A Xunta asina que Galicia se propón reducir un 55% os gases contaminantes, máis do dobre do fixado no seu plan climático

A conselleira Ángeles Vázquez (2ª pola esquerda) na reunión da Coalición Under2 CC-BY-SA Xunta

A conselleira de Medio Ambiente comprometeuse a diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro "alomenos un 55% en 2030", cando a súa Estratexia a 2050 fixa o obxectivo nun 24,6% de redución

A Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta, que cifra nun 24,6% a diminución de emisións para 2030 fica obsoleta despois de que en 2019 xa se reducisen nun 24% as emisións de gases de efecto invernadoiro, fundamentalmente polo impulso da fin das centrais térmicas de Meirama e das Pontes. Porén, non hai outro documento oficial que actualice os obxectivos a este respecto. 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, vén de asinar o 'Memorando de Entendemento Under2 2021', que o seu departamento define como "unha declaración de intencións en virtude da cal todos os países e, especialmente, as rexións asinantes asumen o reto de implementar, de forma coordinada, as medidas e actuacións necesarias para limitar o quecemento global". 

A Consellería trasladou "o compromiso de Galicia por conseguir a neutralidade climática en 2050, asumindo as actuacións que contribúan xa en 2030 á redución do 55% das emisións na Unión Europea con respecto a 1990" e que traballará "no marco das súas competencias e de forma coordinada co resto das partes asinantes do Memorando, na redución das emisións GEI —alomenos un 55% en 2030, ao ser parte da UE—".

Ángeles Vázquez no cumio do clima en Glasgow CC-BY-SA Xunta

"Galicia pode e quere ser parte da solución ao problema do cambio climático e ser un actor destacado a nivel nacional e internacional", manifestou a conselleira na súa visita ao cumio do clima de Nacións Unidas que entrou na súa recta final en Glasgow.

Ata agora, a redución das emisións estivo ligada ao peche da central térmica de Meirama e á paralización da actividade da das Pontes, como sinala o último informe de Ecoloxistas en Acción sobre os gases de efecto invernadoiro. Ángeles Vázquez destacou que a sinatura do memorando da Coalición Under2 é un "compromiso non eximido de riscos e retos, pero tamén de grandes oportunidades". 

A Xunta anuncia unha "lei do clima" baseada na Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, superada xa en 2019 no referente ás emisións

Para o biólogo especialista en sustentabilidade, ética ecolóxica e educación ambiental Xosé Veiras acadar unha redución do 55% é factible ,"o que non quere dicir que sexa sinxelo, pero é necesario". "De feito, en Ecoloxistas en Acción pedimos elevar esa redución de emisións de gases de efecto invernadoiro ao 65% nese horizonte 2030″.

A Xunta declara "o establecemento dunha nova orde de prioridades na política, a economía, a industria e a vida cotiá, acorde co nivel de preocupación internacional que xera o cambio climático" e avanza a creación dunha "lei do clima" baseada na Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, que xa estaría resolta a efectos das emisións de gases de efecto invernadoiro co texto actual. 

"O máis importante sería acelerar a transición enerxética porque o 75% dos gases de efecto invernadoiro de Galicia proceden do uso da enerxía fósil", sinala Xosé Veiras

Dende as agrupacións de ecoloxistas galegas e entidades como Greenpeace Galicia ou Ecoloxistas en Acción ven con escepticismo o compromiso da Xunta a reducir ese 55% das emisións GEI, pois supón duplicar o seu obxectivo actual e unha viraxe nas políticas que levaron nos últimos trinta anos a un deterioro do transporte por vía férrea, a deslocalización da produción e o aumento do turismo, que trae consigo máis desprazamentos.

"O máis importante sería acelerar a transición enerxética porque o 75% dos gases de efecto invernadoiro de Galicia proceden do uso da enerxía fósil, por un lado da súa transformación en enerxía dispoñible para o consumo nas industrias fósiles, nas centrais térmicas e nas refinerías; e por outro lado do consumo da enerxía fósil final nos diferentes sectores de actividade, nomeadamente no transporte e na industria", salienta Xosé Veiras.

Para Veiras tamén resulta clave que diminuamos o noso consumo enerxético. "En Galicia, entre 1992 e 2019, o consumo interno de enerxía final aumentou nun 70%. Habería que reducilo e comezar un camiño no sentido contrario", explica. Ademais, o membro de Ecoloxistas en Acción apunta que será necesario "desenvolver máis as renovables a través de políticas radicalmente diferentes ás actuais". 

Sería preciso un maior equilibrio nas renovables, que non descoide a enerxía solar e que estea protagonizado pola cidadanía, pois para o biólogo esta sería unha oportunidade "para democratizar a produción e que o gran capital privado non a acapare". Así mesmo, a planificación debera respectar os intereses das persoas que viven no rural e ser respectuosa coa biodiversidade.

O especialista en sustentabilidade afirma que "habería que reducir durante esta década uns 9 millóns de toneladas" de gases de efecto invernadoiro para acadar un 55% de redución

O obxectivo e mais o prazo impoñen un calendario de actuacións que xa tarda en comezar. "Unha redución do 55% das emisións supón pasar de 29 millóns de toneladas de media en 1990 a un pouco máis de 13 millóns de toneladas en 2030. Segundo os últimos datos oficiais –do ano 2019– as emisións estaban en 22,5 millóns de toneladas. Polo que habería que reducir durante esta década uns 9 millóns de toneladas", debulla Xosé Veiras. 

Catro millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro xa se reduciron co cese da actividade das centrais térmicas, quedarían os cinco restantes, xa no tellado do transporte e da industria. "Os límites de emisións implican límites no consumo de enerxía fósil, a sociedade tería que visualizalo moito mellor que agora porque non vai haber reducións drásticas de emisións sen unha redución do consumo da enerxía fósil", asevera o especialista en sustentabilidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.