De quen é A Lanzada?

Istmo e praia da Lanzada Dominio Público Praza Pública

Discusións sobre marcos hai moitas. Tamén polos lindes municipais entre dous concellos. Normalmente estas polémicas non adquiren unha gran relevancia pública, refírense a uns poucos ferrados de terreo, a tres ou catro casas, e importan, sobre todo ás persoas directamente afectadas. Porén, na últimas semanas estamos asistindo a unha liorta territorial entre Sanxenxo e O Grove de tal magnitude que un dia si e outro tamén está ocupando as páxinas dos medios de comunicación locais, cos representantes dos gobernos municipais de ambos os dous concellos cruzando declaracións sobre a titularidade da praia e o istmo da Lanzada, un debate aberto dende hai máis dun século e no que tamén se mistura a disputa da propiedade entre dúas comunidades de montes.

En boa medida esta lea entre concellos parte da disputa que por estes terreos manteñen as comunidades de montes de Noalla (de Sanxenxo) e as de San Martiño e San Vicente (do Grove)

En realidade, en boa medida esta lea entre concellos parte da disputa que por estes terreos manteñen as comunidades de montes de Noalla (de Sanxenxo) e as de San Martiño e San Vicente (do Grove). En 1989 a Xunta Provincial de Montes determinou que estes espazo pertencía á comunidade de Noalla. Porén, recentemente o Xulgado do Contencioso de Pontevedra anulou esa decisión, argumentando que naquel momento o Concello do Grove, onde legalmente se sitúa A Lanzada, non fora consultado para tomar esa decisión. Hai uns días a Xunta anunciou que o Xurado de Montes ía estudar o caso "dende cero", nun proceso no que se tería en conta ao Concello do Grove e ás tres comunidades.

Iso por unha banda. Se a liorta se limitara a unha disputa entre comunidades de montes, seguramente non tería pasado dunha nota breve publicada nun lugar secundario dos medios. Porén, aproveitando a reapertura do debate, a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, saíu en defensa dos comuneiros de Noalla e recuperou unha vella demanda do seu concello, que dende hai máis dun século vén reclamando a titularidade da Lanzada. González encargou xa a realización dunha investigación, a través da revisión dos arquivos locais, provinciais e estatais, para reivindicar este dereito. Ademais, sinalou que "nós non comezamos esta polémica, senón que os comuneiros de San Vicente levan moitos anos tentando apropiarse da titularidade dos montes da Lanzada, que non lles corresponden".

O rexedor do Grove acusou a alcaldesa de Sanxenxo de "malgastar recursos públicos" e insinuou que a manobra, que "non ten posibilidades de triunfo", debe "obedecer a outro tipo de estratexia"

Pola súa banda, o alcalde do Grove, Miguel Pérez, destacou que "o istmo ten un significado emocional para gran parte dos grovenses" e que a praia é "unha das nosas fortalezas dende o punto de vista da promoción do Concello, turistica e medioambientalmente". Ademais, acusou a alcaldesa de "malgastar recursos públicos" e insinuou que a manobra, que "non ten posibilidades de triunfo", debe "obedecer a outro tipo de estratexia". O intercambio de acusacións entre os dous rexedores do Partido Popular chegou xa a un punto que obrigou a intervir ao propio presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, que pediu que o contencioso quedase limitado ás comunidades de montes implicadas.

 

Pero de quen é A Lanzada?

Legalmente o istmo e a praia da Lanzada ubícanse no Grove, aínda que Sanxenxo apunta razóns históricas para reclamar este territorio, que xa aparece no Catastro de Ensenada de 1752 como Jurisdicción de Lanzada, englobando Sanxenxo, O Grove, Meaño e outros lugares próximos. Durante o século XIX ambos os dous concellos reclamaban para si a titularidade do lugar, e de feito o escudo municipal de Sanxenxo inclúe unha lanza en referencia a este topónimo. 

En 1959 o Instituto Xeográfico e Catastral determina oficialmente os límites municipais, deixando A Lanzada unha vez máis do lado do Grove

Xa en 1889 os representantes municipais do Grove propuxeron unha delimitación dos lindes. Reunidos no Pozo das Sollas, o lugar que segundo a tradición marcaba a separación entre os dous concellos, construíron alí un alveiro de pedra de dous metros e medio de alto e inscribindo nel o nome do Concello do Grove. En 1928 un novo goberno municipal meco convocou nese lugar os representantes de Sanxenxo para acordar definitivamente a delimitación. Os do concello veciño non se presentaron, o que levou aos do Grove a construír catro fitos de pedra de tres metros de altura. Xa en 1959 o Instituto Xeográfico e Catastral determina oficialmente os límites municipais, deixando A Lanzada unha vez máis do lado do Grove. O Concello de Sanxenxo recorre a decisión pero en 1961 o Tribunal Supremo falla unha vez máis en favor do Grove.

Praia da Lanzada vista desde o alto da Siradella (O Grove) Dominio Público Lameiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.