meses referíndose a un novo plan de saúde mental. A Xunta ten caducada a súa estratexia no ámbito da saúde mental e, no sexto mes de 2025, non se comunicou cos profesionais implicados na materia para o desenvolvemento duns novos obxectivos. Para o Movemento Galego da Saúde Mental, a situación da atención á saúde mental na sanidade pública galega "é a nidia imaxe da inequidade na administración e reparto dos recursos públicos".
Dende o MGSM vaticinan que a Xunta levará a cabo unha "intensificación da propaganda institucional" e a "negación dos datos polos responsables da sanidade pública" para paliar os efectos da información recollida no informe de Contas. Chaman a manter "a atención e a mobilización, outra vez, a prol dun futuro plan de saúde mental baseado nas necesidades identificadas, nas aprendizaxes obtidas, na participación de todas quen teñen algo que dicir" e lembran que o caducado plan 2020-2024 "baseouse en datos epidemiolóxicos de 2009".
O Colexio de Psicoloxía critica que máis de 11.000 nenos, nenas e adolescentes ata os 15 anos consomen ansiolíticos e antidepresivos cada día en Galicia
Para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) auditoría do Consello de Contas sobre as actuacións do Sergas no ámbito da saúde mental "chama a atención sobre o crecemento no consumo de ansiolíticos e antidepresivos por parte dos menores de 19 anos, que incrementaron a súa prescrición nun 52% entre 2019 e 2023. Son máis de 11.000 nenos, nenas e adolescentes ata os 15 anos que consomen este tipo de tratamentos cada día en Galicia".
O COPG insiste na súa demanda ao Goberno galego para que "incorpore de xeito estrutural a figura do psicólogo ou psicóloga educativa en todos os centros de ensino" e destaca que "unha das maiores contribucións da psicoloxía educativa é a prevención, a capacidade de abordar problemáticas en estadios temperáns e evitar que se convertan en trastornos con consecuencias máis graves".
Unha intervención precoz permite dectectar alteracións emocionais, condutuais, sociais ou de aprendizaxe antes de que se cronifiquen. "Isto protexe o benestar do alumnado e reduce o gasto futuro por intervencións sanitarias, absentismo ou fracaso académico", aseveran dende o Colexio.

"O Executivo de Rueda está instalado nunha mentira na que tanto os anuncios como os datos que aporta en materia sanitaria son unha auténtica fraude", di Pontón
A portavoz nacional do BNG censurou que o Partido Popular goberne en Galicia "a base de propaganda e mentiras" e cualificou o informe de Contas como "demoledor". Ana Pontón salienta que a avaliación do Consello de Contas "constata que o Goberno do PP só executou 33,5 dos 80 millóns de euros comprometidos, é dicir, menos da metade, nun plan que, aínda cumpríndose, non lograría acadar nin a media de profesionais que a Xunta de Fraga consideraba necesaria".
"É indecente e, sobre todo, é cruel, porque estamos falando da atención á saúde mental das persoas e con iso o PP non debería nin xogar, nin facer propaganda", recalcou tras reunirse con representantes do COPG e do MGSM. Pontón asegura que "o Executivo de Rueda está instalado nunha mentira na que tanto os anuncios como os datos que aporta en materia sanitaria son unha auténtica fraude" e apunta que "todos os informes oficiais alertan do incremento dos problemas de saúde mental, incluído un da propia Consellería de Sanidade que revela que un de cada cinco galegos e galegas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida".
A líder nacionalista proporá no Parlamento a contratación de 100 psicólogos e psicólogas clínicas na atención primaria. Ana Pontón aposta pola creación de equipos multidisciplinares que posibiliten unha atención integral, o que implicaría tamén a incorporación de traballadoras sociais e terapeutas ocupacionais aos centros de saúde. Ademais, avanzou que o BNG tamén levará ao Parlamento unha proposta para que haxa unidades de hospitalización de saúde mental para a poboación infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias, co persoal e o orzamento necesarios; e defendeu a posta en marcha dun programa para a atención e prevención do suicidio que conte con equipos específicos en cada área.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sostivo este xoves que "a solución non pode ser a que propón Rueda: máis pastillas e videoconsultas, sobre todo cando se deixan de investir máis de 50 millóns de euros nos últimos dous anos". Dende o Centro integral de saúde de Lugo, o socialista certificou que a "falta de acción" do PP nesta materia "é especialmente sangrante na provincia de Lugo", que xunto á de Ourense, mantén un acusado déficit de recursos que tamén constata o informe de Contas.
"A solución non pode ser a que propón Rueda: máis pastillas e videoconsultas, sobre todo cando se deixan de investir máis de 50 millóns de euros nos últimos dous anos", sinala Besteiro
"Temos un centro de saúde moderno por fóra, pero antigo por dentro, sen recursos suficientes para atender a crise de saúde mental", sinalou Besteiro, quen lamentou que Galicia presenta "unha das taxas máis baixas do Estado en número de psicólogos e psiquiatras, e que Lugo é unha das provincias con maiores cifras de suicidio de toda España: 16 suicidios por cada 100.000 habitantes".
"A xente maior, pero tamén a xente moza, está a sufrir esta falta de acción por parte do Goberno do PP", afirmou o líder socialista, que non esquece que en Galicia "hai que agardar cinco meses de media por unha primeira consulta de saúde mental".