O TSXG avala a protección da praia da Lanzada decidida pola Xunta ante o intento de considerala un areal "urbano"

Praia da Lanzada (O Grove) CC-BY-SA Turgalicia

O Decreto 38/2019 da Xunta catalogou en urbanas e naturais as praias galegas, en función da clasificación legal dos terreos anexos, da presenza ou ausencia de servizos (auga, alumeado, sumidoiros...) e da existencia de figuras legais de protección. A gran maioría das praias galegas ficaron clasificadas como "naturais", agás as que se atopan no interior de cidades e vilas, consideradas "urbanas" e mesmo aquí algunha delas mantivo a consideración de "natural", como a praia das Lapas na Coruña e boa parte dos areais de Vigo. Nalgúns casos (Bastiagueiro en Oleiros, Patos en Nigrán, Agrelo en Bueu, Rodeira en Cangas ou Camelle en Camariñas), optouse por dividir as praias en varios treitos diferenciados.

Nas praias urbanas permítese instalar chiringuitos fixos de ata 300 metros cadrados, mentres que nas naturais estes establecementos poden ter un máximo de 70 metros cadrados e desmontarse ao rematar o verán

A nivel práctico, existen diferenzas importantes entre unhas e outras praias en función de se son consideradas "urbanas" ou "naturais", sobre todo no que atinxe aos chiringuitos. Non é posible levar a cabo novas construcións de vivendas en ningunha delas e tampouco incrementar o volume ou a altura das actuais construcións. Porén, nas praias urbanas si que permite instalar chiringuitos fixos de ata 200 metros cadrados, engadindo unha terraza de ata 70 metros cadrados e 30 metros cadrados doutros servizos, ata un máximo de 300 metros cadrados. En cambio, nas praias naturais os "establecementos expendedores" serán unicamente temporais e deberán ser desmontados ao remate do verán; ademais, terán unha superficie máxima de 70 metros cadrados.

Praia da Lanzada vista desde o alto da Siradella (O Grove) Dominio Público Lameiro

O TSXG subliña que a praia está integrada en dous espazos naturais protexidos: unha Zona Especial de Conservación da Natureza e unha Zona de Especial Protección para as Aves, que forman parte da Rede Natura 2000

A praia da Lanzada foi clasificada como praia natural, o que provocou unha demanda do Instituto de Estudios Portuarios, Marítimos y Costeros, que solicitaba que a praia fose catalogada como urbana por estar dotada de acceso peonil e rodado, subministración de auga potable, enerxía eléctrica e rede de sumidoiros. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de avalar o carácter "natural" da praia da Lanzada decidido no decreto da da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o que na práctica supón unha maior protección para este areal.

O TSXG subliña que a praia está integrada en dous espazos naturais protexidos: unha Zona Especial de Conservación da Natureza -complexo Ons-O Grove- e unha Zona de Especial Protección para as Aves -complexo intermareal Umia-O Grove-, que forman parte da Rede Natura 2000. Por este motivo, “non procede diferenciar tramos na forma pretendida, nin clasificar tramos de urbano porque dispoñan dalgún servizo, en especial no verán”. 

A sentenza sinala que “sexa cal sexa a clase de solo e a entidade urbana das zonas limítrofes, se unha praia forma parte dun espazo protexido, clasifícase como natural

A sentenza sinala que “sexa cal sexa a clase de solo e a entidade urbana das zonas limítrofes, se unha praia forma parte dun espazo protexido, clasifícase como natural. De forma que se trata dunha categorización motivada, non se pode considerar arbitraria”. Ademais, engade que á hora de catalogar A Lanzada xa se tivo en conta “a existencia de tramos dentro da mesma praia”, mesmo os dotados con servizos.

Finalmente, alto tribunal galego impón ao Instituto de Estudios Portuarios, Marítimos y Costeros o pagamento das custas procesuais, uns 1.500 euros.

Necrópole da Lanzada © TurismoRíasBaixas
Istmo e praia da Lanzada Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.