Menos atascos nas praias ou golpe a un espazo protexido? Ecoloxistas, contra as obras na Lanzada

A PO-308 une O Grove e Sanxenxo a través da praia da Lanzada e do complexo intermareal Umia-O Grove © Mancomunidade O Salnés

A Xunta declarou como proxecto de interese autonómico a ampliación da autovía VG-4.1 e da estrada PO-308 entre os concellos do Grove e Sanxenxo para reducir a conxestión do tráfico no verán

O pasado 9 de xaneiro o DOG publicou o acordo do Consello da Xunta polo que se declara como proxecto de interese autonómico a ampliación da autovía VG-4.1 e da estrada PO-308 na contorna da Lanzada, entre os concellos do Grove e Sanxenxo. As obras buscan "dar resposta ás necesidades de mobilidade nesta contorna, que contribuirá á maior fluidez do tráfico, especialmente no verán, época de grande afluencia turística", destaca a Xunta.

Porén, a actuación foi de inmediato moi criticada por entidades ambientalistas coma o Colectivo Ecoloxista Salnés, que alerta da "grave afectación a un espazo natural de gran valor", a área dunar da Lanzada, na contorna da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Umia-O Grove. 

Este sábado a Federación Ecoloxista Galega (FEG) no seu conxunto posicionouse publicamente contra o proxecto, destacando non só os posibles impactos negativos para o Complexo intermareal Umia-O Grove, senón tamén a contradición dunha aposta polo aumento do uso de vehículos privados e das emisións contaminantes asociadas.

Complexo intermareal Umia-O Grove © Turgalicia

Grupos ambientalistas veñen de presentar alegacións contra unha actuación que pode supor unha "grave afectación a un espazo natural de gran valor"  na contorna da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Umia-O Grove

As obras, cun investimento de máis de 40 millóns de euros, suporán a ampliación da capacidade da VG-4.1, entre Sanxenxo e A Lanzada, prologando a autovía ata o enlace de Noalla e cun terceiro carril entre A Lanzada e Noalla. Ademais, executarase unha ampliación a catro carrís do tramo da PO-308 entre a glorieta da V.G.4.1 e a PO-550. 

Asi mesmo, a actuación prevé habilitar unha senda peonil e ciclista que percorra A Lanzada e o Goberno galego destaca que se proxecta "a restauración ambiental de dunas e o aumento da capacidade das drenaxes transversais da PO-550 e a V.G.-4.1, que contribuirán á renovación de auga das zonas húmidas. A Xunta salienta que o proxecto "conxuga as necesidades de mobilidade e de preservación dos valores ambientais desta zona". 

As obras, cun investimento de máis de 40 millóns, suporán a ampliación da VG-4.1, prologando a autovía ata o enlace de Noalla e cun terceiro carril entre A Lanzada e Noalla. Ademais, executarase unha ampliación a catro carrís do tramo da PO-308 entre a glorieta da V.G.4.1 e a PO-550

Non o ven así as entidades ecoloxistas, que alertan do dano que a actuación pode provocar á Zona de Especial Conservación (ZEC) do Umia-O Grove e que critican, ademais, a aposta polo uso masivo do vehículo privado. "Entendemos que o concepto de mobilidade que está detrás deste proxecto, vinculado a fluxos estacionais e masivos nas zonas de costa, deben superarse para acadar novos enfoques que poñan en valor outras cuestións como a defensa do territorio e unha axeitada planificación do poboamento, a protección dos espazos naturais, a loita contra o cambio climático e mesmo pola necesaria adaptación ás súas consecuencias", sinala a Federación Ecoloxista Galega.

"Unha mobilidade máis ecolóxica, de calidade e máis barata é posible, so hai que impulsala, que crer nela. Os 40 millóns deste proxecto virían de perlas para por en marcha e impulsar o transporte público de calidade na comarca do Salnés", di a FEG.

ZEPA do Complexo intermareal Umia-O Grove Dominio Público Xunta de Galicia

Os grupos ecoloxistas critican "o concepto de mobilidade que está detrás deste proxecto, vinculado a fluxos estacionais e masivos nas zonas de costa"

O Colectivo Ecoloxista do Salnés, a Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade de Historia Natural de Galicia, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo de Anelamento Anduriña veñen de presentar alegacións en contra da declaración como proxecto de interese autonómico da ampliación da autovía da Lanzada. En total, son seis alegacións baseadas tanto no contido do proxecto como nas formas administrativas que a Xunta está a mostrar neste paso da tramitación.

"Deben superarse para acadar novos enfoques que poñan en valor outras cuestións como a defensa do territorio, a protección dos espazos naturais e a loita contra o cambio climático", din

Nestas alegacións, os colectivos ecoloxistas alertan de que a ampliación afecta a "treitos que transcorren polo propio sistema dunar do istmo da Lanzada, polo que vai supor transformar parte das dunas de gran valor biolóxico en asfalto". "As medidas compensatorias que se propoñen na memoria son irrisorias en comparación ao impacto de soterrar un hábitat protexido como son as dunas fixas que hai no istmo", sinala a FEG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.