Investigadores da USC cifran en dous mil os furtivos de marisco e desenvolven unha ferramenta para reducir as capturas ilegais

Mariscadoras a traballar nunha ría galega © Xunta

Os investigadores calculan que entre 2012 e 2020 foron sancionados ao redor de dous mil furtivos por ano e extraéronse furtivamente 660 toneladas de marisco, unhas 73 toneladas por ano, unha cifra que marca “un limiar mínimo, polo que as cifras reais das capturas ilegais poden ser considerablemente maiores”, sinala Hugo M. Ballesteros

O furtivismo marisqueiro é un grave problema en Galicia. Cada ano a captura ilegal de ameixas, centolas, nécoras, ourizos, berberechos, zamburiñas ou percebes esquilma os bancos existentes no litoral do país, prexudicando os milleiros de persoas que nas distintas confrarías viven da recollida destas especies. Porén, a propia natureza opaca da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada fai que os datos sobre capturas sexan escasos ou pouco fiables, o que dificulta a estimación do volume de pesca ilegal e do número de persoas que a practican.

Agora, o Grupo de investigación de Economía Pesqueira (EcoPesca) do departamento de Economía Aplicada da USC vén de publicar unha investigación en Marine Policy na que establece un método que senta un precedente para a análise, presente e futura,  do furtivismo marisqueiro en Galicia. O artigo Estimación das capturas ilegais en pesquerías de pequena escala con poucos datos: O furtivismo marisqueiro multiespecífico na pesca artesanal galega foi realizado por Hugo M. Ballesteros, Gonzalo Rodríguez-Rodríguez e Eduardo Sánchez-Llamas.

A investigación creou unha base de datos a partir das sancións impostas nos últimos anos aos furtivos, única información oficialmente rexistrada sobre esta actividade

A investigación creou unha base de datos a partir das sancións impostas nos últimos anos aos furtivos, única información oficialmente rexistrada sobre esta actividade. Con esa base, xeraron un modelo estatístico e un índice que lles permitiron chegar a unha estimación do marisco extraído ilegalmente nos últimos anos, do número de persoas que practican o furtivismo e do nivel de reincidencia. A existencia destes datos pode permitir analizar a evolución desta problemática e as súas características e así, contando cunha mellor información, loitar de forma máis eficaz contra ela.

Aínda que as sancións son fundamentais para o cálculo de capturas ilegais, tan só ofrecen información dunha parte do furtivismo, o que é detectado e sancionado. Para cubrir esa fenda de información, os investigadores crearon outro índice a partir de 103 enquisas realizadas en 51 confrarías en Galicia respondidas na súa meirande parte por vixilantes, secretarios e membros da asistencia técnica. Complementaron a recollida de información analizando informes anuais de actividade de Gardacostas de Galicia e da Policía Autonómica.

A especie da que se interveu unha maior cantidade foi a ameixa, cun máximo de 55 toneladas no ano 2020. A centola (20 toneladas en 2020) e a nécora (10 toneladas) son as seguintes na lista, por diante da vieira, o ourizo, a zamburiña e o percebe, todos ao redor das cinco toneladas no ano 2020

No traballo, os investigadores calculan que entre 2012 e 2020 foron sancionados ao redor de dous mil furtivos por ano e extraéronse furtivamente 660 toneladas de marisco (dun total de 15 especies), unhas 73 toneladas por ano, unha cifra que marca “un limiar mínimo, polo que as cifras reais das capturas ilegais poden ser considerablemente maiores”, sinala Hugo M. Ballesteros. 

A especie da que se interveu unha maior cantidade foi a ameixa, cun máximo de 55 toneladas no ano 2020. A centola (20 toneladas en 2020) e a nécora (10 toneladas) son as seguintes na lista, por diante da vieira, o ourizo, a zamburiña e o percebe, todos ao redor das cinco toneladas no ano 2020. Este ano 2020 marcou un claro máximo na serie, nunha evolución na que hai que ter en conta o factor que puido supoñer a pandemia de COVID, pero que daba continuidade a unha tendencia que xa convertera o 2019 no ano con máis capturas ilegais dende 2012.

A investigación detecta que o número total de furtivos vén descendendo dende o ano 2014, pero non así a cantidade dos superfurtivos, polo que se pode concluír que na actualidade son "menos pero máis profesionalizados"

De igual xeito, o maior número de sancións foron para furtivos que recolleran ilegalmente ameixa, con máis de mil persoas sancionadas cada ano, cun número moi semellante á de persoas sancionadas por coller percebes sen permiso. No resto de especies o número de furtivos sancionados cada ano foi moito máis reducido.

Así mesmo, os investigadores observaron a existencia de individuos cunha altísima reincidencia, que denominan "superfurtivos", especialmente no caso da ameixa, o berberecho e o percebe. A investigación detecta que o número total de furtivos vén descendendo dende o ano 2014, pero non así a cantidade dos superfurtivos, polo que se pode concluír que na actualidade son "menos pero máis profesionalizados"

As características contextuais do furtivismo local resultan fundamentais para combater o marisqueo ilegal e en especial os furtivos reincidentes, apuntan os autores

Tal e como apuntan os autores do estudo, as características contextuais do furtivismo local resultan fundamentais para combater o marisqueo ilegal e en especial os furtivos reincidentes. “Por unha banda están os que encaixarían na necesidade de aplicar medidas coercitivas severas, que son aqueles que operan de maneira profesional, que fixeron do furtivismo a súa forma de vida e a súa principal fonte de ingresos consolidada”. Estes furtivos, explican, “tenden a integrarse en redes de apoio, contar con cómplices, xeralmente familiares, que lles axudan a manterse á marxe da lei, actuando no seu nome para levar a cabo calquera tipo de actividade financeira, comprar bens ou contratar servizos”.

Mariscadoras a traballar nunha ría galega © Xunta

Mais tamén dentro dos furtivos reincidentes existen outros tipos motivados a practicar o furtivismo por falla de oportunidades, desemprego, desigualdade ou por atoparse en situacións de exclusión social. “Para eles -apunta Ballesteros-, as simples sancións coercitivas, que non pagan, poden terminar sendo contraproducentes”, polo que habería que estudar outras solucións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.