Non é nada difícil deixarse levar polo impacto da beleza da Costa da Morte nin polos discursos que converten o día a día dos oficios do mar nunha sorte de épica folclorizadora, negadora da realidade ao agochar tanto o conflito -e o cambio- social como as forzas -as políticas públicas- que arrasan coa tradición moito máis que as dificultades inherentes a traballos -certamente- perigosos e precarios. Manuel Lógar non caeu, porén, niso, no seu documental Entre la ola y la roca, que chega aos cinemas este venres 22 de marzo despois de pasar por festivais coma a Seminci de Valladolid, o Môtif de Alaska ou Cineuropa, en Compostela. Cunha cámara que se vai achegando progresivamente aos protagonistas, Lógar analiza o presente e o futuro do labor dos percebeiros sen esquecer as tensións internas. Indo máis alá dos relatos sobre a dureza da loita entre o “home-heroe” e o océano. Falamos con el.
Entre la ola y la roca é un documental sobre os percebeiros de Muxía. Como xorde o proxecto? Cal era o seu obxectivo?
A película nace como proxecto final de grao da ESCAC, en Barcelona. Especializado en dirección documental, decidín comezar a investigación dunha curtametraxe na Costa da Morte, coa idea básica de rodar por fin perto da Coruña e mergullarme nunha contorna descoñecida e á vez moi familiar para min.
“O descoñecemento da maioría dos compañeiros da figura do percebeiro, que dende rapaz resultábame hipnótica, acaba por facerme decidir centrar o punto de vista neles”
O descoñecemento da maioría dos compañeiros da figura do percebeiro, que dende rapaz resultábame hipnótica, acaba por facerme decidir centrar o punto de vista neles. A idea inicial de curta medrou moito, ata converterse nesta longametraxe.
O documental está feito, basicamente, a partir de entrevistas cos percebeiros e de imaxes nas que podemos ver como traballan. No caso das segundas, é como a cámara se fose achegando máis, progresivamente, a eles: de planos máis xerais ata unha cámara que se amosa moi perto... Está así feito por algún motivo especial?
Á metade do rodaxe, semanas despois da chegada do resto do equipo, un dos protagonistas, Félix, confesounos que fora a primeira vez que alguén viña rodar máis de dúas ou tres xornadas, e non só indo ás rochas, senón no seu día a día. Nas súas casas, no bar, no porto… Estamos convencidos de que vivir con eles durante mes e medio axudounos a captar a atmosfera que buscabamos e, día tras día, a comodidade deles connosco provocou que se abrisen á cámara dunha forma que nun comezo non esperabamos.
“Vivir con eles durante mes e medio axudounos a captar a atmosfera que buscabamos e, día tras día, a comodidade deles connosco provocou que se abrisen á cámara”
Esta idea de achegamento pode chegar a reflectirse na planificación, aínda que de forma orgánica, non intencionada, creándose este sentimento tamén no espectador, introducíndoo sutilmente nesta contorna sensitiva dos percebeiros. Aínda así, en todo momento buscamos crear esta loita de forzas entre o home e a natureza, e facer sentir no corpo o poderío do mar, un mar vivo, bravo, que case actúa como un entrevistado máis.
Un documental sobre os percebeiros podería ser, facilmente, un relato épico (máis) sobre un oficio case heroico, que de tanto falar de idealizados heroes esquecese falar da realidade: dos conflitos internos entre os percebeiros, por exemplo. O teu documental non nega a realidade (a dureza, o perigo), pero tampouco idealiza nada. Ese enfoque foi algo consciente, parte do obxectivo?
Exactamente esa era a intención dende o comezo. Que fose cru, que fose real. Comezar dende un punto obxectivo onde, nunha historia que todo puidese ser branco ou negro, poder xogar cos grises no medio e reformular a nosa idea da Costa da Morte e os seus habitantes. Poder ver os personaxes do documental coma persoas coma nós, cos seus erros e virtudes, creo que non fai máis que reforzar o impacto que ten velos xogar a vida nas rochas tódolos días.
É un retrato coral dunha realidade, (realizado a varias voces). Con que criterios escolliches os principais entrevistados? Ou foi máis ben unha decisión que tomaches á hora de facer a montaxe?
Na forma na que traballo existe unha investigación e achegamento previo, aínda que máis dirixido a facilitar a rodaxe por intuición. De feito chegamos a ter un guión de 50 páxinas. Pero ao segundo día de comezar, quizais pola maxia de rodar a realidade, ou porque como equipo desenvolvémonos mellor coa improvisación, seguir as pautas do guión perdeu todo o sentido, polo que acabou no lixo. Tiñamos claro o que queriamos contar, e durante esas semanas deixámonos guiar polas sensacións que nos levaran máis perto de cara a esa tese. Por así dicilo, rodar sabendo o que queres dicir, pero deixando que o como xurda na rodaxe.
“Seguir as pautas do guión perdeu todo o sentido, polo que acabou no lixo”
Non se agochan, ao gravar as reunións da agrupación, as tensións -ou discusións ben abertas-, que teñen que ver cos fallos na vixilancia contra os furtivos ou cos problemas causados pola burocracia, entre outras cuestións. Natxo, o encargado da Confraría de Muxía, é aí como a figura intermediaria entre o mundo dos percebeiros (ao que el tamén pertence) e unha Administración que parece afastada e allea aos seus problemas (representada tamén polos axentes que controlan o peso das capturas). Hai algún motivo polo que se fale da Administración dese xeito só indirecto e, en realidade, bastante pouco?
Foi complicado tentar encontrar o equilibrio das forzas coas que, por un lado realizar un documental sensitivo, co que levar ao público a realidade dos percebeiros, non razoada senón física, pero por outro nunca esquecer o tratamento social da obra.
“Sendo unha película independente e autodistribuída, temos a liberdade de facer ver o abandono por parte das institucións, locais, nacionais e europeas”
Sendo unha película independente e autodistribuída, temos a liberdade de facer ver o abandono por parte das institucións, locais, nacionais e europeas, que non souberon, nin saben, tratar cunha contorna baseada en traballos artesáns. O cabo Touriñán de Muxía, o final de Europa, é o símbolo de como ata no último punto da UE estanse a aplicar políticas dirixidas a un modelo mecanizado, industrial e de sobreexplotación, que nun principio quixo acabar coa pesca artesanal, beneficiando os grandes arrastreiros, e á vez intentando acabar cos problemas ambientais que provoca este mesmo modelo, controlando a sobrepesca cunhas cotas que condicionan moitísimo máis aos pescadores de baixura que ás grandes embarcacións.
“O cabo Touriñán de Muxía é o símbolo de como ata no último punto da UE estanse a aplicar políticas dirixidas a un modelo mecanizado, industrial e de sobreexplotación"
É dicir, agora mesmo esta situación imposta non fai feliz nin aos pescadores, nin aos ecoloxistas, nin aos propios defensores do mesmo sistema. E, no caso dos percebeiros, vense atrapados nun traballo irregular e ambiguo, que intenta ser encaixado con forza nun modelo estandarizado, acabando por poñelos dos nervios. Encántame a frase de Benito no documental, onde define o percebeiro coma “un toureiro mal pagado”. Os percebeiros forman parte do noso patrimonio, e como tal o seu modo de vida debería ser protexido.
En relación con iso, a través de parte das entrevistas o espectador é trasladado un pouco ao que aconteceu no Prestige (a ausencia das “autoridades”, a súa irresponsabilidade, as divisións internas entre a xente do mar), ademais de situalo un pouco nas políticas que levaron á situación de despoboamento e falta de emprego no lugar: axudas só para os grandes arrastreiros e dificultades para os pequenos… Poderíase botar en falta máis análise por este lado. (Consulta de expertos, por exemplo). Non se fixo así por algún motivo?
O xa mencionado, tiñamos que pensar nesta balanza na que equilibrar a creación da atmosfera e sensacións desta realidade, e logo reflexionar sobre ela. De nada serviría facer un razoamento sisudo do estado económico dos percebeiros, se iso non vai acompañado da sensibilidade que caracteriza o seu traballo. Ao final, a beleza do cine é poder facer arte e tamén estudo. E pola nosa parte buscabamos iso, a reflexión na evasión.
Non se renuncia, tampouco, a reivindicar un lugar (Muxía), un xeito de vida (ser percebeiro, mariscadora, patrón de barco de pesca…) e unha paisaxe. A terceira está moi presente. Impresionan, por exemplo, as imaxes que parecen tomadas desde o aire. Como se fixeron?
A verdade que a Costa da Morte é unha contorna demasiada agradecida para isto. Mael, o director de foto, sorprendíase coa beleza case involuntaria das paisaxes, como se poñendo a cámara en calquera lugar, houbese algo co que quedar hipnotizado. Pola miña parte, e mantendo o equilibro que guiou o documental, renunciei á busca de paisaxes virxes, onde a beleza da natureza nos atrapase, para buscar nestes planos a constante da competencia entre o home e a súa contorna. Na película, o espectador goza de paisaxes belas e únicos, pero nelas sempre se mostra a pegada nosa. Tendidos eléctricos, grandes construcións, aeroxeneradores... Non retratar estas estruturas sería obviar que o noso impacto no medio xa forma parte do mesmo, e a simbiose que crea esta unión resúltame interesantísima. Galicia, entre eucaliptos (por desgraza) e aeroxeneradores. No caso dos planos dende o aire, foron tomados cun dron de Aeromedia, e grazas á destreza dos seus pilotos puidemos conseguir imaxes tan impactantes, aínda sufrindo o forte vento da costa.
No documental fálase moito, como diciamos antes, de conflitos internos: da falta de unión e solidariedade e, sobre todo, do chamado furtivismo interno. (E xa non só externo). Que se explicaría polo contexto de crise: o prezo do produto baixa ao reducirse a demanda, e entón para compensar unha parte dos percebeiros collen máis do permitido (agochándoo de mil maneiras). Que conclusións podemos tirar do documental sobre este problema, o do furtivismo interno?
Este problema é o mesmo que acontece na loita polo medio actual. O individual fronte ao común. Esta actitude dalgúns percebeiros, comprensible no sentido da súa inestabilidade económica, aplicámolo calquera de nós cando collemos o coche innecesariamente, ou asumimos que o cambio social non chegará porque, simplemente, se eu non me aproveito, farano os demais. É certo que o impacto individual pouco pode facer para arranxar un conflito tan grande como o cambio climático, pero no documental tamén sacamos a conclusión de que, xuntos, todo pode facerse. E o cambio, vistas as tan necesarias manifestacións do pasado 15M, chegará. Agardemos que non sexa demasiado tarde.
“No documental tamén sacamos a conclusión de que, xuntos, todo pode facerse”
Algo que queda claro no documental, tamén, é que, aínda que a situación das novas xeracións foi mudando (tiveron a oportunidade de estudar), o de percebeiro non é precisamente un oficio de clases altas. Moitos falan de que non puideron ir á escola, de que fixeron ese traballo toda a vida… E supoño que o documental, no fondo, o que reivindica é o dereito a vivir dignamente do seu traballo dunhas persoas que son iso, traballadores. Era un pouco a idea?
Galicia sufriu penurias económicas durante moito tempo e isto cala na cultura dunha sociedade. O cine dos irmáns Dardenne mantén unha premisa invariable nas súas películas, a dignidade da clase obreira, como dis, o dereito a vivir dignamente. Pode ser que o noso rural estea nunha forte crise, pero non por iso se debe abandonar institucionalmente polo crecemento do urbano. Esta idea de vivir con dignidade, a pesar das complicacións, é a forza que mantén os percebeiros, os pescadores, as mariscadoras e a todos os traballadores que día a día loitan por sobrevivir.
En relación con iso, e ao ser un oficio moi masculinizado, saen moi poucas mulleres no documental, e cando saen están case sempre nun plano secundario. (A muller que limpa o percebe detrás do marido que fala). A excepción son as mariscadoras e as (poucas) percebeiras (que aparecen máis perto da praia). Cal é, polo que puideches observar, o papel das mulleres nesa contorna, a do oficio dos percebeiros?
As percebeiras, que ben merecen unha película só para elas, teñen unha dinámica distinta de traballo, sendo esta non tan arriscada (que tamén o é), pero si máis pausada e razoada, buscando con máis paciencia e coidado os lugares onde pode haber percebes.
“As percebeiras, que ben merecen unha película só para elas, teñen unha dinámica distinta de traballo”
É unha das espiñas cravadas dos erros que ten a película. No documental dependes por completo da realidade, e o noso punto de vista das mulleres percebeiras ía ser o testemuño de Mari Lista, gran percebeira de Corme. Por desgraza, pouco antes de comezar a rodaxe, Mari lesionouse traballando e tivo que coller unha baixa.
Foi entón cando tomamos a decisión de non ir a Corme, manténdonos todo o tempo en Muxía. Para a estrutura narrativa e a tese documental, resultou a mellor opción, pero co prezo a pagar de non poder tratar a figura das percebeiras como nos gustaría. Facer unha película supón perder historias que queres polo ben de acadar a historia que amas. Por sorte, despois da rodaxe chegou a marabillosa curtametraxe de Álvaro Gago, Matria, que aínda sen falar directamente das percebeiras, fala dos conflitos da estendida idea dun falso matriarcado en Galicia, onde a muller remata facendo o dobre do traballo.
“Facer unha película supón perder historias que queres polo ben de acadar a historia que amas”
Hai algo que por veces resulta algo raro (e que se lle criticara por exemplo a Lois Patiño polo seu documental sobre a Costa da Morte, no que tamén saían os percebeiros), que é que algúns dos entrevistados parecen cambiar ao castelán cando se lles pon a cámara diante para entrevistalos (os mesmos aos que viramos falar en galego entre eles). Por que cres que acontece isto?
Ao comezo das entrevistas pedíalle a quen estivese diante da cámara que falase como quixese, galego ou castelán, tomando cada un a decisión que consideraba máis cómoda. É certo que o noso equipo, a excepción de eu e Roi, segundo sonidista, era de fóra. Mael (Venezuela), Wayne (Inglaterra), Kiku (Cataluña), e David e Cris (Colombia), e entre nós falabamos castelán por obvios motivos. O bo trato dos percebeiros co equipo puido estenderse ata o punto de que algúns falasen máis castelán do normal, aínda que en pouco tempo ata Wayne entendía o galego muxián sen problema. Que entendese o meu coruño xa non foi tan sinxelo... Creo que esta mestura de galego e castelán, non impostar dende o comezo ningún, enriquece a película. E tamén ver a realidade do uso do castelán, ás veces considerado tristemente máis formal co galego, fala da nosa historia, e de como nas nosas palabras escóndese un triste pasado.
Hai unha voz que poderiamos considerar especialmente importante no documental, que é a de Moncho, un dos percebeiros veteranos, se cadra o máis). Por veces é como se servise de fío condutor do relato: fala da falta de concienciación do gremio, da necesidade de organizarse mellor para frear o furtivismo e, sobre todo, do problema do furtivismo interno. Quen é esta persoa e por que, dalgún xeito, ten este papel no documental?
Xa xubilado, Moncho aparece no documental como presidente dos percebeiros de Muxía. É a figura que representa ese pasado artesán, que ve como o modo de vida actual está a esnaquizar o futuro deste traballo, ao esquilmar a costa. Pero debe quedar claro que os percebeiros son as vítimas disto, que debido á súa precariedade económica, acaban no mesmo saco os que necesitan máis para sobrevivir, e os que necesitan máis por pura avaricia. Basicamente vólvese á idea da actitude nosa, como sociedade, co cambio climático. Como di Pablo nun momento, “o mar é de todos”, e é certo, pero esta idea parece que mutou despois do Prestige e da crise. O mar era de todos, pero agora parece que non é de ninguén.
“Como di Pablo nun momento, “o mar é de todos”, e é certo, pero esta idea parece que mutou despois do Prestige e da crise. O mar era de todos, pero agora parece que non é de ninguén”
É especialmente interesante tamén o testemuño do percebeiro que di que todos os traballos (albanel, condutor…) teñen o seu risco, que non hai tampouco que darlle tanta importancia. En xeral, no documental percíbese moito ese ton: a aceptación, con naturalidade, dos perigos do oficio. E o mesmo para a aceptación da morte. Xunto cunha reivindicación, tamén, do amor polo oficio e da especial relación que implica coa natureza, co mar. Era tamén parte do obxectivo? (Retratar a relación coa morte, co mar…)
É unha das miñas escenas favoritas. Creo que nese testemuño, a primeira vista tan sinxelo, encóntrase a idea central desa resiliencia dos traballadores da Costa da Morte. Os percebeiros xogan a vida día a día, por un salario que os manteña a flote. E esta é a súa vida, e a partir desta aceptación, de que todos temos os nosos problemas, dificultades e conflitos, é cando se pode empezar a medrar. Comprender a realidade propia e ser conscientes do momento no que nos encontramos, que non é o máis positivo, é o primeiro paso para reformular as cousas, por un mellor futuro. Arríscome a dicir que ese “éche o que hai” de Ramón, é o “éche o que hai” máis poderoso que escoitei nun documental. Aínda que non sei se Herzog me discutiría esta afirmación…
“Nese testemuño, a primeira vista tan sinxelo, encóntrase a idea central desa resiliencia dos traballadores da Costa da Morte”
Algo máis que queiras salientar?
Só agradecer aos habitantes da Costa da Morte que recibisen así un pequeno equipo de rodaxe coma nós. E dedicar esta película a tódolos percebeiros, mariscadores e pescadores que faleceron no mar. Agardo que a película guste, como homenaxe a eles.