Practicamente un terzo da poboación de Galicia respirou aire contaminado e por riba dos novos límites legais en 2024, segundo os datos que achega o novo informe estatal sobre a calidade do aire, elaborado por Ecoloxistas en Acción analizando os datos —no que ten que ver nos resultados galegos— recollidos en 61 estacións oficiais de medición instaladas no país.
Un terzo da poboación galega respirou aire contaminado e por riba dos novos límites legais en 2024 malia a mellora na súa calidade
O documento conclúe que 850.000 persoas estiveron expostas en Galicia durante 2024 a unha contaminación que excede os novos límites recentemente aprobados para 2030 pola Unión Europea. Con todo, a calidade do aire no país mellorou con respecto a 2023 e os anos anteriores á COVID, cunha redución significativa dos niveis de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), dióxido de nitróxeno (NO2) e ozono troposférico, en porcentaxes que oscilan entre o 14 % e o 83 % con respecto ás medias do período 2012-2019.
Porque o informe toma como referencia os novos valores límite da Directiva europea 2024/2881, de 23 de outubro de 2024, que deberán atinxirse antes de 2030. Segundo eses limiares, o aire contaminado afectou en 2024 unha terceira parte da poboación galega, "o que expresa a magnitude do reto a asumir polas administracións nos próximos anos para aliñarse coa nova lexislación".
O caso é que considerando a normativa aínda vixente, non houbo en 2024 poboación que respirase aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación, por riba dos "obsoletos límites legais actuais", lembra Ecoloxistas en Acción, aínda que os niveis de partículas e/ou NO2 excederon os devanditos límites nas catro estacións dos portos de Marín e Vigo.
En cambio, se temos en conta os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis estritos que os límites legais vixentes e novos, e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da UE, o aire contaminado afectou en 2024 a totalidade da poboación galega. Pola contra, e debido á forte caída do ozono, o territorio galego estivo libre de niveis de contaminación prexudiciais para a vexetación.
Indo ao detalle, as partículas (PM10 e PM2,5) e o dióxido de nitróxeno (NO2) no aire seguiron afectando a práctica totalidade da poboación galega. Por unha banda, as partículas presentaron a peor situación na cidade de Ourense, mentres que as áreas urbanas da Coruña e Vigo incumpriron o novo límite legal anual para 2030 do NO2. E a fábrica de cemento de Oural (Lugo) elevou o dióxido de xofre (SO2) na súa contorna.
"A contaminación do aire debería abordarse como un problema sanitario de primeira orde. Segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, en 2022 faleceron até 30.000 persoas no Estado español pola mala calidade do aire, 900 delas en Galicia, explica Ecoloxistas en Acción.
O informe de Ecoloxistas sinala o fracaso das zonas de baixas emisións nas cidades, agás o éxito de Pontevedra: sen implantar no resto e "ineficaz" na Coruña
Así, o informe sinala tamén o fracaso das denominadas zonas de baixas emisións (ZBE), "impulsadas non só para mellorar a calidade do aire senón tamén para mitigar a crise climática reducindo as emisións de dióxido de carbono (CO2)". Ecoloxistas en Acción lembra que o prazo para que todos os municipios de máis de 50.000 habitantes as implantasen rematou hai xa dous anos e medio e que Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo "non cumpriron tan sequera formalmente esta obriga".
No caso da ZBE impulsada na cidade da Coruña, o informe destaca que é "ineficaz" polo seu "ridículo tamaño". Só aproba Pontevedra que, segundo Ecoloxistas en Acción, "puxo en marcha a zona de baixas emisións máis ambiciosa do Estado español, dando continuidade ás súas consolidadas políticas de mobilidade sustentábel".
Por outra banda, a organización ecoloxista lembra que en 2023 e 2024 levou a cabo dúas campañas de medición de dióxido de nitróxeno nos accesos a algúns dos centros escolares con máis tráfico motorizado das cidades da Coruña e Vigo, co resultado de que a poboación escolar está acotío exposta a niveis moi elevados de contaminación, por riba dos rexistrados nas estacións oficiais de control da calidade do aire. "O que ademais cuestiona a súa correcta localización", advirte.