Ecoloxistas en acción critica que a maioría das cidades galegas -todas agás Pontevedra e A Coruña- aínda non implantaron as obrigadas zonas de baixas emisións, sinalando que a aprobada na Coruña é "anecdótica"
O Parlamento europeo aprobou para o ano 2030 uns novos límites de contaminantes atmosféricos a través da Directiva relativa á calidade do aire ambiente e a unha atmosfera máis limpa, pendente de ratificación polo Consello de Europa. Atendendo a estes novos valores de referencia, o 28% da poboación galega, unhas 740.000 persoas, respirou o pasado ano aire contaminado. É a principal conclusión do Informe estatal de calidade do aire 2023, elaborado por Ecoloxistas en Acción e que foi publicado este mércores.
No informe destácase que varias estacións de medición das áreas urbanas da Coruña e Vigo incumpriron o novo límite legal anual do dióxido de nitróxeno (NO2) debido á acción do tráfico motorizado urbano. Por este motivo, a organización ecoloxista critica que a maioría das cidades galegas -todas agás Pontevedra e A Coruña- aínda non implantaron as obrigadas zonas de baixas emisións, sinalando que a aprobada na Coruña é "anecdótica", ao limitarse a unha zona moi pequena na Cidade Vella e na Mariña, onde a circulación de vehículos xa estaba moi restrinxida.
O 28% da poboación galega, unhas 740.000 persoas, respirou o pasado ano aire contaminado segundo os novos límites aprobados para o ano 2030 polo Parlamento europeo e pendentes de ratificación polo Consello de Europa
Ecoloxistas en Acción tamén sinala que é "lamentábel" que os concellos con maiores problemas de contaminación, A Coruña e Vigo, carezan de protocolos de actuación fronte a episodios de contaminación atmosférica como os que periodicamente os afectan, mentres que a Xunta actualizou recentemente o protocolo autonómico.
A organización ecoloxista realizou en febreiro de 2023 e febreiro de 2024 senllas campañas de medición de NO2, con captadores pasivos analizados en laboratorios acreditados, nos accesos a algúns dos centros escolares con máis tráfico motorizado das cidades de Vigo e A Coruña. O resultado foi que "os medidores instalados xunto ás estacións oficiais supostamente de tráfico rexistraron menos NO2 que aqueles situados nas rúas con máis circulación de automóbiles" algo que para a entidade "cuestiona a correcta localización das estacións de control da calidade do aire".
A análise contén tamén novas positivas, pois durante 2023 a calidade do aire no conxunto de Galicia mellorou con respecto aos anos 2022 e anteriores á pandemia
O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos compilados en 56 estacións oficiais de medición da calidade do aire instaladas en Galicia. A análise contén tamén novas positivas, pois durante 2023 a calidade do aire no conxunto de Galicia mellorou con respecto aos anos 2022 e anteriores á pandemia, cunha redución significativa dos niveis de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), dióxido de nitróxeno (NO2) e ozono troposférico (O3), en porcentaxes que oscilan entre o 15 % e o 73 % con respecto ás medias do período 2012-2019. Un dos motivos foi o aumento das temperaturas o pasado ano 2023 e, ademais, a progresiva -aínda que moi lenta- substitución dos combustibles fósiles por fontes renovables.
A contaminación por partículas (PM10 e PM2,5) afectou principalmente as sete maiores áreas urbanas, Arteixo e a contorna de Alcoa San Cibrao e Cementos Oural (Sarria)
O documento aclara que considerando a normativa legal aínda vixente, en proceso de transformación, non houbo poboación que respirase aire contaminado en Galicia "por riba dos obsoletos límites legais actuais". Pola contra, se se teñen en conta os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis estritos que os límites legais vixentes e novos, o aire contaminado afectou en 2023 a totalidade da poboación galega.
O cadro xeral que presenta Galicia é o dun territorio con catro principais fontes de contaminación, relacionadas maioritariamente coa transformación e o uso final de enerxía fósil: o tráfico motorizado urbano; algunhas grandes industrias; as centrais termoeléctricas de gas fósil, biomasa e, até outubro do ano pasado, de carbón; e o tráfico marítimo.
A contaminación por partículas (PM10 e PM2,5) afectou principalmente as sete maiores áreas urbanas, Arteixo e a contorna de Alcoa San Cibrao e Cementos Oural (Sarria). A peor situación para estes contaminantes deuse na área metropolitana de Vigo, onde se superaron os novos valores límites legais aprobados para 2030.