As emisións de gases de efecto invernadoiro por parte das grandes industrias galegas baixaron un 24% no pasado ano. Foron 3,5 millóns de toneladas en 2024, a cifra máis baixa desde que en 2005 entrou en vigor o comercio europeo de emisións, a metade das de hai unha década.
A fin da queima de carbón —e o conseguinte peche da central térmica de Endesa nas Pontes—, o menor funcionamento das centrais de ciclo combinado alimentadas con gas fósil —favorecida pola elevada xeración hidroeléctrica e o escaso aumento da demanda eléctrica— e o parón mantido en Alcoa axudaron a este importante descenso nas emisións de gases causantes do cambio climático.
Ademais, por primeira vez nas últimas décadas, o peche da súa central térmica provocou que Endesa xa non fose a maior empresa emisora destes gases en Galicia, cedendo esa posición a Repsol, a través da súa refinaría de petróleo na Coruña.
Os datos feitos públicos pola Comisión Europea e debullados polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) revelan que, precisamente, é a área da cidade da Coruña a que soporta e emite máis da metade desta contaminación industrial. Ademais, da área coruñesa cara a arriba, do norte do país, saen máis do 85% destes gases de efecto invernadoiro en Galicia.
A refinaría da Coruña, Alcoa e a central de gas de Endesa nas Pontes supoñen case o 60% do total de emisións industriais en Galicia causantes do cambio climático
Porque, malia paróns e peches, o triángulo que forman a refinaría da Coruña, o complexo de Endesa nas Pontes —coa súa central de gas— e Alcoa na Mariña supoñen case o 60% do total destas emisións industriais causantes da crise climática en Galicia: case dous millóns de toneladas anuais das 3,5 que verten todas as empresas que en Galicia están afectadas polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE), a directiva que obriga as compañías a pagar por cada tonelada de dióxido de carbono que expulsan á atmosfera.
É nesa zona norte de Galicia —nas comarcas da Coruña, Ferrolterra, Eume e A Mariña— onde se sitúan estas tres industrias máis contaminantes e outras que ocupan tamén os primeiros postos na lista. Pero quen leva a palma, con diferenza, é a cidade coruñesa e os seus arredores.
En poucos quilómetros, entre A Coruña e Arteixo, xúntanse catro das seis industrias que máis emisións contaminantes sumaron o pasado ano
En poucos quilómetros, no concello da Coruña e no limítrofe de Arteixo, xúntanse catro das seis industrias con máis emisións contaminantes en Galicia e sete das máis de 30 que aparecen na listaxe da Comisión Europea por estaren obrigadas a pagar polas súas emisións.
Nun triángulo cun perímetro de apenas 15 quilómetros, conformando unha área de 700 hectáreas e cunha distancia de só 7 quilómetros entre a máis afastada do centro, a central que Naturgy ten en Sabón, e a fábrica de Estrella Galicia no polígono da Agrela. Nese espazo, as industrias emiten 1,74 millóns de toneladas de gases impulsores da crise climática ao ano.

A central de ciclo combinado en Sabón (Arteixo) é, despois da refinaría, a industria máis contaminante da zona, seguida da planta de Air Liquide de produción hidróxeno fósil de Meicende, no mesmo municipio e a menos de catro quilómetros. A continuación sitúase, tamén en Sabón, o complexo de Ferroglobe —antiga Ferroatlántica, produtor de silicio metalúrxico— e na parroquia lindeira, en Suevos, a fábrica de pensos e fariñas Sarval. Resonac, ao pé da refinería, nas antigas instalacións de Alcoa e xa no municipio coruñés, completa a listaxe destas industrias nos arredores da cidade.
Só entre dúas delas, a central de Naturgy en Sabón e a refinaría de Repsol, emiten case o 40% do total de gases causantes do cambio climático que proveñen das grandes industrias situadas en Galicia.
Combustibles fósiles
No conxunto do país, a refinaría de Repsol, a central de gas fósil das Pontes (Endesa), a planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa), a central de gas fósil de Sabón (Naturgy) e a planta de produción de hidróxeno fósil de Meicende (Air liquide) foron responsables en 2024 de máis do 70% das emisións industriais afectadas polo comercio de dereitos de emisión na UE.
"Agás a planta de alúmina de Alcoa San Cibrao, todas teñen que ver coa transformación de combustíbeis fósiles", lembraba Ogacli no seu informe sobre uns datos baseados nesa directiva europea de emisións en vigor desde 2005.
Esta normativa obriga ás compañías a pagar por cada tonelada de dióxido de carbono que expulsan á atmosfera na súa actividade. Son permisos que están cada ano máis limitados no continente, e as empresas que queren contaminar teñen que pelexar por eles e pagar máis para obtelos, unha forma de incentivar a redución de emisións