“Algo está pasando nas rías”, repite quen traballa e vive do mar. As que máis o están padecendo son as mariscadoras, que veñen dun verán moi malo para a produtividade –aínda que non tanto para os prezos–, unha campaña de Nadal interrompida e case sen ganancias e un 2024 no que non saíron do cese de actividade.
"A situación na que estamos agora de non ter ningún marisco é insólita", conta a mariscadora de Cabo de Cruz Susana Silva. As mariscadoras de a pé galegas levan cun cese de actividade desde que comezou o ano que moitas confrarías xa pediron alongar ata xuño
Susana Silva leva sen traballar e sen cobrar desde o Nadal, é mariscadora adscrita á Confraría de Cabo de Cruz (Boiro) e non está acostumada a parar. Ata este 2024, nesta zona traballaban todo o ano e facían paros biolóxicos rotatorios entre as distintas praias. “Esta é a primeira vez que temos que pedir o cese de actividade, houbo épocas mellores ou peores, pero a situación na que estamos agora de non ter ningún marisco é insólita. Levo quince anos nisto e é a primeira vez que o vexo”, explica.
Silva pertence á asociación Mulleres Salgadas, que agrupa a mulleres do sector pesqueiro, e conta que veñen arrastrando unha baixa produtividade desde o ano pasado. “O último trimestre de 2023 fixemos en total mil euros de soldo cando a campaña de Nadal é a que ten que sustentar moito o ano seguinte, porque é das campañas máis fortes que temos. Logo a auga doce e as choivas acabaron de matar o pouco que quedaba na praia”, sinala.
Tanto o marisqueo de a pé como o de a flote, os bateeiros, as artes menores e a pesca de interior atravesan un momento crítico en todas as rías do país. “O que vai pasar co marisqueo a pé é que vai desaparecer”, advirte María José Vales, mariscadora de Vilanova de Arousa, que leva tres meses no paro e na súa confraría veñen de solicitar outros tres meses máis de cese de actividade porque “non hai produto, só hai cría”. “Aquí nunca se foi o paro, hai vinte e cinco anos que son mariscadora e esta situación nunca se viviu”, salienta Vales.
"Aquí nunca se foi o paro, hai vinte e cinco anos que son mariscadora e esta situación nunca se viviu", salienta María José Vales
María José Vales lembra que os problemas veñen de lonxe e vanse acumulando, é consciente da afectación do cambio climático pero pon o foco sobre todo no efecto da contaminación no mar. “No verán o marisco non medrou o que tiña que ter medrado por culpa de que algo está a pasar na ría e ninguén fai por miralo. Despois con tanta choiva morreu moitísimo marisco pola auga doce. Son moitos factores: todos os vertidos van o mar porque as depuradoras non dan, o cambio climático, o cambio que lle fixemos nós e tanta auga doce afectan a todo. É unha catástrofe o que está pasando”, detalla con moita preocupación.
Na praia de Lourizán (Pontevedra) tamén tiveron moita perda, morreu moitísima ameixa nas últimas semanas e toda a semente que tiñan. “Nunca na vida sementamos na praia e este ano tócanos sementar porque non temos nada. Vai custar moito recuperar. A ameixa xapónica tarda mínimo un ano para dar o tamaño legal para ir á venda, e agora mesmo non temos para sobrevivir todo o ano. E cando volvamos traballar, porque imos alongar tres meses máis o cese porque o pouco que temos queremos deixalo aí para que medre, teremos que ir a cotas pequenas”, asegura a presidenta da agrupación sectorial de marisqueo a pé da Confraría de Pescadores de Lourizán, Loli Moreira.
"Eu achaco a morte da mexilla e do marisco á temperatura da auga", apunta Loli Moreira, para sinalar que isto prexudica especialmente as ameixas
Na zona de Lourizán, Raxó e Pontevedra están a facer limpezas nas praias e traslados de semente de onde hai máis acumulada cara a onde queda menos. “Quitamos o mexillón da praia porque prexudica á ameixa e imos facendo rexeneracións porque a praia non pode quedar quieta, haina que traballar e manter limpa porque senón cando vaiamos traballar non atopamos nada”, di Moreira, que confesa que a menor produtividade do verán pasado puido compensarse polos elevados prezos.
Para Loli Moreira o cambio climático é o que máis está a afectar na ría. “Eu achaco a morte da mexilla e do marisco á temperatura da auga. Sempre tivemos invernos moi fortes con choivas, pero agora temos temperaturas moi altas no mar e iso prexudícanos porque a ameixa sempre está desovando. Normalmente a as ameixas desovan dúas veces o ano, pero ultimamente está sempre desovando e canto máis o faga máis débil queda; e entre a auga doce e quente, todo lle prexudica”, conta a mariscadora, que lembra como antes lles doían as mans do fría que estaba a auga mentres traballaban.
"A falta de produtividade é tremenda en xeral porque nunca a ría de Noia estivo unha campaña sen traballar", conta Adela Lestón
En Camariñas tamén levan anos con problemas para fixar o marisco nas praias. Alí é difícil pensar no relevo xeracional no ámbito do marisqueo porque a quen traballa diso hoxe non lle chega para vivir. De momento, a situación é mellor na ría de Muros e Noia. “Imos facer os primeiros mostraxes para a valoración de como está o molusco. Fixemos outros no inverno, e había bastante cría tanto de berberecho como de ameixa xapónica, pero non son relevantes despois de tanta choiva. Despois diso saberemos como está a cousa. De momento non vimos máis cuncha e episodios de mortalidade como os que vivimos o inverno pasado nas nosas praias”, explica Adela Lestón, mariscadora de a pé e vicepatroa da Confraría de Muros.
Para Lestón, que tamén preside a asociación de mulleres do sector pesqueiro do Seo de Fisterra Ría Muros-Noia, “a falta de produtividade é tremenda en xeral porque nunca a ría de Noia estivo unha campaña sen traballar”. Ademais, esta ría vese moi afectada pola apertura das presas dos encoros: “A salinidade xa está suficientemente baixa coas choivas que hai, se aínda encima soltas a auga da presa a salinidade baixa máis e hai moitísimos días nos que a salinidade chega a cero. O medio natural do marisco é a auga salgada, se ti pos a ese molusco (sobre todo cando está a marea baixa) a beber toda esa auga doce debilítase e morre”. “Sigo pensando que debera haber un protocolo de apertura dos encoros, pero non sei ata que punto iso é viable. Nun inverno no que non hai tanta choiva igual non afecta tanto, pero coa tendencia que vén, temos que insistir para conseguir eses protocolos”, engade Adela Lestón.
Rachou o equilibrio
“Non temos a que ir á praia, non hai nada, vese algo de cría de berberecho pero nada máis. Estamos indo a vixiar pola nosa conta, sen cobrar un peso. Pero ese berberecho non sabemos se vai chegar a grande, porque nos últimos anos ás veces xa morre sendo pequeniño. Vemos o futuro moi negro e non vemos a ninguén da Administración aportando solucións, nin sequera sabemos se se está preparando semente para que teñan para sementar todas as confrarías”, lamenta Susana Silva, que mira con impotencia a falta de alternativas mentres ten que seguir mantendo aos seus fillos.
"O meu trimestre de outubro a decembro de 2023 foron dous mil euros en total. Quedáronme libres para vivir pouco máis de mil euros. Na vida pasárame isto", di Susana Silva
O traballo das mariscadoras sempre ten inestabilidade porque depende dun ecosistema vivo, pero as campañas de Nadal e mais do verán axudan a subsistir nos meses máis baixos. “Ti xogas un pouco con este global do ano, precisas sacar algo máis neses momentos para pasar mellor os que veñen máis duros. O meu trimestre de outubro a decembro de 2023 foron dous mil euros en total. De aí hai que sacar case 260 euros de contribución á seguridade social ao mes. A min quedáronme libres para vivir pouco máis de mil euros. Na vida pasárame isto. E isto o saben na Consellería, que nos deron a axuda de 550 euros para pagar as cotas da seguridade social de outubro e novembro”, describe Susana Silva.
Hai quen está a cobrar unha axuda do Instituto Social da Marina (ISM) a maiores do paro, pero outras non teñen dereito a ningunha das dúas por estar rexistradas para outras actividades menores que normalmente lles serven para completar o soldo e chegar a fin de mes. “Penso que as mariscadoras non interesamos. No sector de a flote tamén están nas casas. Aquí en Vilanova hai familias enteiras que vivimos do mar. Cobramos en todo caso algo de Madrid ou de Europa, pero nada da Xunta”, critica María José Vales.
“Na Consellería do Mar deberan ter mirado por nós antes. Somos moitísimas persoas afectadas, que o único soldo que entra nas nosas casas é o da praia. E non se preocupan, o sector do mar debe ser o último pola cola entre as preferencias dos políticos. Se o sector da pesca afunde repercute en todos, cae tamén a economía circular de cada pobo. Pero parece que non lle importa a ninguén, como tampouco semella importar que entre marisco de fóra sen garantías sanitarias”, defende Susana Silva.