A mocidade tutelada, fronte aos prexuízos: "Non estamos aí por facer algo, os nosos pais non responderon e esta é a nosa vida"

Carteis da campaña 'Non nos xulgues' de Igaxes © Igaxes

Javier Bah ten 21 anos e pasou a maioría da súa infancia e adolescencia nun centro de menores, agora participa nunha mostra de Igaxes pola desestigmatización da mocidade tutelada

"Son o que son hoxe polo que aprendín nos centros de menores", di Javier Bah, tutelado pola Xunta ata hai tres anos. "Que me meteran nun centro axudoume moitísimo porque me aportou moitas cousas que non tiña", salienta sobre unha experiencia que agora ve en positivo, aínda que non sempre puido levar con normalidade polos prexuízos que foi atopando na xente: "Notaba que pensaban que nós fixeramos algo, cando non estamos aí por ter feito algo. Os nosos pais non responderon e temos a vida que temos".

A ONG Igaxes leva varios anos traballando coa campaña pola desestigmatización da mocidade tutelada Non nons xulgues, que agora toma forma de exposición fotográfica con Resalire, unha serie de retratos do fotógrafo Fuco Reyes que dialogan con rapazas e rapaces que pasaron polos sistema de protección de menores simplemente porque as súas familias non puideron coidalas e coidalos. Unha mostra que estivo na Alameda de Santiago e que está dispoñible na rede

Javier Bah fotografado por Fuco Reyes para a campaña 'Non nos xulgues' de Igaxes © Igaxes

Javier Bah ten 21 anos e estivo no programa de protección de menores da Administración desde moi pequeno. Pasou por diferentes fases cando tivo que deixar de vivir coa súa familia, con cinco anos estivo un tempo coa súa bisavoa antes de iniciar un periplo por diferentes institucións e centros de menores –tamén estivo en acollida cunha familia durante un tempo– ata que con 18 anos se produce o punto de inflexión polo que ten que saír do sistema. Ese ano, ata que fixo os 19, foi o que pasou na vivenda tutelada de Igaxes en Santiago, dentro dun programa que logra estender a axuda para tratar de que estes rapaces e rapazas poidan iniciar unha vida independente.

″Teríame gustado medrar cun pai e unha nai, pero tocoume o que me tocou″, sinala. Dos anos que estivo no sistema, Javier calcula que foron menos de seis os anos que pasou fóra dos centros residenciais de menores do sistema de protección da Administración. "Para min, que o tiven toda a vida, a vida no centro é o normal. Tes unha rutina con máis xente e, en lugar de ter aos teus pais, tes máis pais e nais...", explica.

"Nun centro a túa vida está estruturada por horas e normas"

″Nun centro a túa vida está estruturada por horas e normas. Érgueste, vas o instituto, de aí volves o centro, fas o deberes, merendas, dúchaste, ceas, dormes e volves erguerte para facer o mesmo. Ata que nas fins de semana te deixan durmir ata máis tarde, podes ver a tele e xogar cos teus compañeiros, pola tarde nos levaban dar un volta ou nos deixaban xogar no patio, e pola noite –ao mellor– deixábannos ver unha película. No verán tamén era diferente, mandábannos a campamentos e se suspendiamos tiñamos que ir a academias para sacar mellores notas. Un centro, ao fin e ao cabo, ten educadores que suplen o que non tes. Danche leccións de matemáticas ou lingua, corríxenche cando te equivocas... Se estás mal, están aí para darche unha aperta... Un centro é como unha casa, pero tes moitísimas persoas ás que obedecer", conta Javier Bah.

Do peor da experiencia, para el, foi a burocracia permanente. "Todo é papeleo cando queres facer cousas. Ata ir a unha festa por un aniversario é difícil, Menores ten que dar permiso", lembra. Con todo, desde a óptica actual di comprender o por que desas medidas aínda que bota en falta maior empatía dentro do sistema en xeral: "Ás veces non se dan conta de que somos rapaces e que xa nos sentimos diferentes estando dentro do centro, como para que nos poñan máis trabas para sentirnos normais". 

Presentación da exposición 'Resalire' na Alameda de Santiago de Compostela © Igaxes

"Téñenme xulgado máis pola miña cor que por estar nun centro de menores"

A Javier tocoulle vencer un dobre estigma. "Téñenme xulgado máis pola miña cor que por estar nun centro de menores. Nunca sufrín tanto prexuízo por estar no centro como o que vivín porque me prexulgaran pola cor da miña pel. Creo que o feito de que estivera nun centro, ás veces, potenciaba máis a miña cor e que a xente dera máis por feito que eu fixera algo, que non foran os meus pais", lamenta.

Chegar a esta reflexión que fai agora con 21 anos tamén ten detrás un proceso, un ronsel de malas experiencias que son máis que anécdotas, pois conta que tardou en identificar as actitudes racistas. "Ata hai poucos anos non era consciente do que era ser unha persoa negra na sociedade branca na que vivo. Non era consciente dos comentarios racistas que me facían ou de certas situacións nas que me facían bromas que non eran bromas", observa. Neste caso, o peor –segundo relata– é que por unha causa ou pola outra "sempre tiña que dar explicacións".

"Penso que moitas veces non se nos acaba vendo como persoas ao asimilar os centros de menores cunha prisión"

Resalire, a palabra da que colle o nome esta exposición de Igaxes, é a persoa que volta a saír, é a capacidade dun corpo para recuperar a súa forma orixinal a pesar de persistir forzas que traten de modificalo. "Cada unha das imaxes vai acompañada dun pequeno texto que xorde a raíz da conversa entre o fotógrafo Fuco Reyes e a persoa retratada. O resultado achéganos aos soños, anhelos, temores e vivencias destes mozos e mozas co fin de acabar con prexuízos inxustos que, moitas veces, aínda recaen sobre elas", explican desde Igaxes sobre a mostra, na que tamén participa Javier Bah. 

"Estou encantado coa exposición porque penso que o estigma que a sociedade ten sobre nós ten que quitarse. Nós non temos a culpa, claro que hai xente que entra en centros de menores por outros motivos, pero hai que saber diferenciar. Penso que moitas veces non se nos acaba vendo como persoas ao asimilar os centros de menores cunha prisión. Para min non foron unha cárcere, obviamente tes momentos nos que o pasas mal, e claro que me limitaban o meu círculo social; pero a día de hoxe o entendo, aínda que non me parece ben porque eu era moi pequeno", destaca tras poder verse na Alameda compostelá.

Un dos retratos de Fuco Reyes para a mostra 'Resalire' © Igaxes

Javier Bah tivo a oportunidade de falar con rapaces e rapazas que agora están no programa de Igaxes como antes estivo el. ″Foi estraño, pero estivo moi ben. Vinme reflectido nalgunhas das súas inquietudes porque ao final eu acabo de estar aí onde agora están eles, pero eu tiña moi claro para o que estaba alí. A min gustábame cando viña xente de fóra a falar connosco porque quería saber como era poder depender de ti mesmo″, explica.

É técnico superior de actividades físicas deportivas, pero gustaríalle ampliar os seus estudos para graduarse en Educación Social. ″Penso que vou entender mellor que ninguén aos rapaces porque eu estiven nesa situación, sei moi ben polo que van pasar a maioría deles porque tes que adaptarte a moitas cousas todo o tempo. Quero estudar esta carreira porque penso que é onde podo sacar o meu maior potencial″, debulla.

"Habería que cambiar esa percepción que se ten sobre a xente que está nos centros, son persoas"

O ano que pasou no piso tutelado de Igaxes en Compostela foron meses de descubertas, fundamentais para lograr independizarse. "Aprendín a buscar traballo, a facer currículums, a buscar piso, a saber valerme por min mesmo, a coller máis independencia e a non ter tanta dependencia emocional como tiña. Veume moi ben saberme desprender de certas cousas. Vin que eu tiña unha vida, que era a que me tocara, e que tiña que levala da mellor maneira posible", describe.

Javier considera que a opacidade dos centros de protección menores para a sociedade no seu conxunto é un dos motivos que non permiten rematar cos prexuízos. ″Calquera situación que non ves, acabas xulgándoa. É importante aprender a non xulgar sen ver as cousas. Nunca sabes o que hai detrás dunha persoa, nin se os seus pais están ou non están... Penso que habería que cambiar esa percepción que se ten sobre a xente que está nos centros, son persoas. A maioría non ten culpa e, se fixeron algo, non pasa nada, todo o mundo comete erros. Se á xente se lle mostrara máis como é esa vida por dentro, chegarían a empatizar máis connosco e a comprendernos máis", razoa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.