O pasado 4 de outubro apagouse para sempre a central de carbón das Pontes. Un fito na loita contra a crise climática desde o noso país que pon fin de vez á xeración eléctrica con carbón. Mais os combustíbeis fósiles aínda están ben presentes no noso sistema enerxético, inclusive no eléctrico, onde o gas fósil, tamén chamado gas natural, está a ocupar parte do oco deixado polo carbón, debido ao atraso no desenvolvemento renovábel
O pasado 4 de outubro apagouse para sempre a central de carbón das Pontes. Un fito na loita contra a crise climática desde o noso país que pon fin de vez á xeración eléctrica con carbón, o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro. Mais os combustíbeis fósiles aínda están ben presentes no noso sistema enerxético, inclusive no eléctrico, onde o gas fósil, tamén chamado gas natural, está a ocupar parte do oco deixado polo carbón, debido ao atraso no desenvolvemento renovábel.
Endesa non deixou de producir electricidade fósil nas Pontes cando apagou a súa central de carbón. Á súa beira explota desde 2008 outra central eléctrica fósil, un ciclo combinado a gas, que en 2022 foi a industria galega con maiores emisións de CO2, como antes o foi a de carbón durante tantos anos, aínda que, iso si, con cifras moi superiores.
Tampouco Naturgy renunciou a xerar electricidade sucia en Galicia cando pechou a central de Meirama en 2020. Tamén desde 2008 opera a central de ciclo combinado a gas de Sabón (Arteixo). Ambos os dous ciclos combinados abastécense desde a regasificadora de Reganosa en Mugardos, á que están conectados por un gasoduto. Consumindo en parte gas de fracking transportado por barcos metaneiros desde Estados Unidos de América (EUA), que ten unha pegada de carbono comparábel á do carbón.
Endesa non deixou de producir electricidade fósil nas Pontes cando apagou a súa central de carbón. Á súa beira explota desde 2008 outra central eléctrica fósil, un ciclo combinado a gas, que en 2022 foi a industria galega con maiores emisións de CO2. Tampouco Naturgy renunciou a xerar electricidade sucia en Galicia cando pechou a central de Meirama en 2020. Tamén desde 2008 opera a central de ciclo combinado a gas de Sabón (Arteixo)
Ao exercer por fin en 2019 o mercado europeo de emisións de CO2 o seu papel desincentivador da xeración eléctrica con carbón, despois de 14 anos de funcionamento ineficaz, a actividade das centrais de Meirama e As Pontes caeu abruptamente e, en pouco tempo, as empresas propietarias pasaron de apostar por un novo alongamento da súa vida a decidir o peche, ao non lle saíren xa as contas. Para frustración do transversal “partido galego do carbón”.
Mais as contas si saen polo de agora para as centrais de gas, contra as que neste país case ninguén move unha palla, como xa antes pasou coas de carbón. E así vemos como, mentres a produción nas centrais de carbón baixaba de 10.304 GWh en 2018 a 859 en 2022, a dos ciclos combinados subía de 810 a 5.602. Unha parte da electricidade que deixaron de producir Endesa e Naturgy con carbón pasaron a obtela con gas natural, tan fósil como o carbón e o petróleo. Lamentabelmente, o consumo galego de gas non só aumentou durante os últimos anos na xeración eléctrica senón tamén na de calor, polo menos até 2021. Cúmprese así o desexo de quen queren facer do gas o combustíbel fósil de transición (dunha transición enerxética lenta e “ordenada”).
Deberiamos ouvir falar da invasión do gas, do espolio continuo perpetrado polo oligopolio eléctrico, da suposta transición enerxética, de colonialismo e depredación enerxética, de zonas de sacrificio, de moratorias e prohibicións. Mais non semella haber ningún problema importante co gas fósil que nos chega desde EUA, Nixeria, Rusia, Trindade e Tobago ou Alxeria.
Se cadra, na conversa pública deberiamos ouvir falar, en relación a isto, da invasión do gas, do espolio continuo perpetrado polo oligopolio eléctrico, da suposta transición enerxética, de colonialismo e depredación enerxética, de zonas de sacrificio, de moratorias e prohibicións. Mais non semella haber ningún problema importante co gas fósil que nos chega desde EUA, Nixeria, Rusia, Trindade e Tobago ou Alxeria. Como tampouco houbo antes co carbón importado que subministrou a maior parte da enerxía transformada nas centrais de Meirama e As Pontes durante os últimos 25 anos e, de forma exclusiva, partir de 2008.
Hai importantes discrepancias verbo da cuestión eólica, mais o que non cuestionan os principais actores políticos e sociais do país son as centrais de ciclo combinado. Poderían pechar antes de 2030, se aumentar a capacidade de produción e almacenamento de electricidade renovábel e mellorar a xestión da demanda, mais non hai apuro, malia estar declarada a emerxencia climática. Non se considera preciso acelerar e planificar de forma xusta o seu peche desde os poderes públicos. Repítese pois, polo menos até agora, o acontecido coas centrais de carbón.
Hai importantes discrepancias verbo da cuestión eólica, mais o que non cuestionan os principais actores políticos e sociais do país son as centrais de ciclo combinado
Talvez nun futuro máis ou menos próximo as eléctricas propietarias decidan sorpresivamente solicitar o peche dunha ou das dúas centrais de gas, aínda que Endesa xa manifestou que pretende producir electricidade con gas até 2040 (algo parecido pretendía co carbón, antes de 2019). Se callar, veremos entón á Xunta, co PP ou coa oposición actual ao mando, acusar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica de precipitar o fin dos ciclos combinados, declarando que, como antes eran as centrais de carbón, son fontes de desenvolvemento local, emprego de calidade e soberanía enerxética (ao CO2 nunca se referían).
Porén, do mesmo xeito que a planificación enerxética-climática estatal nunca pretendeu ou preveu o abandono do carbón antes de 2025, tampouco aspira hoxe á redución dun só MW da capacidade de produción con ciclos combinados para 2030, nin en Galicia nin no resto do Estado, aínda que baixaría o seu grao de utilización.
Estamos a poucas semanas do próximo cumio climático mundial anual. Contribuirá a pór no escaparate mediático a política climática galega. Mais, igual que en anos anteriores pouco se falou do urxente fin do carbón, probabelmente pouco se comentará este ano sobre a necesidade de abandonarmos rapidamente e con xustiza social o gas e o petróleo (#FastFairForever). A pesar de que a transformación e o consumo final de enerxía fósil é responsábel do 71% das emisións territoriais galegas de gases de invernadoiro. Ou precisamente por iso.