É a primeira vez que a Xunta asume nun informe oficial que o aire en Galicia está contaminado en boa parte do país e que varios contaminantes emitidos á atmosfera superan os niveis máximos recomendados
O aire en Galicia está contaminado en boa parte do país e varios contaminantes atmosféricos emitidos á atmosfera superan os niveis máximos recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Constátao a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta nun informe que buscaba simular a situación da calidade do aire nos vindeiros anos -no horizonte do ano 2030- pero que ademais de empregar proxeccións hipotéticas, inclúe tamén unha análise da situación actual, con datos recollidos entre os anos 2018 e 2022. Neste período de cinco anos, amplas zonas do país superan os niveis recomendados pola OMS. A Xunta fixo público o informe despois dunha petición de transparencia de Praza e da intervención da Comisión da Transparencia da Valedora do Pobo.
En realidade, hai tempo que se sabe que esta é a realidade. Así o veñen denunciando, a partir dos mesmos datos oficiais, grupos ecoloxistas e entidades de análise e investigación. Porén, é a primeira vez que a Xunta o asume nun informe oficial. Ata agora, o Goberno galego sempre establecía unha comparación entre os niveis de contaminación e os límites legais establecidos a nivel europeo, menos esixentes que os fixados pola OMS.
No estudo "compróbase que os niveis de incumprimento son máis ou menos altos para todos os contaminantes. Destaca o caso das partículas de pequeno tamaño (PM2,5), pois aí o incumprimento é case total, incluíndo a Galicia rural", di Xosé Veiras
"É a primeira vez que vexo un informe da Xunta onde se avalía o cumprimento dos valores recomendados pola OMS, valores tomados como referencia habitualmente, ademais dos legais, pola oficial Axencia Europea do Medio Ambiente", destaca neste senso Xosé Veiras, responsable do Observatorio Galego de Acción Climática e tamén da parte galega do Informe estatal de calidade do aire, elaborado por Ecoloxistas en Acción, e cuxa última edición foi publicada hai unhas semanas.
"Paréceme un aspecto moi importante do estudo. Compróbase que os niveis de incumprimento son máis ou menos altos para todos os contaminantes, agás para o dióxido de xofre (SO2). Destaca o caso das partículas de pequeno tamaño (PM2,5), pois aí o incumprimento é case total, incluíndo a Galicia rural", detalla.
"Se consideramos os valores que teñen unha base científica máis sólida, que son uns niveis máis garantistas, o aire en Galicia non está limpo", destaca Veiras
Ata agora, polo tanto, a Xunta escudábase nos valores legais para defender que o aire en Galicia estaba limpo, o que lle servía como argumento para evadir a súa responsabilidade de adoptar medidas máis ambiciosas para limitar a contaminación. Cómpre lembrar que o Parlamento europeo aprobou para o ano 2030 uns novos límites de contaminantes atmosféricos a través da Directiva relativa á calidade do aire ambiente e a unha atmosfera máis limpa, pendente de ratificación polo Consello de Europa. Esta nova directiva é máis esixente que a actual e segundo estes novos valores de referencia, o 28% da poboación galega, unhas 740.000 persoas, respirou o pasado ano aire contaminado. Os límites fixados pola OMS son aínda máis estritos e implican que a maioría da poboación galega está a respirar aire contaminado e nocivo para a saúde.
"A Xunta considera que o que hai que facer é aplicar a lei e só iso e a referencia para establecer o que é aire limpo son unicamente os límites legais. En función diso, o aire en Galicia está limpo, pero a realidade é que non o está", subliña Veiras. Porén, continúa, "se consideramos os valores que teñen unha base científica máis sólida, que son uns niveis máis garantistas, o aire en Galicia non está limpo".
Os incumprimentos, en boa parte de Galicia
As sete cidades, vilas como Arteixo e a contorna de industrias contaminante como Cementos Oural, Alcoa, Megasa e Finsa superan mesmo os niveis fixados pola nova directiva europea
Veiras destaca que o estudo da Xunta, con datos para 2018-2022, constata numerosos incumprimentos. Para dióxido de xofre (SO2), na estación Sur (contorna de Cementos Oural, en Sarria); para dióxido de nitróxeno (NO2) , ademais de en Sur, en estacións da Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra (no caso desta cidade, na única estación existente, a de Campolongo, de tráfico). Para as partículas PM10, outra vez en Sur, e máis en estacións da Coruña, Vigo, Ourense, Santiago (nunha estación na contorna da fábrica de Finsa, non na cidade), Ferrol e Arteixo. E para PM2,5, outra vez en Sur e tamén en estacións da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra, Arteixo, Burela (estación ligada a Alcoa), Xubia (ligada a Megasa, en Narón) e San Vicente de Vigo (ligada á xa desmantelada central de carbón Meirama, estación que xa non existe agora).
Ademais, actualmente produciríanse incumprimentos da nova Directiva, para un ou máis contaminantes, nas sete principais cidades, en Arteixo (concello influenciado polas emisións da refinaría de petróleo e industrias do polígono industrial de Sabón, entre elas a central de ciclo combinado de gas fósil) e na contorna de Cementos Oural, Alcoa San Cibrao, Megasa e Finsa Santiago, destaca Veiras.
"Hai que facer moito máis e moito mellor do que se está a facer para reducir os niveis", conclúe Veiras a xeito de valoración, na que critica a inacción do Goberno galego neste aspecto
Veiras destaca, ademais, que o estudo considéranse unicamente emisións suxeitas á Directiva de Teitos de Emisión, que non son as emisións totais, pois das primeiras están excluídas algunhas fontes (transporte marítimo internacional, parte das de agricultura e gandaría, lumes forestais). As diferenzas entre unhas e outras varían segundo os contaminantes. Así mesmo, indica que non se teñen en conta as estacións de calidade do aire pertencentes aos concellos da Coruña e de Ourense. E lembra que dúas das estacións da Coruña (Fábrica de Tabacos e Castrillón) están entre as que incumpren actualmente a nova Directiva para PM10 e NO2, tomando como ano de referencia 2023.
En canto á outra parte do informe, a relativa ás proxeccións da calidade do aire para o ano 2030, Veiras limita a relevancia dos seus resultados pois as proxeccións de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica usadas no estudo da Xunta "parecen máis enfocadas ao seguimento do cumprimento da Directiva de Teitos de Emisións que ao do da Directiva de Calidade do Aire" e, ademais, "considerando a escala estatal". "Non se trata polo tanto dunha proxección de emisións específica para Galicia, que considere a incidencia tamén de políticas autonómicas, que son inexistentes", engade.
Cómpre "máis e mellor transporte colectivo, máis peso do tren no transporte de mercadorías, restrinxir o vehículo privado e avanzar na electrificación". "As ZBE serían un instrumento para iso, pero non se están a implantar, ou son moi pouco ambiciosas", di.
"Hai que facer moito máis e moito mellor do que se está a facer para reducir os niveis", conclúe Veiras a xeito de valoración, na que critica a inacción do Goberno galego neste aspecto, tanto no control de industrias e actividades contaminantes, coma na súa política de mobilidade e transportes. "O transporte é un sector chave para mellorar a calidade do aire e reducir a contaminación", destaca Veiras, que di que cómpre "máis e mellor transporte colectivo, máis peso do tren no transporte de mercadorías, restrinxir o vehículo privado e avanzar na electrificación". "As ZBE serían un instrumento para iso, pero non se están a implantar, ou son moi pouco ambiciosas", di.
Neste senso, o recente informe de Ecoloxistas en Acción sobre a calidade do aire destacaba que varias estacións de medición das áreas urbanas da Coruña e Vigo incumpriran en 2023 o novo límite legal anual do dióxido de nitróxeno (NO2) debido á acción do tráfico motorizado urbano. Por este motivo, a organización ecoloxista criticaba que a maioría das cidades galegas -todas agás Pontevedra e A Coruña- aínda non implantaran as obrigadas zonas de baixas emisións, sinalando que a aprobada na Coruña é "anecdótica", ao limitarse a unha zona moi pequena na Cidade Vella e na Mariña, onde a circulación de vehículos xa estaba moi restrinxida.