Propaganda para miles de loitas e esperanzas: o Fondo Miguel Gutiérrez, agora tamén en internet

Propaganda política no Fondo Miguel Gutiérrez, dixitalizado polo Consello da Cultura e HISPONA © CCG / Fondo Miguel Gutiérrez

O Consello da Cultura Galega e o grupo de investigación Hispona publican para a súa libre consulta máis de 3.500 carteis, panfletos e adhesivos recompilados durante décadas polo coruñés Miguel Gutiérrez

En 1976, con apenas 13 anos, o coruñés Miguel Gutiérrez comezou a recoller carteis e pasquíns de propaganda política nas rúas. Medio século despois segue a facelo e o seu xa é un fondo histórico en toda regra. "Non se trata dunha colección estritamente sistemática", pero si cunha gran "dimensión histórica e cultural", recoñece sobre a súa enorme colección, agora tamén dispoñible en internet grazas ao labor do Consello da Cultura Galega da man do Grupo de Investigación Hispona da Universidade de Santiago.

Máis de 3.500 carteis, panfletos, adhesivos e outros documentos están agora abertos á libre consulta, trazando un mapa de milleiros de loitas e esperanzas a través dun "fondo valioso para coñecer a transición política e o proceso de construción da democracia", resume o historiador Emilio Grandío, membro de Hispona. "É fundamental -agrega- que a cidadanía coñeza este patrimonio".

Cartelería e adhesivos do fondo de propaganda política Miguel Gutiérrez, dixitalizado polo CCG © Fondo Miguel Gutiérrez / CCG

Como explica o propio Grandío no sitio web do proxecto, a consulta deste fondo "mergúllanos especialmente naqueles primeiros anos da nosa democracia", a un tempo no que as rúas eran "espazo de convivencia" onde "se difundía e onde se atopaba toda esta propaganda". "A propaganda e a información eran tanxibles, tiñan textura" nunha cultura democrática con "todo por construír".

"Pon sobre a mesa e visualiza o inxente traballo daqueles anos. Moi especialmente da xente anónima, nunca recoñecida, que quería un futuro dialogado en paz e democracia"

"O Fondo de Propaganda Política Miguel Gutiérrez pon sobre a mesa e visualiza o inxente traballo daqueles anos. Moi especialmente da xente anónima, nunca recoñecida, que quería un futuro dialogado en paz e democracia", sinal Grandío. E fixérono xerando "ilusión" en "tempos duros", tanto "pola incerteza do futuro como porque había que afastar os usos e abusos dun réxime ditatorial de moitas décadas". 

Alén da propia dixitalización, a publicación do Fondo Miguel Gutiérrez chega traendo consigo media ducia de itinerarios para coñecelo. Así, por exemplo, CCG e Hispona achégannos ás diversas reivindicacións aglutinadas ao redor do Día da Patria Galega ou Día Nacional de Galicia nos tempos da Transición, ou aos tempos en que nacía "unha nova sociedade: do poder local ao pacifismo".

O Fondo Miguel Gutiérrez inclúe tamén abondosos materiais de colectivos e actividades culturais, sociais ou deportivas © Fondo Miguel Gutiérrez / CCG

A "construción dun Estatuto" de Autonomía para o noso país, o xurdimento, consolidación e desaparición de diversos partidos políticos, a fin da ditadura ou a "escola de democracia" que supuxo a fin do franquismo son outros dos vieiros propostos. Son só algunhas das posibilidades para percorrer un fondo que, explica o Consello da Cultura, "se integra dentro dunha liña de traballo prioritaria" da institución para "afondar na memoria da Transición galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.