De Galiza, un futuro sen carbón a Galiza sen Gas. A plataforma que pulaba desde hai cinco anos por poñer fin ao uso do carbón en Galicia antes de 2025 vén de se transformar nunha nova entidade, Galiza sen gas, para demandar o abandono do gas fósil no país antes de 2035.
"Co apagado definitivo da central de carbón das Pontes en outubro pasado, a plataforma Galiza, un futuro sen carbón viu cumprido o seu obxectivo", argumenta a plataforma sobre o final da xeración eléctrica con carbón en Galicia, que cualifica dun "un enorme logro climático".
'Galiza, un futuro sen carbón' convértese en 'Galiza sen Gas' tras o "enorme logro climático" que supuxo o final da xeración eléctrica con carbón no país tras o peche da térmica das Pontes
Así, a plataforma lembra que a caída do 95,5% na produción das centrais térmicas de carbón acontecida entre 2018 e 2021 foi, de lonxe, a "causa principal" do descenso do 34% nas emisións galegas de gases de invernadoiro no mesmo período.
Porén, advirte a entidade, o atraso na transición enerxética "está a facer que unha parte importante do oco deixado polo carbón na produción eléctrica sexa ocupado polo gas fósil, tamén chamado gas natural". Segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o consumo galego de gas fósil medrou o 47,4% entre 2016 e 2021, sobre todo na xeración eléctrica. E a plataforma lembra que o gas é o combustible fósil máis empregado hoxe en Galicia, tanto na xeración eléctrica como na de calor.
"Queimar gas é andar para atrás", reza unha das pancartas da entidade, que advirte da preponderancia deste combustible fósil en Galicia.
A plataforma destaca que o atraso na transición enerxética fai que boa parte do oco deixado polo carbón na produción eléctrica sexa ocupado polo gas fósil
"Está a ter un papel excesivo na nosa transición enerxética; o seu uso incluso medrou máis que o do total das renovábeis durante o que levamos de século", din, advertindo de que "a utilización do gas fósil como apoio das renovábeis na produción eléctrica e como fonte de calor pode e debe diminuír rapidamente mediante a redución do consumo enerxético e o desenvolvemento renovábel".
"Despois do carbón, o seguinte combustible fósil a abandonarmos é o gas fósil, pois o emprego do petróleo, do que aínda son extremadamente dependentes o transporte e o sector primario, terá que alongarse un pouco máis que o do gas", di a plataforma Galiza sen gas, que se propón catro grandes obxectivos no seu manifesto fundacional.
A plataforma pide que se deixe de queimar gas fósil, o peche da regasificadora de Mugardos ou a prohibición do gas obtido con 'fracking'
O primeiro deles, que se deixe de queimar gas fósil para producir electricidade antes de 2030 e para obter calor en fogares, servizos e industria antes de 2035. Tamén acabar axiña coa súa utilización no transporte, que é moi residual.
Alén disto, Galiza sen gas tamén reclama o peche da regasificadora de Mugardos antes de 2030 e o abandono inmediato por parte da Xunta do accionariado de Reganosa, enerxética da que detén o 28,6% do capital.
Por outra banda, pide a prohibición inmediata das importacións de gas obtido mediante fracking, por ser a técnica máis impactante (razón pola que foi prohibida en España), así como o cesamento da importación de gas que contribúe a financiar guerras ou procedente de países inmersos en conflitos bélicos.
Así, a plataforma destaca que 15 dos 28 metaneiros descargados na regasificadora de Mugardos durante 2022 procederon de Rusia.
Ademais, a plataforma advirte da súa "oposición" ao posible hidroduto Guitiriz-Zamora, que se integraría no proxecto H2Med.
"A produción masiva de hidróxeno verde para exportación, ou ben desviaría unha grande cantidade da electricidade renovábel adicional necesaria para deixarmos de consumir canto antes en Galicia gas fósil e produtos petrolíferos, ou ben forzaría a sobredimensionar a capacidade de produción renovábel, fundamentalmente eólica", sinala a entidade, integrada inicialmente por Amigas da Terra, Adega, Ecoar Global, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) e Verdegaia.