A fin do carbón e o parón de Alcoa reducen un 24% as emisións de gases de invernadoiro na industria galega

Instalacións da refinaría de Repsol na Coruña © Repsol

As emisións de gases de efecto invernadoiro por parte das grandes industrias galegas baixaron un 24% no pasado ano. Así o indican os datos oficiais feitos públicos pola Comisión Europea e recompilados polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli), que indican tamén que os 3,5 millóns de toneladas emitidos en 2024 supoñen a cifra máis baixa desde que en 2005 entrou en vigor o comercio europeo de emisións

Os 3,5 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro en 2024 son a cifra máis baixa desde que entrou en vigor o comercio europeo de emisións en 2005

Os datos tíranse desa listaxe de empresas afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE), a directiva que obriga as compañías a pagar por cada tonelada de dióxido de carbono que expulsan á atmosfera. Estas industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 30% das emisións territoriais totais de gases de invernadoiro do país. Pertencen a sectores industriais intensivos en emisións, entre os que destaca o sector enerxético fósil, causante en conxunto do 55% destas emisións suxeitas en Galicia ao comercio de emisións durante 2024. Dentro deste sector, o pasado foi o primeiro ano no que as emisións do refino de petróleo superaron as das centrais térmicas, destaca Ogacli. 

Debullando os datos da Comisión Europea, as emisións de gases causantes de cambio climático nestas industrias galegas diminuíron, concretamente, o 23,7%, un descenso debido case en exclusiva ás centrais térmicas (-59,6%). Porque co peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023, o ano pasado foi o primeiro completo en Galicia sen produción eléctrica con carbón, a máis intensiva en emisións de CO₂. "A isto hai que unir a baixada no funcionamento das centrais de ciclo combinado alimentadas con gas fósil, favorecida pola elevada xeración hidroeléctrica e o escaso aumento da demanda eléctrica galega", aclara Ogacli.

O descenso débese case en exclusiva ao peche da térmica das Pontes e á baixada no funcionamento das centrais de ciclo combinado pola elevada xeración hidroeléctrica

"As razóns do forte descenso relativo das emisións industriais en 2024, que se suma a outro similar en 2023, débense, por un lado, á mudanza estrutural na produción eléctrica que supuxo o peche definitivo da maior e última central galega de carbón e, por outro lado, a factores conxunturais que posibilitaron unha redución na actividade das centrais eléctricas de gas, a pesar do cativo crecemento da potencia eléctrica renovábel", reflexiona o Observatorio, que aclara que no resto dos sectores industriais, as emisións subiron ou baixaron en moita menor medida que nas centrais térmicas. 

Así, destaca o forte ascenso das emisións da produción de aceiro e ferroaliaxe (+74,2%), debido sobre todo á maior actividade da fábrica de silicio de Ferroglobe en Sabón (Arteixo). Tamén subiron de forma importante as emisións da fabricación de produtos químicos orgánicos (+37,2%) e do refino de petróleo (+9,9%).

O parón na produción de Aluminio en Alcoa supuxo que pasase de emitir un millón de toneladas en 2021 a 400.000

Pero outro dato fundamental para explicar a evolución das emisións industriais galegas nos últimos anos é a parálise na produción de aluminio, prolongada en 2024, e que deixará de estar vixente este 2025, cando se prevé a reactivación do complexo industrial. A fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa San Cibrao pasou de emitir un millón de toneladas de gases de invernadoiro en 2021 a arredor de 400.000 en 2023 e 2024

"Cun nivel de actividade similar ao de 2021, Alcoa San Cibrao tería provocado desde 2022 un incremento das emisións galegas en varios centenares de miles de toneladas anuais, tanto directa como indirectamente, ao requirir polo seu elevado consumo eléctrico unha maior produción das centrais térmicas fósiles, aínda por riba no contexto do parón eólico", explica Ogacli. 

Nestas circunstancias, por primeira vez nas últimas décadas, Endesa non foi a maior empresa emisora destes gases de efecto invernadoiro en Galicia, cedendo esa posición a Repsol, a través da súa refinaría de petróleo na Coruña. A continuación sitúase a central de gas fósil das Pontes (Endesa), a planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa), a central de gas fósil de Sabón (Naturgy) e a planta de produción de hidróxeno fósil de Meicende (Air liquide). 

Por primeira vez en décadas, Endesa non foi a maior empresa emisora de gases de efecto invernadoiro en Galicia; agora é Repsol e a súa refinería

Estas cinco plantas son as cinco maiores industrias emisoras dos gases causantes da crise climática en Galicia e foron responsábeis conxuntamente en 2024 de máis do 70% das emisións industriais afectadas polo comercio de dereitos de emisión na UE. Tres destes cinco complexos industriais sitúanse na contorna da cidade da Coruña.

"Agás a planta de alúmina de Alcoa San Cibrao, todas teñen que ver coa transformación de combustíbeis fósiles", lembra Ogacli sobre uns datos baseados nesa directiva europea de emisións en vigor desde 2005. 

Esta normativa obriga ás compañías a pagar por cada tonelada de dióxido de carbono que expulsan á atmosfera na súa actividade. Son permisos que están cada ano máis limitados no continente, e as empresas que queren contaminar teñen que pelexar por eles e pagar máis para obtelos, unha forma de incentivar a redución de emisións. Esta competencia polos permisos dispoñibles reflíctese no seu prezo. Emitir unha tonelada de CO₂ en 2020 custou arredor de 27 euros, este ano serán uns 65 euros, e espérase que en 2030 chegue a 150 euros, segundo estimou Bloomberg. Tamén se entregan permisos gratuítos ás empresas que renovan a súa maquinaria para descarbonizarse para que poidan vendelos no mercado e compensar o seu custoso investimento.

En 2023, a directiva europea de dereitos de emisións endureceuse mediante unha reforma que introduciu o sector marítimo, os edificios e o transporte por estrada no sistema, que ata entón quedaran fóra para minimizar o impacto desta normativa nos fogares, debido a que encarece o transporte e a vida en xeral. Tamén se estableceu que os sectores xa afectados polo mecanismo (industria e sector eléctrico) terán que reducir grazas a este mecanismo as súas emisións totais na Unión un 62% respecto a 2005, comparado co obxectivo previo do 43%. Ata agora o sistema de bonos contaminantes cobre xa a 10.000 plantas industriais e centrais eléctricas, e a unhas 390 aeroliñas.

Mínimo histórico de electricidade contaminante

Os datos sobre as emisións industriais de gases de efecto invernadoiro chegan poucas semanas despois doutros ben relevantes no contexto da crise climática. 

Porque o pasado ano 2024 marcou un fito na produción eléctrica en Galicia. Nunca antes a xeración con fontes non renovables (carbón, gas...) representara unha porcentaxe tan cativa do total, menos do 17%. En consecuencia, como destaca o Ogacli, as emisións de CO₂ da produción eléctrica galega caeron o pasado ano a un mínimo histórico, cunhas emisións aproximadas de 1,4 millóns de toneladas de gases causantes de cambio climático, un 50% menos que o ano anterior.

Isto significa que en Galicia. para un mesmo consumo eléctrico efectuado en fogares, industrias ou vehículos, as emisións asociadas de gases causantes de cambio climático foron en 2024 unhas seis veces menores que en 2018.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.