O Consello da Cultura Galega vén de publicar as primeiras mostras do Fondo Miguel Gutiérrez, unha importante colección documental que recolle a propaganda e publicidade políticas entre o final do franquismo ata a década dos 2000
Aproveitando a realización, esta semana, dunha nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, centrada na análise do patrimonio da Transición, o Consello da Cultura Galega vén de publicar as primeiras mostras do Fondo Miguel Gutiérrez, unha importante colección documental que recolle a propaganda e publicidade políticas entre o final do franquismo ata a década dos 2000. O grupo de investigación HISPONA da USC está a catalogar e dixitalizar este material, parte dun patrimonio documental "tan relevante como pouco valorado" do que agora se ofrece unha primeira escolma.
O obxectivo do encontro, que tivo lugar o pasado 14 de febreiro no Consello da Cultura, era "preservar este patrimonio cultural que representan os feitos cara á 'normalización democrática' daqueles anos, que agora mesmo se conserva maioritariamente no recordo das persoas que os protagonizaron, e dar visibilidade a todo aquel esforzo colectivo".

"A sociedade dos anos setenta foi unha sociedade marcada polo cambio, que loitou pola súa representatividade, por facerse oír e por incidir nunha ágora pública da que estivera ausente durante as décadas da ditadura"
Na sesión, que contou coas intervencións Xosé Manoel Núñez Seixas (USC), Antonio Rivera Blanco (UPV) e Emilio Grandío (USC), destacouse que "a sociedade dos anos setenta foi unha sociedade marcada polo cambio, que loitou pola súa representatividade, por facerse oír e por incidir nunha ágora pública da que estivera ausente durante as décadas da ditadura".
O especial do Consello da Cultura sobre Propaganda Política na Transición divídese en cinco apartados con textos explicativos a cargo de Jose Carlos Garcia Vega e Emilio Grandío (HISPONA) nos que se organizan unha serie de imaxes, maioritariamente carteis e panfletos dos últimos anos da ditadura e os primeiros da democracia.
"Nos primeiros meses as prioridades foron pedagóxicas: había que educar a xente en como exercer os seus dereitos individuais"
En A fin da ditadura proponse unha viaxe no tempo ao momento no que "a democracia era un soño perdido convertido en pesadelo". Tamén se fai fincapé na importancia dese tempo como Escola de democracia, destacando que "especialmente nos primeiros meses as prioridades foron pedagóxicas: había que educar a xente en como exercer os seus dereitos individuais".
"O recordo mantido durante anos nas agrupacións clandestinas foi substituído pola ilusión do futuro, con estruturas de xestión política e efectivos novos"
O terceiro apartado, Novo futuro, novos partidos, percorre as imaxes das primeiras convocatorias electorais, nas que "os partidos políticos canalizaron as vontades de cambio dentro do novo parlamentarismo democrático" e nas que "o recordo mantido durante anos nas vellas agrupacións clandestinas foi substituído pola ilusión do futuro, con estruturas de xestión política e efectivos novos"
"O recorte polo Estado de boa parte das súas competencias autonómicas provocou a maior unidade de acción arredor da defensa da capacidade de decidir pola sociedade galega"
O cuarto capítulo, A construción dun Estatuto, céntrase na loita exercida na Transición Política para que Galicia acadara un Estatuto de Autonomía de primeiro nivel. Finalmente, Galicia entrou pola ‘vía rápida’ na obtención do seu Estatuto de autonomía, "pero non foi sen problemas", destácase, pois "o recorte polo Estado de boa parte das súas competencias autonómicas provocou a maior unidade de acción arredor da defensa da capacidade de decidir pola sociedade galega".

En Unha nova sociedade: do poder local ao pacifismo afóndase na multitude de movementos, conflitos sociais e loitas que se abriron na Transición Política unha vez conseguido os obxectivos primordiais
Finalmente, en Unha nova sociedade: do poder local ao pacifismo afóndase na multitude de movementos, conflitos sociais e loitas que se abriron na Transición Política unha vez conseguido os obxectivos primordiais de democracia, amnistía e estatuto de autonomía. "A necesaria transparencia dos réximes democráticos permitiu que se abordasen todos aqueles conflitos que se atopaban paralizados agardando unha resposta: as infraestruturas de comunicación, a desigualdade de xénero, o incremento do paro, o papel do exército na sociedade, a extensión dos grupos golpistas…", destácase na presentación.