A Estratexia de Mobilidade da Xunta, criticada por renunciar a reducir as emisións contaminantes do transporte en 2030

Imaxe de arquivo dun atasco na Coruña © Policía Local A Coruña

A Estratexia da Xunta limítase a propoñer unha redución do 10% das emisións de gases de invernadoiro do transporte ata o ano 2030, unha medida insuficiente para achegarse aos obxectivos do Acordo de París, sinala o Observatorio

A finais de xaneiro a Xunta presentou a súa proposta de Estratexia Galega de Mobilidade, un conxunto de documentos que deberían servir para o deseño das políticas de mobilidade e transporte en Galicia para as vindeiras décadas, nas que o Goberno galego aposta por "diminuír a contaminación atmosférica e mellorar a calidade do aire nas cidades" mediante a adopción de "novos hábitos de mobilidade". A pesar de perseguir teoricamente estes obxectivos, a Estratexia era moi pouco concreta e ambiciosa tanto no fomento da redución de desprazamentos coma na súa aposta polo ferrocarril, para o que apenas había propostas de peso.

O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) vén de facer pública a súa avaliación do documento e de presentar unha serie de alegacións, denunciando que a Estratexia da Xunta limítase a propoñer unha redución ata o ano 2030 do 10% das emisións de gases de invernadoiro do transporte con respecto ao ano 2019, unha medida insuficiente para achegarse aos obxectivos do Acordo de París, sinala o Observatorio, que considera que nese ano 2030 a redución das emisións do transporte debería ser do 50%.

O Observatorio denuncia que a Estratexia incumpre o Acordo de París © OGACLI

Dende o 2019, o transporte é o sector que máis contribúe á crise climática en Galicia. Nese ano as emisións de gases causantes de cambio climático do transporte superaron por primeira vez as do sector enerxético

Dende o 2019, o transporte é o sector que máis contribúe á crise climática en Galicia. Nese ano as emisións de gases causantes de cambio climático do transporte superaron por primeira vez as do sector enerxético. O transporte, debido moi principalmente ás emisións do transporte por estrada, representa o 22,5% das emisións totais de Galicia e, polo tanto, "é un sector chave na mitigación da crise climática", destaca o Observatorio, que lembra que o sector no que máis medraron as emisións de gases de invernadoiro entre 1990 e 2020, tanto en termos absolutos (+949.005 toneladas) como relativos (+29,3%). 

O transporte de persoas e mercadorías consome máis enerxía que a suma dos fogares e servizos en Galicia e, ademais, cómpre lembrar que practicamente toda a enerxía utilizada no transporte é fósil, pois a electrificación "avanza a un ritmo moi lento e segue a ser residual", pois a electricidade tan só representou o 0,3% do consumo de enerxía final do transporte en 2019.

"O modelo de mobilidade proposto na Estratexia Galega de Mobilidade non procura nin unha redución da necesidade de desprazamentos e das súas distancias nin un cambio modal cara aos modos de transporte sustentábeis", di o OGACLI

O Observatorio denuncia que a Estratexia Galega de Mobilidade proposta pola Xunta limítase a prever que no ano 2040 se estabilizaría o número de desprazamentos por estrada en Galicia e que o número de vehículos que accederían ás grandes cidades se reduciría nun 10%, uns obxectivos que para o Observatorio son moi insuficientes e que, ademais, non inclúen previsións intermedias (para o 2030) nin posteriores (para o 2050).

"O modelo de mobilidade proposto na Estratexia Galega de Mobilidade non procura nin unha redución da necesidade de desprazamentos e das súas distancias nin un cambio modal cara aos modos de transporte sustentábeis que estea, sequera minimamente, á altura do desafío que nos coloca a crise enerxética e climática", denuncia o Observatorio, que sinala que "a procrastinación continúa a substituír a acción urxente e decidida, cada vez máis necesaria despois de décadas de políticas de transporte e urbanísticas que contribuíron a disparar as emisións".

O transporte é o sector clave na loita contra as emisións de gases de efectos invernadeiro © OGACLI

Propostas do Observatorio

Deféndese igualmente "limitar fortemente os novos desenvolvementos urbanísticos e a instalación de grandes superficies comerciais nos municipios limítrofes e na periferia das cidades" e medidas como a promoción do pequeno comercio local

O OGACLI presentou unha serie de alegacións á proposta de Estratexia Galega de Mobilidade. Entre elas está a aposta por unha Lei de Mobilidade Sustentable que obrigue a lograr emisións cero do transporte en 2040. Tamén unha modificación do Plan Director de Estradas de Galicia para desbotar novas ampliacións da rede de estradas de altas prestacións. Deféndese igualmente "limitar fortemente os novos desenvolvementos urbanísticos e a instalación de grandes superficies comerciais nos municipios limítrofes e na periferia das cidades" e medidas como a promoción do pequeno comercio local en detrimento das grandes superficies e da compra por internet ou a compra preferente por parte dos comedores públicos de produtos alimentarios de proximidade.

O Observatorio propón o desenvolvemento dun sistema de tarxeta única de transporte que facilite o uso de todos os modos de transporte público colectivo. Tamén o impulso dun Plan de Acción contra a Pobreza en Transporte e o mantemento e ampliación dos descontos actuais nas viaxes en liñas de autobús de competencia autonómica. Pídese ademais unha revisión dos impostos de matriculación e circulación de forma que sexan fortemente progresivos para as emisións de dióxido de carbono (CO2), así como un novo imposto que grave progresivamente os coches de máis de 1.400 kg de peso.

Deféndese a creación dunha empresa pública que ofreza servizos de mobilidade compartida en todo o territorio

Ademais, deféndese a creación dunha empresa pública que ofreza servizos de mobilidade compartida en todo o territorio. E tamén o fomento do uso de vehículos de alta ocupación (nos que viaxan dúas ou máis persoas), que debería concretarse en medidas que o incentivasen fortemente na práctica, como a creación de carrís reservados en certas vías das áreas metropolitanas ou unha política de peaxes que os discriminase positivamente.

O transporte é o sector no que máis medraron as emisións de Gases de Efecto Invernadeiro © OGACLI

Proponse que a través dunha empresa pública, a Xunta asuma a prestación de novos servizos ferroviarios nomeadamente de proximidade nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo. 

Finalmente, proponse que a través dunha empresa pública, a Xunta asuma a prestación de novos servizos ferroviarios nomeadamente de proximidade nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo. Tamén se defende que en coordinación co Ministerio de Transportes e ADIF, a Estratexia Galega de Mobilidade inclúe actuacións concretas de mellora da infraestrutura ferroviaria (electrificación, novas liñas como Lugo-Santiago,...). 

Tamén se propón "unha nova política de peaxes" nas autovías e autoestradas autonómicas "que incentive o uso partillado dos vehículos e aqueles con menor peso e emisións de CO2", acabe coas “peaxes na sombra” (pagadas vía impostos tamén por quen non usan estas infraestruturas e teñen rendas baixas) e "xere ingresos para potenciar a mobilidade sustentábel e xusta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.