"Non imos participar nun lavado de cara financiado por quen promove un proxecto destrutivo para o mar", afirma a Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega)
A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) decide por unanimidade deixar de realizar descargas no porto de Vilaxoán como mostra do seu "rexeitamento á mina de Touro e á implicación da empresa Cobre San Rafael, financiadora do guindastre utilizado actualmente para estas operacións". "Nin un mexillón en mans de Cobre San Rafael", aseveran.
"Non imos participar nun lavado de cara financiado por quen promove un proxecto destrutivo para o mar", afirman desde a organización, membro activo da Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa, e que mantén unha posición "firme" contra "calquera proxecto que ameace o futuro do mar e das persoas que viven del". Opmega comparte coa PDRA unha visión común: "defender a integridade ecolóxica da ría fronte a intereses industriais alleos e impedir que se utilicen recursos do sector para lexitimar iniciativas contaminantes".
Na actualidade, Opmega está integrada por un total de 748 bateas agrupadas en 12 delegaciones distribuídas nas rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e mais na ría de Vigo. É a organización máis representativa do sector mexilloeiro galego e está presente nos foros galegos e estatais nos que defende os intereses do sector. A entidade creou, ademais, a empresa Stellamare para comercializar o mexillón galego.
Opmega critica que Cobre San Rafael pretende "gañar presenza no sector e lexitimidade social a través dunha actividade que non lle corresponde"
Dende Opmega explican que a avaría do guindastre da confraría de Vilaxoán, que tradicionalmente asumía as tarefas de descarga neste porto, derivou nunha primeira concesión en mans dunha persoa "que acabou desvinculándose", e neste momento está en mans doutra, "que recorreu ao apoio económico de Cobre San Rafael para manter operativa a infraestrutura".
Para os produtores de mexillón ese financiamento ten "un obxectivo claro" para o proxecto que está detrás da explotación da mina de Touro: "gañar presenza no sector e lexitimidade social a través dunha actividade que non lle corresponde".
A organización recoñece as "dificultades loxísticas" que trae consigo a decisión de non descargar no porto de Vilaxoán, mais aseguran que se trata dun "paso necesario, consciente e coherente" cos principios que defende.
"A nosa actividade depende dun mar limpo e vivo, pero tamén da ética co que facemos. Non se pode producir en augas limpas mentres se colabora con quen as pon en perigo. A coherencia tamén é parte da sostibilidade", defenden nun comunicado.