Nas rías galegas adoita producirse un fenómeno, denominado afloramento, mediante o cal ascenden á superficie augas profundas, frías e ricas en nutrintes. Este mecanismo enfría as augas das nosas rías pero tamén lle achega unha gran riqueza que favorece a produción pesqueira e marisqueira. O afloramento prodúcese como consecuencia do movemento de rotación terrestre e da acción do vento paralelo á liña de costa, no caso galego principalmente de compoñente norte, habitual na primavera, outono e tamén no verán, como estamos a ver estes días.
Unha investigación do CSIC vén de certificar a importancia dos ventos do norte e do proceso de afloramento para a produción da mexilla, a semente do mexillón, fundamental para o desenvolvemento da acuicultura galega e que nos últimos anos sufriu unha crise importante
Unha investigación do CSIC vén de certificar a importancia destes ventos e do proceso de afloramento para a produción da mexilla, a semente do mexillón, fundamental para o desenvolvemento da acuicultura galega e que nos últimos anos sufriu unha crise importante.
O artigo, que analiza a variabilidade da mexilla recollida polos bateeiros na costa galega entre 2006 e 2022, destaca que "o afloramento e a súa posible variabilidade asociada ao cambio global xogan un papel decisivo na provisión de semente de mexillón para o seu cultivo en Galicia". E conclúe que a frecuencia do vento do norte durante os meses de xullo e novembro "pode ser unha variable predictiva da dispoñibilidade de mexulla durante a seguinte campaña de recolección".
A frecuencia do vento do norte durante os meses de xullo e novembro "pode ser unha variable predictiva da dispoñibilidade de mexulla durante a seguinte campaña de recolección", conclúe o estudo
A investigación foi liderada dende o grupo de Procesos Oceánicos en Cambio Global do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) e nel participou persoal do Centro Oceanográfico de Vigo (COV) do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC). Está asinada por Xosé A. Padin, José M. F. Babarro, Pablo Otero, Miguel Gilcoto, Trinidad Rellán, Lino Suárez , Antón Velo e Laura G. Peteiro foi publicada na revista Frontiers in Marine Science baixo o título de The declining availability of wild mussel seed for aquaculture in a coastal upwelling system.
A cantidade de mexilla recollida no conxunto da costa galega foi descendendo entre 2012 e 2021, ata acadar nese ano unha cifra de pouco máis de seis mil toneladas
A cantidade de mexilla recollida no conxunto da costa galega foi descendendo entre 2012 e 2021, ata acadar nese ano unha cifra de pouco máis de seis mil toneladas. "Este resultado coincide co descenso xeral doutras especies do intermareal rochoso observado a escala global nas últimas décadas, tal como sucede co mexillón no norte de Europa", explica Xosé Antonio Padín Álvarez, investigador do CSIC e coordinador do equipo de investigación.
"A afloramento costeiro ligado aos episodios de vento do norte máis intensos que favorecen a dispersión larvaria cara ao exterior das rías explica o 60% da variabilidade observada na mexilla colleitada"
A investigación relaciona esta variabilidade interanual da provisión de semente de mexillón con cambios no vento do norte durante a fase larvaria desa mexilla (entre xullo e novembro antes da súa recolección). Neste sentido, explica Xosé Antonio Padín que "o afloramento costeiro ligado aos episodios de vento do norte máis intensos que favorecen a dispersión larvaria cara ao exterior das rías explica o 60% da variabilidade observada na mexilla colleitada". "O compoñente norte-sur do vento tamén explican o patrón de asentamento e dispersión das sementes de mexillón no litoral de Galicia descrito polos informes dos bateeiros", engade.
No último ano a produción de mexillón descendeu de forma moi importante en Galicia, pero a gran cantidade de mexilla que se está a recoller achegou tranquilidade ao sector de cara aos vindeiros meses.
No último ano a produción de mexillón descendeu de forma moi importante en Galicia, pero a gran cantidade de mexilla que se está a recoller achegou tranquilidade ao sector de cara aos vindeiros meses
O estudo tamén analizou o cambio na estratexia de cultivo no sector mexilloeiro co que se pretende favorecer a comercialización de mexillóns de pequeno tamaño. "Este cambio na produción aumentou nun 75% o número de individuos comercializados e reduciu o período de crecemento. Por iso, podería estar a afectar ao potencial reprodutivo dos mexillóns, tanto en termos de oportunidades de desova como de número de gametos producidos", destácase.
"A análise do impacto do cambio de tallas suxire que o potencial reprodutivo se mantería estable na desova de outono polo aumento de reprodutores que compensaría o menor tamaño dos mesmos, mentres que no potencial reprodutivo ao longo do ano a suma das desovas de primavera e outono mostraría unha diminución significativa ao perderse oportunidades de desova a fracción cada vez máis importante de mexillón pequeno", di a investigadora Laura García Peteiro.