Está limpo o aire de Galicia? Non, segundo os criterios da OMS

Avaliacións da calidade do aire en distintas áreas de Galicia sobre unha imaxe do tubo de escape dun coche CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal Imaxe: roboflow (CC-BY)

A Consellaría de Medio Ambiente destaca que os valores de partículas e elementos contaminantes "cumpriron con todos os requisitos definidos pola lexislación". Porén, o aire está realmente limpo? Non, en base ao que recomenda a OMS

Hai uns días a Consellaría de Medio Ambiente presentou o informe anual sobre a calidade do aire en Galicia, con datos correspondentes a 2023 e procedentes de 47 estacións de medición, entre elas as 14 que xestiona directamente a Xunta e 31 correspondentes a subredes industriais. O informe conclúe que "atendendo ao marco normativo vixente" os valores "cumpriron con todos os requisitos definidos pola lexislación aplicable para manter unha axeitada calidade do aire".

Porén, unha cousa son os valores legais ao que fai referencia a Xunta, fixados pola normativa española (Real Decreto 102/2011), outra os valores recomendados pola directiva europea 2024/2881, máis garantista para a poboación e aprobada o pasado ano, e outra moi distinta os valores que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera minimamente axeitados, aínda máis restritivos.

Xa o pasado ano a Xunta admitía nun informe que a totalidade da poboación galega respiraba aire contaminado segundo os criterios establecidos pola OMS, unha situación que levaba anos sendo denunciada por diversas organizacións, que facían fincapé na mala calidade do aire, especialmente nas grandes cidades e na contorna de industrias contaminentes, e cargaban contra a posición defendida publicamente pola Xunta, que se escudaba en que os negativos datos que presentaba Galicia se atopaban dentro da legalidade.

En base aos novos límites legais de contaminación fixados pola UE, serían ilegais os niveis de dióxido de nitróxeno na Coruña e Vigo, do dióxido de xofre en Oural, das partículas PM10 (de gran tamaño) en Vigo e Ourense e das partículas PM2,5 (de pequeno tamaño) en Vigo, A Coruña e Ourense

Daquela que é o que din os últimos indicadores sobre a calidade do aire en Galicia? O aire que respiramos é legal? E, sobre todo, está realmente limpo, independentemente de que cumpra a lei? O informe publicado pola Consellaría de Medio Ambiente avalía as distintas medicións das diferentes partículas e elementos contaminantes en base a tres criterios: os fixados polo decreto de 2011, o establecido pola nova directiva europea que deberá converterse en lei en España nos vindeiros anos e, ademais, o recomendado pola OMS.

En base ao primeiro criterio, o da estrita legalidade, a maior parte de Galicia cumpre cos valores máximos fixados no decreto de 2011, aínda que nalgúns casos os niveis de contaminantes se atopan preto do límite: é o caso do Dióxido de nitróxeno (NO2) na Coruña e a súa área metropolitana, do Dióxido de xofre (SO2) na planta de Cementos Cosmos en Oural (Sarria), do Ozono (O3) en boa parte do territorio e das partículas PM10, especialmente en Vigo e a súa área metropolitana.

Segundo o informe publicado pola Xunta, toda Galicia presenta niveis de dióxido de nitróxeno superiores aos máximos recomendables. Así mesmo, Arteixo e Oural respiran aire con valores de dióxido de xofre que superan o recomendado e Arteixo sofre valores de benzo(a)pireno insalubres

O pasado ano o Parlamento europeo e o Consello de Europa aprobaron unha directiva relativa á calidade do aire ambiente e a unha atmosfera máis limpa que establece uns novos límites de contaminantes atmosféricos co obxectivo de que os Estados cumpran cos novos niveis establecidos no horizonte do ano 2030. Estes novos límites legais, máis baixos que os actualmente en vigor no Estado en base ao decreto aprobado en 2011, converterían en ilegais algúns dos niveis de contaminación medidos en Galicia e recollidos no informe da Xunta. 

Sería o caso dos niveis de dióxido de nitróxeno na Coruña e Vigo, do dióxido de xofre en Oural, das partículas PM10 (de gran tamaño) en Vigo e Ourense e das partículas PM2,5 (de pequeno tamaño) en Vigo, A Coruña e Ourense.

Instalacións da refinaría de Repsol na Coruña © Repsol

No caso das partículas pequenas (PM2,5) toda Galicia presena valores non saludables. Así mesmo, nas partículas grandes (PM10) todo o país, agás a comarca de Ferrolterra rexistrou en 2023 valores por riba do fixado pola OMS

E segundo os valores que recomenda a OMS, que zonas de Galicia teñen aire contaminado? Segundo o informe publicado pola Consellaría de Medio Ambiente, todo o país presenta niveis de dióxido de nitróxeno superiores aos máximos recomendables. Así mesmo, Arteixo e Oural respiran aire con valores de dióxido de xofre que superan o recomendado. De igual xeito, tamén os valores de benzo(a)pireno en Arteixo son insalubres.

En canto ás partículas en suspensión, practicamente toda Galicia presenta niveis por riba do que a OMS considera aceptable. No caso das partículas pequenas (PM2,5) todo o país ten valores non saludables. Así mesmo, nas partículas grandes (PM10) toda Galicia, agás a comarca de Ferrolterra rexistrou en 2023 valores por riba do fixado pola OMS.

Para Xosé Veiras, os datos evidencia que "en Galicia a calidade do aire é ben mellorábel" e que Xunta e concellos  concellos "deben deixar de ser tan autocompracentes" coa situación do aire no país

O pasado ano Xosé Veiras, responsable do Observatorio Galego de Acción Climática, destacaba en conversa con Praza.gal que "se consideramos os valores que teñen unha base científica máis sólida, que son uns niveis máis garantistas, o aire en Galicia non está limpo". Facíao despois de analizar os datos do informe sobre a calidade do aire correspondente ao ano 2022, con valores semellantes aos do informe que a Xunta vén de publicar.

En relación aos datos de 2023 apunta que os valores que vimos de coñecer evidencia que "en Galicia a calidade do aire é ben mellorábel". Para Veiras, os datos son unha chamada de atención para todas as institucións, comezando polo Goberno galego e polos concellos, "que deben deixar de ser tan autocompracentes" coa situación do aire no país.

Vista de Vigo dende o alto CC-BY-SA elchicogris

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.