As emisións de GEI aumentaron o 3,3% e nelas destacou a suba do 19,9% das procedentes do transporte. Tamén medraron as emisións de gases precursores do ozono malo (+9,6%), gases acidificantes (+0,4%) e partículas finas, PM2,5 (+14,9%)
O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presentou esta semana o informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2021), que complementa outro anterior centrado nas emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. Ambos os dous baseanse nos datos para Galicia do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Os datos de 2021, un ano aínda marcado polas restricións de mobilidade obrigadas pola COVID pero no que estas foron moito máis limitadas que no ano anterior, amosan un aumento das emisións en relación ao 2020 no que se iniciou a pandemia. En concreto, as emisións de GEI aumentaron o 3,3% e nelas destacou a suba do 19,9% das procedentes do transporte. Tamén medraron as emisións de gases precursores do ozono malo (+9,6%), gases acidificantes (+0,4%) e partículas finas, PM2,5 (+14,9%).
Considerando individualmente cada un dos contaminantes, destacan o incremento das emisións de monóxido de carbono (+33,8%), partículas finas (+14,9%) e óxidos de nitróxeno (+10,2%).
As emisións de GEI só minguaron o 34% con respecto a 1990. "Polo tanto, aínda estamos ben lonxe do obxectivo do 65% que se debería acadar xa en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París", subliña o Observatorio
Tomando como referencia 1990, ano de inicio da serie de datos oficiais, constátase unha baixada xeralizada das emisións á atmosfera en Galicia, aínda que insuficiente para contribuír con xustiza á mitigación da crise climática global e lograr unha boa calidade do aire acorde coas recomendacións da Organización Mundial para a Saúde (OMS).
O informe constata que as emisións de contaminantes atmosféricos reducíronse en maior medida que as de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. As de gases acidificantes reducíronse en 2021 nun 82,1% e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo nun 47,9%, sempre en comparación con 1990. Pola súa banda, as de partículas finas baixaron o 57,1% en relación a 2000 (non hai datos para 1990-2000).
O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2021 a principal fonte de gases acidificantes (65,2% das emisión totais), mentres que o transporte liderou as emisións de gases de invernadoiro (26,2%) e de gases precursores do ozono malo (39,1%)
Porén, sinala o OGACLI, as emisións de GEI só minguaron o 34% con respecto a 1990. "Polo tanto, aínda estamos ben lonxe do obxectivo do 65% que se debería acadar xa en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París", subliña o Observatorio, que tamén indica que "tamén resta moito para cumprir o obxectivo da Xunta para 2030, establecido no 55%, se ben pendente de plasmación nunha actualización da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía que se está a atrasar moito".
Nos últimos meses o O Observatorio Galego da Acción Climática criticou duramente a proposta de Estratexia Galega de Mobilidade realizada pola Xunta, pois sinala que se limita a propoñer unha redución ata o ano 2030 do 10% das emisións de gases de invernadoiro do transporte con respecto ao ano 2019, unha medida insuficiente para achegarse aos obxectivos do Acordo de París, que considera que nese ano 2030 a redución das emisións do transporte debería ser do 50%.
As causas principais da redución global das emisións á atmosfera en Galicia durante as últimas tres décadas foron a substitución do carbón na xeración eléctrica e as melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e das propias centrais de carbón. O abandono do carbón na produción eléctrica, consumado en outubro pasado co apagado da central das Pontes, "foi o maior logro climático en Galicia até o día de hoxe, con consecuencias tamén positivas para a calidade do aire", subliña o OGACLI.
Durante o ano 2021, o sector que máis contribuíu ao incremento das emisións de GEI foi o transporte (827.295 toneladas máis), cuxas emisións volveron a niveis prepandémicos
Por este motivo, sinala o Observatorio, contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é na actualidade a maior fonte de contaminantes atmosféricos. O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2021 a principal fonte de gases acidificantes (65,2% das emisión totais), mentres que o transporte liderou as emisións de gases de invernadoiro (26,2%) e de gases precursores do ozono malo (39,1%). No tocante ás partículas finas PM2,5, a combustión non industrial (principalmente doméstica) resultou ser a maior fonte (40,2%).
"Resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais", conclúe o observatorio
Iso si, durante o ano 2021, o sector que máis contribuíu ao incremento das emisións de GEI foi o transporte (827.295 toneladas máis), cuxas emisións volveron a niveis prepandémicos. Mais tamén foron ben importantes os incrementos das emisións da industria (265.688 toneladas máis) e as conxuntas de fogares, comercios, institucións e sector primario derivadas do uso de enerxía fósil (166.185 toneladas máis).
O Observatorio conclúe que "tanto para mellorar a calidade do aire como para combater a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera". "Para iso, resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais", engade.