A central de ciclo combinado de Endesa nas Pontes xa é a segunda instalación industrial de Galicia con maiores emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), causantes do cambio climático. A substitución parcial do carbón polo gas na xeración eléctrica do país durante os últimos anos provocou que a devandita central escalase ao segundo posto no pasado 2021, aínda que o primeiro segue a estar ocupado polo complexo de Alcoa na Mariña.
As fábricas de alúmina e de aluminio de Alcoa en San Cibrao foron as únicas que superaron as 800.000 toneladas de toneladas de emisións de CO2 emitidas pola central de gas fósil das Pontes o ano pasado, ao atinxiren conxuntamente perto de 1.100.000 toneladas, segundo os datos de emisións verificadas no marco do mercado europeo, publicados pola Comisión Europea e que vén de debullar Galiza, Un Futuro sen Carbón.
A substitución do carbón polo gas fai que as centrais de ciclo combinado das Pontes e Sabón sexan das cinco industrias con maior impacto climático
Esta cifra de emisións por parte de Alcoa, tal e como advirte a entidade, baixará en 2022 e 2023, anos en que só se manterá activa a fábrica de alúmina e se interromperá a produción na de aluminio.
Ademais, entre as cinco industrias galegas con maior impacto negativo no clima en 2021 tamén aparece, en cuarto lugar, a central de ciclo combinado a gas fósil de Naturgy en Sabón (Arteixo), por detrás da refinaría de Repsol da Coruña, localizada a escasa distancia. Pasou de emitir 31.400 toneladas de GEI en 2018 a 642.000 en 2021, multiplicando por 20 o seu impacto no clima.
No entanto, a até 2018 fora "unha das maiores fábricas de crise climática de Europa", a central de carbón de Endesa nas Pontes, pasou a ser en 2021 quinta industria galega con emisións máis altas. Malia rexistrar un mínimo histórico de emisións, polo progresivo descenso da súa actividade que prevé chegar ao seu peche definitivo no mes de xuño, lanzou á atmosfera 521.000 toneladas de GEI. Son 15 veces menos das que emitiu en 2018 (7.940.000 t), no ano previo ao inicio do colapso do carbón na xeración eléctrica.
A central de carbón das Pontes emite agora 15 veces menos toneladas de gases de efecto invernadoiro que en 2018; a de ciclo combinado de Sabón, 20 máis
Porque entre 2018 e 2021, como explica Galiza, Un Futuro sen Carbón, a forte diminución da produción das centrais de carbón foi compensada en parte polas centrais de gas fósil de Sabón e das Pontes, abastecidas a través da regasificadora de Reganosa. "Nun escenario de baixo crecemento da potencia renovábel, o uso de gas fósil na xeración eléctrica tería sido ben maior de non ser polo descenso do consumo galego e das exportacións, inducido pola COVID-19 e o ascenso do prezo da electricidade", din.
Segundo os datos de Rede Eléctrica de España (REE), de compararmos o balance eléctrico anual de 2021 co de 2018, o descenso da produción das centrais de carbón (9.849 GWh), e o moito menor das centrais de coxeración con produtos petrolíferos e gas fósil (744 GWh), foi compensado principalmente por unha diminución das exportacións de electricidade ao resto da Península Ibérica (4.396 GWh), por un aumento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas fósil (2.885 GWh) e pola redución do consumo (2.839 GWh). A xeración de electricidade renovábel tan só medrou 612 GWh.
As emisións conxuntas de gases de efecto invernadoiro das térmicas (carbón e gas) en Galicia baixaron dos 2,4 millóns de 2020 aos case 2 de 2021
Así, a caída da produción das centrais de carbón (a de Meirama foi apagada en xullo de 2020), xunto co decrecemento da economía provocado pola COVID, provocou unha importante redución das emisións totais de GEI de Galicia. En 2020 foron de 18,6 millóns de toneladas un 35,9% menos que en 1990, segundo os datos oficiais máis recentes.
Porque malia o incremento da actividade das centrais de gas fósil, as emisións conxuntas de gases causantes de cambio climático das centrais térmicas (carbón máis gas) baixaron en 2021 con respecto ao ano anterior, de 2,4 millóns de toneladas a case 2. As súas emisións en 2021 foron un 86% inferiores ás de 1990, superándose así amplamente obxectivo da Xunta para 2030 (-54,3%) e estando máis próximo o proposto para 2050 (-98%).
Con todo, para Galiza, Un Futuro sen Carbón, e aínda que a queima do gas natural xera menos emisións de GEI que a do carbón, segue a ser "un combustíbel fósil do que cómpre prescindirmos canto antes". "Agrava a crise climática, encarece a factura enerxética e xera dependencia externa", di, ademais de considerar "un despropósito" a "pretensión de Bruxelas de incluír o gas na súa lista de investimentos sustentábeis".
"O gas non pode ser o novo carbón e as centrais de ciclo combinado de Sabón e das Pontes os novos elefantes na habitación que ninguén parece ver", din, tras apostar polo "necesario e factíbel peche das centrais de ciclo combinado de gas fósil antes de 2030, como parte dunha estratexia que debería reducir as emisións galegas de GEI polo menos nun 65% en 2030 con respecto a 1990".