Quen utiliza o vehículo privado? Dende logo, quen quere. Moitas veces, quen non ten máis remedio, en ausencia de alternativas de transporte público. Pero, ademais, quen pode, sobre todo quen economicamente pode permitirse mercar e manter un coche. Os datos do Censo do ano 2021, que o Instituto Nacional de Estatística (INE) está a publicar nos últimos meses amosan en que medida o nivel de ingresos de cada familia mantén unha correlación directa co número de vehículos existentes en cada fogar.
O 39% das familias con ingresos por baixo dos mil euros non teñen vehículo ningún, un número considerable, sobre todo se temos en conta que o 25% dos fogares galegos ingresan menos de mil euros netos ao mes
No 17% dos fogares galegos non hai ningún coche, o 45% ten un, o 29% posúe dous e no 9% hai tres coches ou máis. Porén, os datos do censo amosan enormes diferenzas en función do poder adquisitivo, especialmente no que atinxe aos fogares con rendas máis baixas. O 45,7% das familias con ingresos mensuais netos inferiores a 500 euros carece de coche e o mesmo sucede co 37,4% dos fogares con ingresos mensuais netos que se moven entre os 500 e os mil euros.
En total, o 39% destas familias con ingresos por baixo dos mil euros non teñen vehículo ningún, unha porcentaxe considerable, sobre todo se temos en conta que o 25% dos fogares galegos teñen este nivel de ingresos por baixo dos mil euros mensuais.
Con ingresos familiares por riba dos 2.500 euros ao mes, hai un 20% de familias que posúen 3 ou máis vehículos
No resto de familias, con ingresos superiores aos mil euros, a situación é moi diferente. Nos fogares con ingresos entre 1.000 e 1.500 euros mensuais o 17% carece de vehículo e por riba dos 1.500 euros, as porcentaxes baixan do 10%. De feito, nos fogares que gañan máis dous mil euros ao mes, é máis habitual ter dous vehículos que un. E con ingresos familiares por riba dos 2.500 euros ao mes, hai un 20% de familias que posúen 3 ou máis vehículos.
Os datos das cidades amosan con máis claridade como as familias con rendas mensuais inferiores a mil euros carecen maioritariamente de vehículo privado, con porcentaxes que superan claramente o 50% na Coruña (53%), Ourense (60%) e que se achegan a esa porcentaxe no resto, dende o 44% de Vigo ata o 49% de Santiago
Nas cidades a porcentaxe de persoas que carece de vehículo privado é maior. Os datos do Censo 2021 ofrecen información sobre as sete cidades galegas, onde a proporción de fogares sen coche se move entre o 19% de Vigo, Lugo, Pontevedra e Ferrol, o 23% de Santiago ou A Coruña e o 27% de Ourense. Son datos coherentes con outra estatística achegada hai meses polo Censo, que indicaba que A Coruña e Ourense eran as cidades galegas que menos utilizaban o coche e A Coruña a que máis empregaba o transporte público e Ourense (xunto con Pontevedra) a que máis desprazamentos realizaba a pé.
Os datos das cidades amosan con máis claridade como as familias con rendas mensuais inferiores a mil euros carecen maioritariamente de vehículo privado, con porcentaxes que superan claramente o 50% na Coruña (53%), Ourense (60%) e que se achegan a esa porcentaxe no resto, dende o 44% de Vigo ata o 49% de Santiago.
O coche é usado máis polos homes que polas mulleres. Quen máis emprega o coche, ademais, son os varóns entre 30 e 49 anos
Ademais do factor do nivel de ingresos, estudos estatísticos anteriores veñen sinalando o a idade e sexo como as outras gran variables que determinan a maior ou menor utilización do vehículo privado. O coche é usado máis polos homes que polas mulleres. Segundo datos do IGE do ano 2018, o 73,1% dos homes recorre habitualmente ao vehículo privado, fronte ao 60,4% das mulleres. Quen máis emprega o coche, ademais, son os varóns entre 30 e 49 anos, xa que tanto a mocidade coma as persoas de maior idade utilizan en maior medida o transporte público.
De feito, os propios datos do Censo 2021 amosan que na Coruña as persoas de menos de 30 anos empregan máis o autobús e o tren que o coche (35% a 33%). E en Ourense os menores de 30 van máis camiñando (40%) que no vehículo privado (32%).
Nas familias que en Galicia viven fóra das sete cidades a porcentaxe que carece de vehículo privado (15%) é moi inferior á que se rexistra entre os habitantes das urbes (21%)
Fóra das cidades, especialmente nas zonas rurais, o vehículo privado continúa a ser unha necesidade, debido á falta de alternativas suficientes de transporte público e á dispersión da poboación. Os datos do Censo, en consonancia con isto, amosan como nas familias que en Galicia viven fóra das sete cidades a porcentaxe que carece de vehículo privado (15%) é moi inferior á que se rexistra entre os habitantes das urbes (21%). De igual xeito, é superior a proporción de fogares que ten 2 coches (31% fronte ao 25%) e 3 vehículos ou máis (11% fronte a 5%).
Nos últimos anos o número de turismos matriculados nas cidades galegas estancouse, mentres segue a medrar no rural. A Coruña é o concello con menos coches por habitante en Galicia e nas primeiras posicións deste indicador aparecen tamén Vigo, Vilagarcía, Pontevedra, Ourense e Compostela. No ano 2021 matriculáronse uns 46 mil coches en Galicia, a cifra máis baixa dende o 2014.
Cataluña, Aragón, Euskadi, Madrid e Asturias son os territorios nos que máis familias carecen de vehículo privado
O número de fogares que carece de vehículo privado en Galicia está por debaixo da media española, tanto nas cidades (21% fronte a 26%) coma nas localidades de menos de 50.000 habitantes (15% fronte a 17%). Cataluña, Aragón, Euskadi, Madrid e Asturias son os territorios nos que máis familias non teñen coche.
Recentemente a Xunta presentou a súa Estratexia Galega de Mobilidade, un conxunto de documentos que "sentan as bases para redeseñar o novo mapa da mobilidade" para o país, e que aposta pola "comunicación metropolitana" e por "diminuír a contaminación atmosférica e mellorar a calidade do aire nas cidades", pero que esquece o tren de proximidade.
En Galicia o 40% das familias habitan vivendas que carecen de garaxe, unha porcentaxe que en urbes como A Coruña ou Ferrol supera o 50%. Lugo, co parque de vivendas máis novo entre as sete cidades, é a urbe no que menos inmobles carecen de garaxe
No seu apartado de características das vivendas, o Censo 2021 inclúe tamén información sobre o número de garaxes existentes en cada inmoble, tanto a nivel galego coma en cada unha das sete cidades galegas. En Galicia o 40% das familias habitan vivendas que carecen de garaxe, unha porcentaxe que en urbes como A Coruña ou Ferrol supera o 50%. No resto de cidades galegas a porcentaxe móvese entre o 23% de Lugo e o 39% de Santiago e Ourense.
En coherencia cos datos sobre o número de vehículos que posúe cada familia en función da súa renda, os fogares con ingresos máis baixos carecen deste equipamento en maior medida, con porcentaxes que superan o 60% na Coruña e Ferrol e que se sitúan por riba do 40% en Santiago, Ourense e Vigo. Lugo, co parque de vivendas máis novo entre as sete cidades, é a urbe no que menos inmobles carecen de garaxe.